O Consello de Ministros aprobou este mércores o decreto-lei polo que crea o Fondo Covid-19 de 16.000 millóns de euros para repartir entre as comunidades autónomas e co que o Goberno central pretende que se financien os gastos derivados da pandemia, sobre todo no ámbito sanitario, ademais de "incrementar as partidas en educación, compensar a caída de ingresos fiscais e grantir a prestación de servizos públicos esenciais".
O Consello de Ministros aprobou este mércores o decreto-lei polo que crea o Fondo Covid-19, 16.000 millóns de euros a repartir entre as comunidades
"Non terán que devolver o diñeiro, non vai incrementar a súa débeda pública nin van xerar xuros a abonar ao Estado", explicou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, sobre un fondo non reembolsable do que 9.000 millóns de euros están previstos para reforzar o persoal e os sistemas da sanidade pública, 2.000 para as necesidades da educación e 5.000 para compensar a caída da recadación dos impostos propios das comunidades.
Núñez Feijóo, que este mesmo mércores volveu criticar a repartición dos 16.000 millóns por ser un "bo paso" frustrado por "intereses políticos", amosara xa nunha conferencia de presidentes a súa disconformidade co feito de que se determinase en que gastar eses cartos. Mesmo demandara, segundo varios medios, liberdade para destinar a partida educativa a outros fins. Máis tarde, o PPdeG matizara algo a postura asegurando que o que a Xunta "reclama" é "poder decidir desde Galicia e non desde Madrid o destino prioritario deses fondos".
O decreto aclara que as transferencias do fondo "non terán carácter condicionado" e que "será responsabilidade das comunidades" destinalas á finalidade prevista
Será así, xustamente, segundo se pode ler no decreto-lei publicado no BOE, que aclara que "as transferencias realizadas con cargo a esta dotación non terán carácter condicionado, polo que será responsabilidade das comunidades autónomas destinar estes recursos á finalidade para a que foron concedidos". Xa que logo, e malia a repartición do fondo segundo criterios sanitarios e educativos, dependerá da Xunta que sexan finalmente gastados no ensino e na sanidade. O destino do groso dos cartos dependerá, daquela, do Goberno galego que saia das urnas o vindeiro 12 de xullo.
Xa anteriormente, tras unha conferencia cos presidentes autonómicos, o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, adiantara que serían as comunidades as que poderían decidir o destino de diñeiro sen render contas ao Executivo central. "Farano aos cidadáns a través dos seus respectivos parlamentos autonómicos", dixera sobre uns fondos que non son finalistas.
Para Feijóo, no entanto, a crítica agora é a un fondo que ve "truncado e devaluado como consecuencia de criterios opacos nalgúns casos e impropios noutros".
O denominado Fondo Covid-19 divídese en catro tramos: o primeiro, de 6.000 millóns, abónase en xullo en función da incidencia do virus en cada territorio, tomando como referencio os datos de ingresos en UCI, pacientes hospitalizados ou PCR realizadas a 30 de abril. O segundo, tamén para gasto sanitario e de 3.000 millóns, repartirase en outono, mentres que o de 2.000 millóns reservado á educación abonarase en setembro, coincidindo co curso escolar.
O cuarto tramo, dotado con 5.000 millóns, dividirase en dous: 4.200 en fución do peso da recadación nos anos 2017, 2018 e 2019, ademais de 800 millóns destinados a financiar o déficit adicional sufrido polo transporte público autonómico por mor do estado de alarma.
Segundo destacou María Jesús Montero, o decreto permite, de maneira excepcional, que as comunidaes con superávit en anos anteriores pendente de alicar poidan destinalo a cubrir necesidades de financiamento provocadas pola pandemia.