A aventura daquela publicitada "alianza estratéxica" entre Pemex e a Xunta semella chegar ao seu final definitivo confirmando o seu fracaso, deixando un ronsel de promesas incumpridas e numerosas sombras que inclúen acusacións e denuncias ante a Fiscalía mexicana. Os actuais dirixentes da petroleira estatal azteca van deitando luz sobre o proceder dos seus predecesores e sobre aquel acordo co Goberno galego, fitando agora a compra do estaleiro Barreras e as consecuencias en forma de grave crise dunha nefasta xestión, e deixando en evidencia unha colaboración con demasiadas dúbidas.
Os actuais responsables de Pemex denunciaron ante a FIscalía mexicana pola participación da petroleira en Barreras
O pasado mércores, o director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, informou da interposición dunha denuncia ante a Fiscalía Xeral da República pola participación da petroleira en Barreras, logo de que a empresa estatal adquirise en 2013, tal e como adiantara Praza.gal, o 51% das accións do estaleiro vigués.
Foi unha operación incluída nese acordo "estratéxico" coa Xunta, que prometera milleiros de empregos e a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña. Todo quedou en dous floteis --un construído en Navantia e outro en Barreras-- e a adquisición do estaleiro vigués por parte da empresa mexicana.
Romero Oropeza, nunha rolda de prensa acompañado polo presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador, advertiu da "administración moi deficiente, con moitos problemas e cousas non claras na forma de operar" en Barreras, logo de que Pemex mercase o 51% do estaleiro pero "nunca se involucrase no negocio nin participase na administración" dunha empresa a un paso da quebra. "Creoulle moitos problemas a Pemex", dixo. "Os españois facían o que querían", insistiu.
O director xeral de Pemex critica a administración "moi deficiente e con moitos problemas" en Barreras logo de que a petroleira "nunca se involucrase no negocio"
Dos publicitados floteis, Romero Oropeza lembrou que "nunca se puideron ocupar á súa máxima capacidade" --actualmente están ao 70%-- e que nunca os puideron "vender", malia os intentos, "porque estaban moi por debaixo do prezo ao que Pemex os construíu". Costaron preto de 150 millóns de euros. Desde a compra do estaleiro ata agosto de 2016, case tres anos, en Barreras "case non houbo actividade". "Case que viviron do negocio dos floteis", espetou. Nesa altura, as perdas xa superaban os 5 millóns de euros.
Pemex critica o encargo dos floteis, di que "nunca se puideron ocupar" de todo e que non se venderon ao estar "moi por debaixo do prezo ao que se construíron"
Aumentaron moito máis, ata o punto de que Barreras está á espera dun acordo con Ritz Carlton para evitar a súa desaparición. Pero Pemex pide 13 millóns, que tería que achegar esta empresa estadounidense, ou declarará en quebra o estaleiro. "Que pide Pemex? Non máis, pero tampouco menos que o valor das accións e o que se invistiu e a devolución dos 8 millóns das garantías destes contratos para retirarnos do negocio, recuperar o investido e que o estaleiro continúa cunha nova administración", dixo Romero Oropeza.
Desvelou, ademais, entre risas irónicas, que Barreras esixiu a Pemex en 2018 a compra das súas accións por un euro. "Dixemos que non e a partir do ano pasado enviamos xente ao estaleiro, tomamos o control da administración e puidemos corroborar que é moi deficiente", insistiu.
A compra de Barreras por parte de Pemex produciuse cando a petroleira estaba dirixida por un directivo agora prófugo da xustiza e acusado por branqueo
O máximo responsable de Pemex advertiu de que as perdas de Barreras están sobre os 50 millóns e lembrou que a compra do estaleiro tivo lugar cando a firma estatal estaba dirixida por Emilio Lozoya, alto directivo da compañía ata 2016, acusado pola Fiscalía do país americano por delitos como branqueo de capitais no marco da aprobación da compra, por parte de Pemex, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de diñeiro malia estaren practicamente crebadas. Desde hai meses Lozoya, con quen Feijóo e o conselleiro Francisco Conde chegaron a reunirse en México en 2014, está "prófugo da xustiza", segundo as autoridades dese país.
Con esta última polémica, Pemex pon o ramo a unha aventura que non dubida xa en criticar abertamente e con transparencia. Daqueles anuncios grandilocuentes anuncios da Xunta só se concretaron dous pedidos de barcos, que acumularon fortes atrasos e problemas na súa posterior colocación no mercado. Mentres, outros dous estaleiros galegos á marxe de Navantia e Barreras --Freire e Armón-- participaron con contratos de deseño e compoñentes para outros buques construídos en México.
Foron encargos relevantes nun momento de forte crise do sector, pero cun peso moi inferior ao dos anuncios oficiais da Xunta. Os problemas financeiros e de acusación de corrupción de Pemex aceleraron a retirada de promesas mentres Feijóo matizaba que, en realidade, aqueles proxectos que anunciara ao vivo pola TVG nunca dependeran do Goberno galego.
A piques de cumprirse oito anos desde que aquel 24 de maio de 2012 no que o Telexornal da TVG interrompera o seu ritmo habitual para conectar co salón nobre do Pazo de Raxoi e retransmitir a sinatura do acordo coa petroleira mexicana, as novas sobre Pemex son xa un recordo. Agás en México, onde unha conferencia de prensa liderada polo presidente volveu deitar luz sobre un negocio ruinoso e con demasiadas sombras. En xullo pasado, a Xunta concluíu que ninguén agás a oposición "pon en cuestión" os negocios coa empresa azteca.