As familias ás que a Xunta pagaba o comedor escolar e queiran seguir recibindo esa axuda na casa deben pedilo ata o 6 de abril na sede electrónica
Desde o peche das aulas polo coronavirus cada día hai en Galicia unha “media de preto de 40.000 alumnos conectados ás aulas dixitais, aproximadamente a metade dos alumnos de secundaria”. Así o asegurou este venres o presidente Feijóo tras a reunión semanal do Goberno galego, na que anunciou novas medidas como que as familias ás que a Xunta pagaba o comedor escolar e queiran seguir recibindo esa axuda na casa deben pedilo ata o 6 de abril na sede electrónica.
Na súa rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo eloxiou que, ademais dos contidos que a Consellería de Educación xa ten a disposición do alumnado, “máis de mil docentes están creando contidos dixitais todos os días”. E para facilitar que máis alumnado teña acceso a eles asegurou que a Xunta vai mercar e facilitar ao alumnado que carece deles mil ordenadores con conexión a internet para estudantes de secundaria, bacharelato e FP.
CIG-Ensino advirte da “fenda dixital que está a provocar unha ruptura total na equidade na que se debe sustentar o noso sistema educativo”
Este mesmo venres, pouco antes de que Feijóo ofrecese a cifra de seguemento das aulas virtuais e anunciase a distribución de ordenadores, CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, xa advertía da “fenda dixital que está a provocar unha ruptura total na equidade na que se debe sustentar o noso sistema educativo”.
No segundo Consello da Xunta ordinario tras a declaración o venres 13 da emerxencia sanitaria en Galicia, Feijóo anunciou outras varias medidas para afrontar a crise actual como que o pagamento dos principais impostos autonómicos (sucesións, doazóns, actos xurídicos documentados ou transmisións patrimoniais) poderá adiarse ata o 30 de xuño, que o Goberno galego vén de asinar pólizas con entidades financeiras para obter 1.800 millóns de euros como anticipo de tesourería a cargo de posteriores ingresos da Xunta cos que garantir a liquidez neste momento ou que se suspenderán para retomar máis adiante os contratos de subministro ou servizos asinados pola Xunta que non se poidan prestar pola actual crise.
Boa parte dos anuncios realizados por Feijóo aínda non se concretan oficialmente, como tamén pasou no Consello da pasada semana
Feijóo tamén anunciou a compra de novo material sanitario por máis de 6,7 millóns de euros, entre o que citou máis de 7 millóns de máscaras e máis de 700.000 batas protectoras, pero admitindo as dificultades do mercado internacional para que se poidan concretar as entregas, cuestión que viña afeando ao Goberno central.
Porén, boa parte dos anuncios realizados por Feijóo aínda non se concretan oficialmente. O Goberno galego só aprobou de xeito efectivo este venres a axuda de comedor, o gasto en material médico e a suspensión dos contratos de servizos e subministros. O resto de anuncios non se corresponderon con acordos adoptados polo Consello senón con cinco informes analizados na reunión, documentos sen valor legal que avanzan decisións posteriores ou fan balance doutras anteriores. Algo similar ocorreu no anterior consello, do pasado venres día 20, no que se trataron outros 6 informes sen contido legal sobre diversas medidas en materia económica que o Goberno galego pensa implantar fronte á crise do coronavirus, a maioría aínda non concretadas no DOG.
Naquel anterior Consello a maioría das decisións formais adoptadas foron os nomeamentos de novo dos 12 altos cargos da Xunta que cesaran a comezos de mes, antes da crise do coronavirus, para ir nas listas do PP ás eleccións autonómicas. Outras das decisións daquel Consello foron as de manter as obras públicas da Xunta e mesmo autorizar dúas novas en Ortigueira e na Catedral de Santiago. Apenas uns días antes, Feijóo aseguraba que eses 12 altos cargos non eran importantes e que todo o orzamento da Xunta sería priorizado para a sanidade e o pagamento de soldos.