Xa hai data para a Selectividade. Segundo puido confirmar Praza.gal, Xunta e Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), na que están representadas as tres universidades galegas, decidiron que as probas de acceso á universidade se realicen do 7 ao 9 de xullo, aproveitando ao máximo o límite fixado polo Ministerio de Educación, que estableceu que todas as comunidades autónomas debían realizar os exames antes do 10 de xullo. Os resultados deben darse a coñecer antes do 17 de xullo.
Anteriormente a data límite estaba fixada no 19 de xuño (e en Galicia ían ser do 12 ao 14 dese mes), pero a suspensión das clases motivada pola epidemia de coronavirus obrigou a adiala a pasada semana. De momento perdéronse xa tres semanas de clase (contando con esta) e aínda non se sabe o momento en que o alumnado poderá regresar ás aulas presenciais. O pasado xoves a Ministra de Educación, Isabel Celaá, sinalou que a volta ás clases se produciría "en maio ou a comezos de xuño", pero que a decisión definitiva se adoptaría despois de Semana Santa, atendendo á situación existente nese momento.
As probas deberán dar a escoller máis preguntas, para asegurar que o alumnado é examinado de temas que traballou na aula, e co obxectivo de garantir a equidade entre todos os e as estudantes. Polo demais, os exames manterán o modelo previsto, co mesmo tipo de probas e a mesma duración.
A segunda convocatoria, que antes tiña como data límite o 10 de xullo (que dende a semana pasada quedou fixada no 10 de setembro), aínda non ten unha data definitiva para a súa celebración.
A celebración da Selectividade en xullo xa fora apuntada como a opción máis probable por Celso Rodríguez, representante da USC na CiUG. Celso Rodríguez apuntaba en conversa con Praza.gal que "coas medidas xa adoptadas imos perder tres semanas de curso, o que non quere dicir que se perdan completamente, porque o alumnado estará estudando nas súas casas".
Recomendacións para o estudantado: "Que estean animados, que estean tranquilos, que aproveiten agora que teñen algo máis de tempo para estudar"
Asi mesmo, restaba importancia ao adiamento das probas, destacando que o importante era que se celebrasen, e mellor en xullo, que en agosto ou setembro. "Gustaríame que se fixesen canto antes, sobre todo, para que os alumnos non teñan que estar tanto tempo coa incerteza e a tensión", dicía, engadindo que "calquera cousa é mellor que suspender a Selectividade. Ese sería o peor escenario posible, porque rompería o acceso á universidade con equidade e a igualdade de oportunidades entre o alumnado de todos os tipos de centro".
Rodríguez facía tamén unha recomendación aos alumnos e alumnas afectados por esta situación: "Que estean animados, que estean tranquilos, que aproveiten agora que teñen algo máis de tempo para estudar"