O Ministerio de Educación e as comunidades autónomas (agás Euskadi e Madrid) pactaron este xoves un acordo de mínimos para o vindeiro curso escolar. Trátase de 14 medidas básicas, consensuadas na xuntanza da Conferencia Sectorial de Educación, que inclúen o compromiso de que o curso se desenvolva de forma presencial, na medida do posible, e tamén se asegura que os centros manterán servizos coma o transporte e o comedor escolar. Euskadi manifestou estar de acordo co contido, pero mantiña diverxencias en cuestións competenciais, mentres que Madrid foi a única comunidade crítica co acordo.
O pacto acadado polo Ministerio e 15 comunidades autónomas inclúe o compromiso de que o curso se desenvolva de forma presencial e de que os centros manterán servizos coma o transporte e o comedor escolar
O acordo tamén establece que os centros deberán adaptar as súas programacións didácticas para "recuperar as aprendizaxes imprescindibles non acadadas". As comunidades tamén se comprometen a elaborar protocolos de actuación para garantir a hixiene, a limpeza e o control sanitario nos centros de ensino. E, igualmente, plans de continxencia para ter en conta diversas situacións ligadas á evolución da pandemia de coronavirus. As comunidades autónomas tamén se comprometen a reducir a fenda dixital do alumnado que o sofre
Con todo, a pesar de chegar a estes compromisos xenéricos, as comunidades autónomas rexeitaron aplicar o protocolo que este mércores propuxo o Ministerio de Educación, que recollía por exemplo a obriga de gardar unha distancia mínima de 1,5 metros ou unha redución do número de alumnos e alumnas por aula en Infantil e ata 4º de Primaria "idealmente" ata un máximo de 15, pero abrindo a porta deixalo en 20.
A Xunta rexeita a redución do número de alumnos e alumnas por aula, sinalando que os grupos de ata 20 alumnos "representarían unha ruptura dos grupos xa establecidos nas aulas"
Na xuntanza a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, fixo fincapé precisamente no rexeitamento da Xunta a esa redución proposta do número de alumnos e alumnas por aula, sinalando que os grupos de convivencia estable de ata 20 alumnos "representarían unha ruptura dos grupos xa establecidos nas aulas". A Consellería de Educación aposta por manter as ratios e afirma que "o mantemento dos grupos actuais, coas medidas de prevención sanitarias previstas, representa maior seguridade socioemocional ao alumnado para afrontar o novo curso despois de varios meses separados dos seus compañeiros habituais".
Pomar sinalou que esta redución de alumnado por aula "precisaría de recursos que non se poderían cubrir cos fondos anunciados polo Ministerio"
Pomar sinalou que esta redución de alumnado por aula "precisaría de recursos que non se poderían cubrir cos fondos anunciados polo Ministerio, xa que non se trata só de ampliar profesorado, senón de espazos educativos". Ademais, opinou que a realización de actividades ao aire libre ou a conversión en aulas de espazos destinados a outros usos "non sempre é viable". Segundo Pomar, a estimación de custos para esta redución dos grupos superaría a previsión de 120M€ que lle corresponderían a Galicia dos 2.000M anunciados polo Goberno central.
Carmen Pomar tamén esixiu que o Real Decreto-lei 21/2020 de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facerlle fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 "coas alegacións realizadas pola Consellería de Sanidade" sexa o marco de referencia no ensino. O decreto, publicado este martes 9 de xuño, recolle que nos centros de ensino "deberá asegurarse a adopción das medidas organizativas que resulten necesarias para evitar aglomeracións e garantir que se manteña unha distancia de seguridade de, polo menos, 1,5 metros". E que "cando non sexa posible manter dita distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio".