"Con independencia do que determinen outros centros educativos, no IES Antonio Fraguas non haberá notas da 2ª avaliación", explicou nunha carta ás familias o director do IES Antonio Fraguas de Santiago, logo de que a Consellería de Educación determinase a pasada semana que se debería formalizar o peche desta avaliación antes do 3 de abril, data na que nais e pais poden acceder ás notas dos fillos a través da Rede. A mensaxe das futuras puntuacións causou reaccións de todo tipo nas casas. Tamén nos centros, onde moi maioritariamente o profesorado entende "Innecesario e inxusto" ter que cualificar o alumnado nesta situación de crise, confinamento e suspensión das aulas presenciais desde o pasado 14 de marzo.
As direccións de varios centros educativos néganse a cualificar o alumnado na 2ª avaliación malia o mandato da Consellería para que se poñan notas
As respostas á esixencia da Consellería son variadas. No IES Fontiñas, tamén en Compostela, a dirección aclara nun escrito que o profesorado "procederá a introducir as cualificacións do alumnado en base aos instrumentos de avaliación utilizados sobre a materia impartida ata o 13 de marzo", pero aclara que o docente poderá incluír unha anotación que indique que non tivo "suficientes instrumentos de avaliación para cualificar". Xa que logo, non poñer nota.
"Queda a criterio do profesorado establecer a cualificación ou non dunha avaliación que se veu interrompida abruptamente", di a dirección, que advirte de que "o máis importante é o criterio do profesorado" para decidir se cualifica ou non a un grupo, xa que, aclara, "non se poderá dar o caso de alumnado con cualificación e outro sen ela".
Son só dous casos, pero hai moitos máis, tanto centros que cumpren as instrucións da Xunta como outros que, malia intentalo, reciben a negativa do profesorado a avaliar nestas circunstancias. Non o consideran axeitado nestes momentos. "Non é prioritario, máis aínda tendo en conta as diferentes situacións que se poden dar en cada familia; as cualificacións agora só poden aumentar a presión ou a tensión do alumnado", conta unha docente dun CPI (Centro Público Integrado) do rural que cita un exemplo. "Enterámonos que unha alumna tivo que ir de urxencia a un hospital por un problema, pero sen a compaña dos pais por mor do coronavirus... Que lle pode importar agora unha nota a ela ou ao seu profesor?", pregúntase.
"Puntuar o alumnado non é prioritario agora, só aumentaríamos a presión ou tensión da rapazada"
Desde a a Confederación de ANPAS Galegas, ademais, rexeitan "totalmente a conveniencia de poñer unhas notas que non son significativas, non están baseadas no traballo previo dun xeito uniforme, non representan a consideración da totalidade do esforzo realizado ao non poder valorarse o tempo dedicado aos exames que non puideron realizarse, e ademais van provocar o desconcerto entre o alumnado e as súas familias, ao non poder ser explicadas, contrastadas e debatidas no seo da normalidade académica".
Así, instan a Consellería a "modificar as instrucións que se están a remitir ás direccións, e indicar a cambio que esta segunda avaliación quedará sen cualificar, malia ser tida en conta, no traballo efectivamente realizado antes do 13 de marzo, como parte da nota final do curso".
É unha consideración moi xeneralizada, sobre todo logo de que na xuntanza da pasada semana entre o Ministerio de Educación e as diferentes consellerías autonómicas se "dese por feito que a 2ª avaliación tiña que producirse con efectos do día da entrada en vigor do estado de alarma". como lembra a CIG, sindicato maioritario no ensino. A central considera que non se debe "esquecer o momento no que estamos" e lembra que o alumnado está metido nas casas, parte del sen acceso a formación a distancia, mentres se lle pide aos docentes "que avalíen sen que se garanta que exista unha xunta de avaliación e sen que realmente teñan todos os elementos necesarios para que a avaliación responda realmente ao seu cometido".
ANPAS Galegas pide que a 2ª avaliación "quede sen cualificar" e CIG-Ensino cre que "nunha situación anómala, non hai necesidade ningunha" de avaliar
"É unha situación anómala e non hai necesidade ningunha de avaliación", di Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, que explica que, se ben é certo que moito profesorado podería avaliar polo feito ata o 13 de marzo de telo claro, "hai moitas decisións que se acaban tomando polos exames ou probas que non se realizaron aínda ou polo que se acorde na xunta de avaliación, un debate colectivo que é clave en moitos casos".
A Consellería de Educación deu a posibilidade, mesmo cunha aplicación informática mediante, de celebrar esas xuntas de avaliación de maneira telemática. Pero non é tan doado. As dificultades técnicas ou a imposibilidade de levar a cabo ese debate pausado levaron a moitos centros a desbotar esta idea e argallar outras solucións. Moitos pais tampouco acceden ás notas a través da Rede. "Estamos chamando un a un aos pais para explicarlles a decisión tomada sobre as cualificacións", explica outra docente. No seu caso, son só unhas ducias de familias. "Imaxina este caso en centros con centos de estudantes por curso", explica.
"Que sentido ten que avaliar o alumnado cunhas notas? Para que? De que lle serve nesta situación? Só pode provocarlle estrés e preocupación"
"Sabemos que hai profesorado que está realizando probas en liña ou pedindo exercicios ad hoc para ter unha base sobre a que facer esa avaliación que rexeitamos", insiste ANPAS galegas, que "esixe" instrucións claras "prohibindo ese tipo de actuacións", polo menos en tanto non exista "unha xeneralización dos medios de conexión útil a internet".
Nel Vidal, profesor de Secundaria no IES Blanco Amor de Culleredo, recoñece que é "complicadísimo" para os docentes "avaliar sen poder desenvolver as probas avaliativas correspondentes" que se ían celebrar xusto no momento en que se suspenderon as clases presenciais. Con todo, cre que o problema do seu colectivo é "secundario" e que o real está "no alumnado".
"Que sentido ten que sexa avaliado cunhas notas? Para que? De que lle serven nesta situación? Só pode provocarlles estrés e preocupación. É algo innecesario e inxusto porque non lles vai axudar en nada", insiste Vidal, que insiste en que o problema real está en "como se desenvolve a formación dos rapaces, desde as súas casas e con situacións familiares tan diferentes".
Bermello, de CIG-Ensino, considera que a proposta xeral é que non se avaliase neste segundo período do curso e que "se fixese unha segunda avaliación final uníndoa á que se fai a final de curso". Unha solución que "requiriría dunhas modificacións e instrucións claras e con tempo suficiente por parte da Consellería", explica quen aclara que a Xunta "podería facelo sen acordo previo co Ministerio", aínda que "sería que se fixera en todo o Estado".