Recrimináronllo En Marea e BNG. "A súa palabra non vale nada", dixéronlle a Feijóo. "Anunciounos unha alianza estratéxica con Pemex coa que se ían construír 14 remolcadores, floteis, quimiqueiros e unha base loxística en Punta Langosteira, pero todo quedou en dous floteis, a venda de saldo dun estaleiro histórico e as rías cheas de mentiras e de persoas defraudadas", espetoulle a portavoz nacionalista, Ana Pontón. "Vendeu fume e promesas que non podía cumprir; fixo facer pasar como un éxito electoral e político propio o que non dependía de vostede", insistiu Villares, voceiro da primeira forza da oposición. O presidente da Xunta desculpou e xustificou a petroleira mexicana, asumiu que todas aquelas promesas dependían da marcha da multinacional e non dos publicitados acordos co Goberno galego e glosou as cifras da crise económica da empresa ou da evolución do prezo do cru.
"Vendeu fume e promesas que non podía cumprir; fixo pasar como un éxito propio o que non dependía de vostede", di Villares a Feijóo
Foi na sesión de control do Parlamento onde Feijóo tivo que responder pola enésima promesa incumprida de Pemex: a cancelación do segundo flotel comprometido en Barreras e a paralización da construción da base loxística prevista no porto exterior da Coruña, que se uniu aos numerosos proxectos esvaecidos nos últimos anos. Os tres buques tanque, o atuneiro, o baro de apoio a plataformas petrolíferas, os dous quimiqueiros, os sete remolcadores ou a renovación de parte da frota da multinacional azteca. Todo quedou en nada.
Villares lembroulle a Feijóo que "a xente confiou na súa palabra" para, "hai tan só quince días", comprobar como o presidente da Xunta "saía a defender a Pemex, escusándoo por non facer a obra de Punta langosteira en lugar de pedirlle explicacións". "Compórtase como o conselleiro delegado de Pemex que non é; asumirá agora o fracaso como propio ao igual que antes asumiu como tal o éxito?", preguntoulle. O presidente da Xunta tirou de contas de resultados e deulle ao portavoz de En Marea a "benvida ao mundo das empresas". "Son eu responsable da baixada do prezo do cru?", retrucou.
Feijóo tirou de contas empresariais e do prezo do cru para asumir que os compromisos con Pemex non dependeron nunca da Xunta
A continuación, achegou números para xustificar o incumprimento das promesas anunciadas por parte de Pemex, lembrou que a empresa perdeu "40.000 millóns en 2015 e 7.300 en 2016" e que o prezo do barril "estaba a 114 dólares cando se asinou o acordo e está agora a 56". Así, segundo dixo, ningunha compañía "pode manter todos os seus invstimentos, nin en Galicia nin en México". E asumiu, ao tempo, que aqueles compromisos cos que regou a campaña electoral de 2012 e mesmo a última non dependían nin moito menos da Xunta nin estaban asegurados.
Villares recriminoullo e acusouno de ser "o relacións públicas de Pemex". "Estamos comprobando que é vostede quen xustifica o que fai ou non as empresas", dixo o portavoz de En Marea, tras acusar a Feijóo de "exculpar" a multinacional tras "vencer como propio o que non podía cumprir". "Non podía apuntarse eses tantos porque non dependían de vostede", engadiu.
Villares acusa a Feijoo de "ser o relacións públicas de Pemex" e "xustificar" as decisións da empresa
Feijóo, pola contra, tirou do conseguido, presumiu dos "300 millóns e os 3 millóns de horas de traballo" que proporcionaron os dous floteis e dunha venda dun estaleiro como Barreras, "que estaba en liquidación" e que se puido "levantar". Ademais, lembrou que Pemex pagou durante catro anos un aval para reservar unha parcela no porto exterior da Coruña -"suponse que tiña interese", aclarou- e presumiu dos dous buques hotel fabricados en Galicia. "Son máis grandes que este Parlamento, vaia velos", díxolle a Villares.
"Os dous floteis son máis grandes que este Parlamento", presumiu Feijóo, que teme que un deles non se entregue por estar fóra de prazo
"Son director comercial de Galicia e vou arriscar en todos os sitios. Haberá dous floteis navegando polo mundo grazas ao esforzo deste país", rematou Feijóo, non sen antes amosar o seu desacougo pola posibilidade de que un deles finalmente non navegue. "O que máis me preocupa é que Navantia entregue o flotel en prazo porque xa está fóra del, deberíamos estar preocupados por cumprir os contratos asinados", asegurou.
Refírese Feijóo aos atrasos que se van acumulando na entrega de Orgullo Petrolero, o buque hotel que se constrúe na ría de Ferrol. A entrega, nun principio, estaba prevista para o pasado mes de xullo e logo para setembro, pero en ningún dos dous prazos se levou a cabo. Agora ampliouse a data límite ata mediados do vindeiro mes de xaneiro e os sindicatos temen que non se poida entregar ou que mesmo se cancele a cesión de incumprírense as condicións.
Alén disto, xa en comisión, a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, reprochou ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, os reiterados incumprimentos do goberno con naval galego, que interpreta como "reflexo evidente de que a Xunta carece de estratexia para o sector”, ao que usan como “parte das campañas electorais do PP, igual cos mitins”.