Non houbo sorpresa. Como era de agardar e como xa advertira Alberto Núñez Feijóo, o PP fixo valer este venres a súa maioría absoluta na Deputación Permanente do Parlamento -órgano que substitúe ao pleno en períodos inhábiles ou cando a Cámara xa está disolta, como actualmente- para evitar que, ás portas da campaña electoral, o actual presidente e candidato teña que comparecer para, como pediu toda a oposición nunha solicitude conxunta, explicar os seus contactos con Emilio Lozoya, o ex-director xeral de Pemex en cuxas mans estiveron os negocios da petroleira en Galicia apadriñados pola Xunta.
Para o PP, as peticións de explicacións da oposición sobre os negocios de Pemex en Galicia tras a detención do ex-director xeral da petroleira co que tratou Feijóo non son máis que "ruído" sen "nada" máis por tras que "especulacións" ou "falsas noticias"
Tras a detención de Lozoya en Málaga e mentres o ex-directivo permanece nun cárcere madrileño pendente de que a Audiencia Nacional decida sobre a súa extradición, os grupos da actual esquerda parlamentaria consideran necesario que Feijóo "explique cal foi a relación co señor Lozoya", toda vez que "hai unha investigación en marcha" en México sobre a compra de Barreras, resaltou Luis Álvarez dende o PSdeG. "Alguén pensa que cando alguén fai tratos con corruptos, a outra parte non se mancha?", cuestionou dende Común da Esquerda o parlamentario Antón Sánchez nun contexto no que Olalla Rodil, do BNG, subliña a necesidade de que o líder popular deixe claro "que apadriñou" e "que negociou coas persoas detidas e investigadas".
Pero para o PP, as peticións de explicacións de toda a oposición non son máis que "ruído" sen "nada" máis por tras que "especulacións" ou "falsas noticias". No caso concreto de Pemex, desculpa, Lozoya "simplemente, materializou" acordos "coa anterior" dirección da compañía e ademais, mantén, "está investigado só" pola trama Odebrecht de presunta corrupción en Sudamérica. Non obstante, as autoridades mexicanas xa aclararon que Lozoya tamén se enfronta a pescudas pola compra de Barreras.
"O feito real é que Pemex salvou Barreras", di Puy, que tamén encadra no ámbito dos "rumores tendenciosos" a petición de explicacións que, na mesma sesión, a oposición lanzou a respecto das presuntas xestións que, segundo fontes consultadas por Canarias Ahora, realizou o xa ex-secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, para evitar que un cargo do PP tivese que asumir un buraco de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Cuentas. "Non é máis ca unha campaña suxa que proxectan en nós", cre o popular. "Sementar ventos, mesmo gañando as eleccións, provoca que se recollan tempestades", concluíu.
Para os grupos da oposición, o xeito en que respondeu o PP é a mellor mostra de que "hai algo que ocultar", sinalou Rodil dende o BNG. Mentres que os populares consideran a sesión deste venres un mal "epílogo" para a oposición, os grupos da esquerda ven no caso Pemex "o epílogo do señor Feijóo", advertiu Antón Sánchez. Porque ningún destes feitos, agregou o socialista Álvarez, son "inventos da oposición".
López Obrador: Lozoya "teno difícil" malia contar con Garzón
"Se se trata de defender a un posible defraudador, por moi bo que sexa...", ironiza o presidente mexicano sobre a asistencia xurídica do ex-xuíz a Lozoya
O debate na Cámara galega desenvolvíase apenas vinte e catro horas despois de que transcendese, a través do xornalista mexicano Ciro Gómez Leyva, que Lozoya elixiu como avogado en España ao ex-xuíz Baltasar Garzón. Sobre esa fichaxe foi cuestionado o presidente de México, Andrés López Obrador, na súa comparecencia diaria ante a prensa. A xuízo do mandatario, con independencia da súa simpatía por el en casos como o proceso contra o ditador chileno Augusto Pinochet, "é un avogado como calquera profesional que dá servizo a un suposto delincuente".
Preguntado pola posibilidade de que a defensa de Garzón dificulte a extradición de Lozoya a México, López Obrador non o cre. "Os avogados soen ser bos cando se trata de defender unha causa xusta" como algunhas nas que, di, se implicou Garzón no súltimos anos, caso do proceso contra Pinochet. "Pero se se trata de defender a un posible defraudador, por moi bo que sexa...", considerou.
Alén do proceso de extradición, as autoridades mexicanas continúan a investigar as operacións impulsadas por Lozoya en Pemex, entre elas, a compra de Barreras. O propio Goberno de México prevé levar á Fiscalía neste mes de marzo esa adquisición do estaleiro vigués.