Nos primeiros días de setembro, o Goberno de España aprobou a transferencia ás comunidades autónomas do tramo do tramo dos fondos extraordinarios ligados á pandemia (o coñecido como fondo COVID) que foi distribuído con criterios baseados no sistema educativo. A Galicia correspondéronlle 92,98 millóns de euros, repartidos a partir de variables como o número de poboación en idade escolar, mentres a Xunta discrepaba tanto do criterio como do montante achegado dende o Goberno de España.
O tramo do Fondo COVID transferido en setembro foi repartido polo Estado con criterios baseado no sistema educativo, pero o destino dos cartos é "responsabilidade das comunidades autónomas"
Tal e como quedou fixado no decreto que regulou o fondo, estas transferencias non teñen "carácter condicionado", aínda que respondan a criterios sanitarios ou educativos. "Será responsabilidade das comunidades autónomas" destinalas a estas ou outras materias, sinalaba o Executivo do PSOE e Unidas Podemos. É por isto que a CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o persoal docente en Galicia, esixe á Xunta aclarar o destino concreto deses case 93 millóns de euros.
Esa petición, que tamén reiterou a pasada semana o BNG no Parlamento durante o debate no que o PP constatou que o Goberno galego non prevé financiar as máscaras que o alumnado debe portar obrigatoriamente nas aulas, foi exposta este luns polo secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, no marco da Mesa Docente do Estado -órgano que xunta os sindicatos educativos maioritarios co Ministerio de Educación-. Na sesión, celebrada a través de internet por mor da propia pandemia, Bermello amosou "preocupación" polo "uso deses fondos" en Galicia. [258 positivos e 51 aulas pechadas tras a primeira semana de información sobre o coronavirus nos centros de ensino]
Concretamente, indica a central sindical, CIG-Ensino cuestionou o secretario xeral técnico do Ministerio de Educación, Liborio López García, partindo da base de que "a xunta está vendendo que a contratación de 543 docentes a media xornada para o programa ARCO", o programa de reforzo educativo xa existente antes da pandemia, "forman parte do esforzo para loitar contra a COVID nos centros educativos". "Considerámolo un desprezo", afirman.
"Na mesma liña situamos o anuncio feito esta mesma mañá", abonda o sindicato, a respecto de "410 docentes a maiores do programa ARCO, contratos a media xornada" que "non se financian dentro dos 93 millóns do Fondo COVID específico para ensino". Susténtanse, lembran, no Fondo Social Europeo e en cartos do propio Ministerio de Educación.
O sindicato censura que a Xunta "venda" que programas de reforzo educativo xa existentes antes da pandemia forman parte do esforzo para loitar contra a COVID nos centros educativos" e, tras un encontro co Ministerio de Educación ve acreditado que "mentiu" ao respecto
Na resposta á CIG-Ensino, mantén o sindicato, o Ministerio "afirmou que as contratacións de programas como ARCO non se poden computar dentro do Fondo COVID", o que para Bermello "confirma a denuncia sobre as mentiras da Consellería". Neste encontro, agrega o sindicato, o Goberno central "on deu resposta á posibilidade de que haxa máis fondos que os 93 millóns actuais para Galiza".
En calquera caso, consideran, "quedaron ao descuberto as mentiras da Consellería no seu artificio contábel á hora de vender contratacións e ponse de manifesto que a Xunta non incremento o persoal docente nin autorizou os desdobres en Infantil, Primaria e Educación Especial porque non quixo". Este, conclúen, é un motivo máis para que "como sindicato, promovamos o control e fiscalización do Fondo COVID en Galiza" e "denunciaremos, por todas as vías necesarias, a deriva para outros fins destes recursos".