Pemex marchará de Galicia. A petroleira mexicana advertiu esta semana do seu interese por abandonar o capital de Barreras, do que controla o 51% desde que en 2013 a “alianza estratéxica” que a Xunta impulsou coa petroleira callase nos traballos para a construción de dous únicos floteis e na compra do estaleiro vigués por parte da empresa estatal azteca. Nada máis se soubo das moreas de proxectos e contratos anunciados nun acordo que revitalizou un chisco o naval e, sobre todo, foi clave para que Barreras superase a súa grave crise. A enorme débeda da firma de México, a necesidade de soltar lastre e a chegada de López Obrador á presidencia poñen fin a unha aventura que empezou con sombras e dúbidas en Galicia e remata coas mesmas sombras e dúbidas na outra beira do Atlántico.
Pemex marchará de Barreras e deixará Galicia logo da construción de dous floteis e tras multitude de promesas da Xunta incumpridas
Foi a finais do verán de 2012, a poucas semanas das eleccións autonómicas, cando Feijóo bordeou a lei electoral para solemnizar o encargo dos dous floteis de Pemex para os estaleiros galegos. O acordo, con sinatura e retransmisión televisiva en directo, formaba parte desa "alianza estratéxica" da que viña meses advertindo a Administración con dosificados anuncios. Algúns tan polémicos como aquel que aseguraba que xa había contratos asinados cos estaleiros galegos e que a petroleira negaba aos poucos días, deixando en evidencia os anuncios do Goberno galego.
No mes de maio anterior, a Xunta adiantara xa a construción de catorce remolcadores e a xeración de 2.500 postos de traballo; e en agosto, o presidente galego daba conta da solicitude da empresa azteca para construír unha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña, cun investimento de case 60 millóns nunha superficie de 30.000 metros cadrados que tampouco chegou. Case sete anos despois daquelas primeiras promesas, o conto mexicano rematou de vez, aínda que xa acabara algo antes.
As primeiras promesas chegaran en forma de floteis. Un deles --Orgullo Petrolero logo denominado Cerro de la Pez, o construído en Navantia-- abandonaba a ría de Ferrol en maio de 2018 tras máis dun ano fondeado e agardando un comprador que non chegou. A Xunta falou mesmo de 2.000 empregos con este encargo para a comarca, pero a cifra máxima foi de 500 a pleno rendemento, máis de 200 deles traballadores das auxiliares. Foi o único encargo en Ferrolterra daquela “alianza estratéxica” que tivo algo máis de peso no sur.
A "alianza estratéxica" de Pemex coa Xunta supuxo tamén a compra do estaleiro Barreras por parte da empresa mexicana, que agora marcha de Vigo
O outro flotel (Reforma Pemex) encargado en Galicia por PMI, filial internacional da petroleira, foi construído en Barreras, estaleiro do que agora a firma azteca posúe o 51%. Esa compra, adiantada por Praza.gal a finais de abril de 2013, foi unha das consecuencias do acordo entre a Xunta e o Goberno mexicano. E o estaleiro quedou en mans mexicanas.
Foi logo dunha ampliación de capital de 5,1 millóns abonada ao completo por Pemex. Un salvavidas fundamental ante a mala situación de Barreras, que xa quedou atrás. Arestora as contas dan e a carteira de encargos aumenta. Entregará un cruceiro de luxo a Ritz-Carlton tras o verán, empezará a construción de dous buques novos para a norueguesa Havila, ten adxudicado un ferri e negocia outros dous cruceiros máis.
Os actuais socios de Pemex en Barreras, José García Costas --presidente do estaleiro e propietario de Electromecánica Naval e Industrial (12,3 %) e Valiño (10 %); e Albacora, de Ignacio Lachaga (24,5 %)-- pretenden exercer o seu dereito de recompra. Pero a empresa mexicana non quere regalar a súa participación logo do importante investimento realizado e despois de, segundo a prensa azteca, descubrir que os antigos responsables intentaron vender “a baixo prezo” aproveitando a transición política que estaba vivindo o país tras o recambio no goberno. Mentres, os futuros donos fanlle ás beiras á Xunta para que entre no capital.
Feijóo chegou a prever a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros e remolcadores
Sexa como for, Pemex marchará, xa que o seu labor acabou tras servir de avalista do cruceiro The Ritz Carlton e logo de que o flotel, aínda sen uso, fose entregado en 2016. A petroleira estatal mexicana considera o estaleiro vigués un activo non estratéxico e intenta soltar lastre logo de que a crise do cru, a elevada débeda --é a petroleira máis endebedada do mundo (107.000 millóns de dólares)-- e a chegada de López Obrador á presidencia do país.
O novo director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, nunca tivo clara a rendibilidade dos polémicos negocios da empresa en Galicia, cuestionados desde o principio en México. Desde a Xunta, as promesas e perspectivas eran grandes, pero no limbo quedaron unha morea de anuncios por parte de Feijóo: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, outro buque-hotel, a renovación de parte da frota, dous quimiqueiros e os remolcadores. Construíronse os dous floteis, Pemex salvou a Barreras e agora o estaleiro galego pretende recuperar o control tras superar unha grave crise.
No fondo, segundo a prensa mexicana, o ex-secretario de Gobernación de México, o falecido Juan Camilo Mouriño, fillo do presidente e máximo accionista do Celta, Carlos Mouriño. Colaborador e amigo do anterior presidente mexicano, Felipe Calderón, fontes consultados no paíz azteca sinálano como a persoa que preparou con Feijóo a chegada e iniciativa de Pemex en Galicia.
Un ano antes de morrer nun tráxico accidente de aviación, en 2007, Juan Camilo Mouriño, daquela xefe da Oficina da Presidencia, prometeu a un grupo de empresarios galegos axudalos no outorgamento de contratos de Pemex para a construción de buques.
A prensa mexicana sitúa o falecido Juan Camilo Mouriño como o home clave da operación de Pemex en Galicia tras prometer a empresarios galegos a axuda de Pemex xa en 2007
Foi cinco anos despois cando Felipe Calderón, poucos meses antes de acabar o seu mandato, ordenou ao director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, asinar dous contratos cos estaleiros galegos para os floteis. Aí chegou a polémica, xa que mentres o Goberno galego aseguraba que Navantia e Barreras construirían os buques, a empresa mexicana deixaba en evidencia a Xunta ao asegurar que non había contrato ningún senón que debería decidir entre varias ofertas. Mesmo conselleiros da firma estatal censuraron un anuncio que consideraron propaganda política.
Entre acordos de confidencialidade e moitas sombras, PMI, filial de Pemex, asinou os contratos para a construción dos floteis mentres Feijóo prometía novos encargos que nunca chegaron.