Unha sesión parlamentaria inédita para abordar unha crise histórica que Galicia afronta cunha situación política e institucional nunca vivida en case catro décadas de autonomía. A Deputación Permanente do Parlamento, órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles, reuniuse este xoves no hemiciclo do Pazo do Hórreo, o salón que en situacións ordinarias acolle os plenos, para garantir que os membros deste órgano podían asistir sen risco de contaxio á comparecencia do presidente da Xunta sobre a xestión do Goberno galego fronte ao coronavirus, a mesma que, a xuízo de Alberto Núñez Feijóo, está a causar "admiración".
Hai apenas vinte días a Deputación Permanente reuniuse no seu formato habitual para tratar a infrutuosa petición de explicacións por parte da oposición sobre as relacións da Xunta coa mexicana Pemex. Todos os grupos despediran aquela sesión dando por sentado que era o derradeiro acto parlamentario da lexislatura. "Que gañe o que teña que gañar", rematara ironicamente o presidente, Miguel Santalices, a respecto das inminentes eleccións previstas para o 5 de abril. En ningunha intervención houbera, nin de lonxe, a máis mínima mención a ter que cancelar os comicios pola pandemia da covid-19 que naquela altura ecoaba dende a China.
Pero, vinte días despois, o lexislativo galego reuniuse nesta situación excepcional. As eleccións do 5 de abril xa non existen e o Goberno da Xunta está en plenas funcións, pero cun Parlamento disolto. Por iso Feijóo compareceu ante a Deputación Permanente e só o fará se o PP o considera oportuno -os grupos non teñen capacidade para formularlle preguntas noutro caso- ata despois dos comicios sen data.
Feijóo defende que o seu Goberno afrontou a crise sanitaria con "anticipación" e reiterou as críticas ao Executivo central polo fornecemento de material sanitario
Neste contexto, o titular da Xunta defendeu a "anticipación" coa que o seu Goberno, reiterou, afrontou a crise sanitaria. "Estamos xestionando con bastante admiración por parte da xente que sabe como funciona o sistema sanitario público" e tamén "os servizos sociais", así como das persoas que, dende outros territorios, dixo, "seguen o que se está a facer" en Galicia. Esa anticipación, reiterou, foi a que permitiu declarar a emerxencia sanitaria en Galicia antes de que o Goberno de España decretase o estado de alarma ou contar con material sanitario dabondo ante os primeiros contaxios.
A Xunta cifra en 358 profesionais o persoal incorporado ao Sergas para afrontar a covid-19
A cuestión do material, precisamente centrou as críticas ao Goberno central coas que Feijóo salferiu a súa intervención e as respostas aos grupos. "Dende o primeiro día manteño unha posición de lealdade" con relación ao Executivo que preside Pedro Sánchez e "se non se interpreta" así, "laméntoo". Pero, o certo, reiterou, é que "non acaba de chegar" o material sanitario que ao seu xuízo debera fornecer o Ministerio de Sanidade e por iso "estou discutindo a decisión de tentar centralizar" estas compras sen "ter suficiente loxística" para facelo. Así e todo, como nas súas comparecencias ante a prensa das últimas semanas, admitiu os atrancos que Estados de todo o mundo están a atopar no mercado global para adquirir máscaras, lentes sanitarias ou test para detectar o virus.
Ante os grupos, Feijóo repasou as medidas xa anunciadas pola Xunta que, dixo, permiten incorporar ata "358 profesionais" adicionais ao Sergas para afrontar a pandemia ou, no eido económico, "paliar" os seus efectos con medidas como o adiamento no cobro de impostos. Prepararse para o día despois foi unha das reclamacións na que coincidiron as intervencións da oposición, en cuxo seo se estende o convencemento de que nos últimos días Feijóo agudizou en clave electoralista as súas discrepancias co Goberno central.
A esquerda resalta que o virus amosa a "importancia" dos servizos públicos
Caballero (PSdeG) pide "reorientar todos os fondos europeos que se poida" para paliar os efectos da pandemia
"Gustaríame que teña razón cando di que Galicia se anticipou", retrucou a Feijóo o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, a cuxo xuízo o certo é que apenas "dúas semanas antes" de que a crise sanitaria fose evidente, "nin vostede, nin ningún de nós tivemos a capacidade de predicir o que ía acontecer". De calquera xeito, di Caballero, agora é o momento de "estar ao carón" da poboación que sofre, pero tamén de decatarse "da importancia do Estado do Benestar" e de preparar medidas para que "esta crise a poidamos gañar entre todos". Neste sentido, exemplificou, cumpriría que a Xunta pense xa en accións como "reorientar todos os fondos europeos que poidan reorientarse" para amortecer os efectos da pandemia no país.
Sánchez (Común da Esquerda) reclama facer efectiva a intervención total da sanidade privada
Por parte de Común da Esquerda o seu voceiro, Antón Sánchez, considerou pertinente dar a "benvida" á "xustificación" de Feijóo a respecto das súas críticas políticas durante a crise, se ben "esa lealdade ten que ser recíproca". Alén disto, Sánchez cre que o Executivo amósase convencido de que "sairemos desta", pero non debera ser "como en 2008", en referencia á anterior crise económica. Por iso, advirte, a Xunta debería comezar por "abandonar os contratos lixo" na sanidade pública ou utilizar as atribucións que lle outorga o Estado de Alarma para "intervir" a sanidade privada por completo e non permitir "que nos cheguen noticias de que hai despedimentos ou se incita a xente a coller vacacións" neste tipo de centros sanitarios en plena crise da covid-19.
Pontón (BNG) subliña a importancia de "pechar toda a actividade que non sexa esencial neste momento"
Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu de que o actual é "momento de sumar esforzos, para que canto antes poidamos ver a luz" e non "de pedir responsabilidades" ou acusacións por "non tomar medidas a tempo". Si o é, agregou a líder nacionalista, de formular propostas como "pechar toda a actividade que non sexa esencial neste momento" para así protexer o persoal de múltiples sectores non esenciais e evitar contaxios. Tamén, reclamou, de "realizar test masivos nas residencias" de maiores. Todas as medidas "contundentes" que adopte a Xunta para frear o virus terán o apoio do Bloque, resaltou Pontón, que convidou tamén o actual presidente a facer unha reflexión: "o mellor monumento ás vítimas é unha sanidade pública forte e libre de recortes".
A necesidade de tirar unha lección contra "o desmantelamento dos servizos sociais e os recortes sanitarios" estivo igualmente no centro da intervención de Davide Rodríguez no nome do Grupo Mixto (En Marea). A sanidade pública galega, lembrou, padeceu un recorte acumulado duns 1.000 millóns de euros durante a anterior recesión e ese, sinalou ante Feijóo "non é un problema do Goberno central, é un problema de Galiza".