"Estamos limpando de corrupción o goberno; de arriba a abaixo, como se varren as escaleiras", advertiu Andrés Manuel López Obrador, presidente de México, o pasado venres, preguntado de novo pola detención de Emilio Lozoya, ex-director de Pemex durante a época na que a empresa petroleira mercou o estaleiro Barreras e impulsou varios acordos coa Xunta de Feijóo que acabaron unicamente na polémica construción de dous floteis.
A compra de Barreras por parte de Pemex foi denunciada polo Goberno de México e é investigada pola petroleira, o Tribunal de Contas e a Fiscalía
A detención en Marbella deste ex-directivo que estivo prófugo da xustiza --e que mantivo reunións e posou en fotografías con Feijóo e outros cargos da Xunta-- por presuntos delitos de corrupción e branqueo de capitais sacudiu México, desde onde chegan tamén noticias sobre investigacións aínda pendentes. Entre elas, a que ten que ver coa compra por 5 millóns de euros de Barreras, denunciada polo Goberno de México, pola actual dirección de Pemex, sinalada polo Tribunal de Contas mexicano e investigada tanto pola Unidad de Inteligencia Financiera (UIF), órgano equivalente á UDEF, como pola Fiscalía daquel país.
Varios medios de México e fontes coñecedoras do proceso deitan luz sobre esa investigación do Ministerio Fiscal que, advirten, pode "poñer en dúbida a carreira política de Feijóo". As pescudas, malia que o anuncio de que o Ministerio Fiscal investigaba a compra de Barreras tivo lugar hai só unhas semanas, están xa na súa fase final e partiron dunha auditoría interna encargada polo actual presidente de Pemex, Octavio Romero Oropeza, o mesmo que a finais de xaneiro poñía o foco nos polémicos acordos coa Xunta e o estaleiro vigués.
A prensa mexicana sinala a Feijóo e a Rajoy polas súas relacións co ex-presidente Peña Nieto: "A operación de inxección de Pemex chegou a niveis presidenciais"
O intento de Pemex de vender a súa participación en Barreras ao final do mandato do ex-presidente Peña Nieto puxo en aviso ao novo director da petroleira, que ordenou unha investigación interna que acabou coa denuncia ante a Fiscalía. Entre os sinalados, o xa detido Lozoya, pero tamén Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos coa Xunta.
Desde a prensa mexicana sinálase a Feijóo, con quen Lozoya tería "forxado vínculos", malia que o presidente da Xunta desliga o agora encarcerado con calquera negocio en Galicia. Pero tamén se apunta neste medio a Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios e principal asesora política do xefe do Executivo galego.
En varias informacións sinálase como punto de inicio de todo a relación do ex-presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, co ex-presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, e aquelas viaxes a México en 2012, a onde tamén acudiu Núñez Feijóo entre críticas da oposición galega pola falta de información. "A operación de inxección de Pemex neste estaleiro [por Barreras] chegou a niveis presidenciais", destacan artigos que insisten na intención de axudar o naval galego en plena crise, mesmo mercando unha empresa para outorgarlle carga de traballo sen necesidade de concurso ningún.
A operación en Barreras, explican, supuxo unha perda duns 50 millóns de dólares para a petroleira. A Fiscalía mexicana, tal e como advertiu o Tribunal de Contas, investiga agora se aqueles acordos en Galicia deberon ser levados a cabo por Pemex ou se houbo algún aspecto irregular neles.
"Había unha intención moi clara, moi evidente e nalgúns casos se foi concretando, de ir desmantelando Pemex en beneficio de xente moi achegada a Peña Nieto e Lozoya", di Ana Lilia Pérez, xornalista e escritora mexicana, Premio Nacional de Periodismo e autora de Camisas Azules, manos negras. El saqueo de Pemex desde Los Pinos. "O caso podería ter moito máis de fondo", insistiu.
Con Lozoya, que foi presidente de OHL en México e que estivo tamén investigado pola Fiscalía por presuntos pagamentos irregulares, a produción de cru en Pemex caeu un 24% e a débeda da petroleira medrou un 113%. Home de confianza de Peña Nieto, tomou posesión do cargo na empresa estatal o 3 de decembro de 2012.
Feijóo, nas súas primeiras declaracións tras a detención, insistiu en "aclarar" que o primeiro acordo da Xunta con Pemex foi asinado baixo o mandato do antecesor de Lozoya, aínda que tanto a adxudicación dos dous floteis como a compra de Barreras foron rubricadas co directivo agora encarcerado á fronte de Pemex.
O estaleiro Barreras foi adquirido por Pemex en maio de 2013, co obxectivo de construír buques especializados para México e capitalizar o desenvolvemento tecnolóxico do sector naval galego na industria petroleira mexicana. A Auditoría Superior da Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, cuestionou nun dos seus informes esta compra por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas.
Tal e como lembrou Romero Oropeza, Pemex mercou pero non asumiu ningunha responsabilidade nas decisións do estaleiro ata que, anos despois, entrou en quebra. Falou tamén dos floteis, que "nunca foron utilizados na súa máxima capacidade" e que non puideron ser vendidos ao ser construídos cun prezo moito máis alto do que marcaba o mercado.
Meses antes, a ASF, nun informe sobre as contas públicas de 2017, recomendaba a Pemex que "revise, informe e dea seguimento ao cumprimento das decisións que impliquen deterioración dos investimentos nas filiais", en referencia a PMI, filial da petroleira estatal que se fixo co 51% de Barreras.
O Tribunal de Contas mexicano pediu a Pemex "accións xurídicas para determinar as responsabilidades e afectacións económicas" pola compra de Barreras
Ademais, a ASF solicitou a Pemex que realizase as "accións xurídicas necesarias para determinar, no seu caso, as responsabilidades e afectacións económicas" pola compra do estaleiro e que iniciase "o proceso administrativo correspondente polas irregularidades dos funcionarios públicos que na súa xestión autorizaron investir en Barreras".
A Fiscalía General de la República de México investiga agora aquela operación e acumula sombras sobre os acordos que desde a Xunta se impulsaron cuns directivos agora investigados tamén ou encarcerados, como no caso de Lozoya.