O MInisterio de Educación, en colaboración co de Sanidade, vai establecendo as pautas para a volta ás aulas o vindeiro curso escolar e relaxa as medidas de prevención e seguridade previstos. Un día antes da reunión que o Goberno central terá coas comunidades autónomas, o departamento que dirixe Isabel Celáa vai desvelando as propostas para esa reapertura das escolas. En Galicia, a comunidade educativa agarda tamén pola iniciativa da Xunta, que continúa sen dar resposta ás dúbidas das últimas semanas.
O Ministerio propón que o número "ideal" de alumnos nas aulas de Infantil e ata 4º de Primaria sexa de 15, pero abre a porta a que cheguen a 20
As ideas que se foron deslizando son agora relaxadas, tal e como foi indicando a ministra en varias entrevistas e o propio Ministerio este mércores nunha nota. A folla de ruta previa que se presentará ás autonomías propón que en Infantil e ata 4º de Primaria as aulas sexan "idealmente" de 15 alumnos, pero ábrese a porta a que poidan chegar ata un máximo de 20 ao ser "un grupo de convivencia estable".
Ao formarse ese grupo de convivencia estable, o Ministerio considera que poderán "socializar sen mater a distancia interpersoal de forma estrita", ademais de "posibilitar o rastrexo de contactos rápido e sinxelo no suposto de que se dese algún caso" de coronavirus.
As aulas de ata 4º de Primaria son un "grupo de convivencia estable", polo que o alumnado non terá por que manter a distancia "de forma estrita" nin usar máscara
Precisamente, e en contra do que se foi comunicando antes, o uso da máscara non será obrigatoria nin en Infantil nin ata 4º de Primaria "se se está co grupo estable de convivencia". Xa que logo, o estudantado ata dez anos non ten a obriga de levar esta protección, que si o será para o resto do alumnado se non se pode garantir ese distanciamento social de 1,5 metros, aínda que poderán prescindir dela sentados nos pupitres.
Porque neste documento previo que se trata este xoves coas comunidades proponse ese máximo de 20 alumnos ata 4º Primaria pero non se especifican as cifras máximas no resto dos cursos, polo que o máximo de alumnos por aula será o que permita esta distancia de seguridade mínima, que será finalmente de 1,5 metros logo de que o Goberno central optase por ese mínimo de entre unha recomendación de separación ata os 2 metros.
A idea que ten o Ministerio de Educación é que "todos os alumnos" volvan presencialmente ás aulas o vindeiro curso e, de non ser posible, que o faga o maior número posible. No caso de que algún centro, polo excesivo número de estudantes, non poida manter as distancias de seguridade nas clases, "deberá pedir axuda ás administracións públicas" para darlle unha solución.
O Goberno central pide "priorizar, na medida do posible, a utiización dos espazos ao aire libre para a realización das actividades educativas e de ocio"
A recomendación é clara: "Priorizar, na medida do posible, a utiización dos espazos ao aire libre para a realización das actividades educativas e de ocio, en lugar dos pechados". Ademais, insístese na intensificación das medidas de prevención persoal, como a hixiene frecuente de mans, evitar tocar o nariz, ollos e boca ou usar panos desbotables.
O documento do Ministerio establece uns mínimos sobre os que os gobernos autonómicos poderán engadir outros elementos ou restricións. Ademais, establece que haberá que limpar os centros "polo menos unha vez ao día" --agás lugares como os baños, que terán que ser limpados tres veces diarias-- e ventilar as aulas entre clases e ao final do día.
No caso de que algunha persoa comece a desenvolver síntomas compatibles coa covid, será levada a un "espazo separado de uso individual, colocaráselle unha máscara cirúrxica (tanto a quen iniciou síntomas como á persoa que quede ao seu coidado) e contactarase coa familia". Logo chamarase ao centro de saúde ao teléfono de referencia de cada comunidade e Saúde Pública encargarase da identificación e seguimento dos contactos segundo o protocolo de vixilancia e contro vixente en cada autonomía.