Nos últimos días da campaña electoral, dous nomes xorden desde a esquerda á hora de referirse a Núñez Feijóo: Marcial Dorado e Emilio Lozoya. PSOE e Sumar soben o ton e lembran a relación que o aspirante do PP á Moncloa tivo co contrabandista, que cumpre condena en terceiro grao e do que hai unha década se revelou a súa relación de amizade co líder dos populares; e co ex-director xeral de Pemex, en prisión preventiva en México por varios casos de corrupción, con quen tamén hai dez anos o daquela presidente da Xunta tratara directamente os negocios da petroleira co Goberno galego, que acabaron en fracaso e que aínda son investigados pola xustiza mexicana.
"Chámase Emilio Lozoya Austin. É un criminal mexicano acusado de múltiples delitos de corrupción. Na foto era director de Pemex...", comeza un chío en Twitter Óscar Puente, ex-alcalde de Valladolid e cabeza de lista pola provincia castelá este 23X. Nel sinala a fotografía na que se ve a Feijóo co político agora encarcerado cando estaba "pechando un acordo para construír barcos en Galicia". "Un acordo que se tornou nunha absoluta fraude", lembra.
A Fiscalía mexicana pide 46 anos de cadea por suborno, asociación delituosa e branqueo para Lozoya, directivo de Pemex que apadriñou os negocios coa Xunta
Lozoya foi detido en febrero de 2020 en Málaga e extraditado a México no mes de xuño dese mesmo ano. A Fiscalía mexicana pide 46 anos de cadea por delitos de suborno, asociación delituosa e branqueo de capitais e acabará sentando no banco dos acusados logo de infrutuosos pactos de colaboración coa xustiza. É o principal implicado pola trama corrupta de Odebrecht en México, pero é tamén investigado por moitas outras operacións, como as que liderou sendo director de Pemex, entre elas a compra de Barreras avalada pola Xunta, negocio que investiga a Fiscalía mexicana.
A propia petroleira, a Auditoría Superior da Federación (ASF) e a Unidade de Intelixencia Financeira levan tempo investigando os negocios que Lozoya apadriñou coa Xunta de Feijóo e dos que advirten varias irregularidades. A ASF, o equivalente ao Tribunal de Contas en España, cuestionara os negocios de Pemex en Galicia por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e dubidosas adxudicacións.
Feijóo desligou a Lozoya dos negocios de Pemex coa Xunta, malia seren aprobados co directivo encarcerado á fronte da petroleira e a pesar de que ambos se reuniron dúas veces
Emilio Lozoya foi director xeral de Pemex entre 2013 e 2016, sendo xefe do Executivo galego Feijóo, que intentou sempre desligar o dirixente agora preso cos negocios da petroleira en Galicia. Todo malia que, segundo indicou a propia Xunta en 2013 e 2014, o presidente en persoa tratou directamente con el. Co político que o fiscal xeral de México sinalou logo como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte de México.
O acordo marco entre a Xunta e Pemex empezara algo antes, en maio de 2012, cando o Telexornal da TVG interrompeu o seu ritmo habitual para conectar co Pazo de Raxoi e retransmitir a sinatura do acordo. Prometéronse milleiros de empregos e, andando o tempo, a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña.
A máis de vinte embarcacións ascendeu unha conta que quedou na polémica adxudicación e construción de dous floteis nas rías galegas e a adquisición de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado. As dúas operacións foron rubricadas co directivo agora encarcerado á fronte de Pemex.
Unha "alianza estratéxica" cun ronsel de promesas incumpridas, litixios, sombras e investigacións xudiciais que afectaron varios directivos máis que negociaran coa Xunta o desembarco en Galicia, como Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo. Tal foi que o actual presidente de México, López Obrador, sinalara o "contubernio" dos negocios de Pemex en Galicia apadriñados pola Xunta como clave na súa crise diplomática con España.
Feijóo insistiu en desligarse de Lozoya malia as notas de prensa do seu propio goberno. Nunha delas, a Xunta destacaba en abril de 2013 que Feijóo se reunira en México co daquela máximo dirixente de Pemex, a quen "agradeceu" a súa receptividade e o seu interese en confirmar os compromisos acadados" e "darlles continuidade". Ás dúas semanas, Pemex mercou Barreras. Anos despois, quebrou.
A primeira reunión de Feijóo con Lozoya tivo lugar días despois de que ' El País' revelase a relación de amizade que mantivera co contrabandista Marcial Dorado
Aquela primeira reunión de Feijóo con Lozoya aconteceu xusto cando a política galega se axitaba pola publicación en El País das fotografías que acreditaban a amizade de Feijóo co contrabandista Marcial Dorado na etapa en que o actual presidente dirixía o Sergas. Foi entón cando a Xunta anunciaba a viaxe do xefe do Executivo a México, onde se reuniría co dirixente agora encarcerado. Hai agora pouco máis de dez anos.
A relación de Feijóo con Dorado volve agromar con forza tamén nestes últimos días da campaña electoral, sobre todo logo das palabras da candidata á presidencia por Sumar; Yolanda Díaz, no acto central do seu partido en Madrid o pasado domingo. Aí retouno a explicar a súa "amizade" co narcotraficante e aquelas fotos en barco xunta a el. "Señor Feijóo, veña ao debate o día 19 e explíquelles aos españois cal era a súa relación co narcotráfico", dixo, solicitando respostas a preguntas que ela mesma lle fixera durante a súa carreira política en Galicia.
Como xa manifestara nalgunha entrevista, Díaz denunciou que a relación de Feijóo con Dorado é "unha das máis perigosas da historia da democracia" e contrapuxo aquela "amizade" cunha "década de xeración perdida de mozos que morreron pola droga" e de "nais que loitaban" contra o narcotráfico. "Houbo nais que loitaron contra a droga e que vían que os seus fillos morrían sen compaixón mentres Feijóo tiña unha amizade íntima cun dos maiores narcotraficantes no de Galicia, senón do mundo", engadiu.
Díaz sobe o ton e pide a Feijóo que explique a súa relación con Marcial Dorado, "unha das máis perigosas da historia da democracia". "Era unha amizade íntima", lembra
Este mesmo luns, na Cadena SER, Díaz insistiu: "Toda Galicia, incluída eu, sabiamos quen era Marcial Dorado. Polo tanto, Feijóo sabía perfectamente quen era: un narcotraficante de marca maior en Galicia e no mundo. A súa amizade con el non era unha pequena amizade, era unha amizade íntima, e a día de hoxe non aclarou esta situación".
Tamén este luns, a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, número dous do PSOE por Madrid, recriminou que Feijóo non acudise ao debate: "Que é o que ten vostede que agochar, señor Feijóo? Por que non quere ir? É un narcotraficante nun iate? A súa xestión á fronte da Xunta de Galicia? A súa ausencia de ideas?", preguntouse.
Non con tanta contundencia, pero semanas antes foron outros membros do PSOE os que lembraron a relación entre Feijóo e Dorado, como a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, ou o secretario de Acción Electoral da Comisión Executiva do PSOE, Jaiver Izquierdo, número dous por Valladolid ao Congreso e que se mostrou sorprendido de que non se cuestionase que Feijóo "pasase as súas vacacións cun traficante de drogas", un feito que, na súa opinión, inhabilítao para ser candidato a presidir España.
Aquel feito saíu á luz o domingo 31 de marzo de 2013, cando a portada de El País abría cunha foto de dous homes a bordo dun barco nas proximidades das illas Cíes. Cando se tirara esa e outras imaxes similares un deles era responsable do Sergas e o outro xa era coñecido como contrabandista de tabaco. Eran Alberto Núñez Feijóo, despois presidente da Xunta e agora líder do PP estatal, e Marcial Dorado, despois condenado por narcotráfico. E como relataban naquela e en posteriores reportaxes os seus asinantes -o daquela delegado de El País en Galicia, Xosé Hermida, e a veterana xornalista especializada en narcotráfico Elisa Lois- as imaxes non eran unha anécdota puntual. O seu non fora só unha foto, senón unha amizade de anos.
Feijóo non aclarou que delegado do Goberno o advertiu das fotos con Dorado, nin os contratos públicos do contrabandista coa Xunta nin canto durou a súa relación
"Vostede cre que se eu soubese do que ía ser acusado eu deixaríame facer fotos ou iría comer con el?", dixo Feijóo en La Sexta en 2018. Nos 90, na data das fotos, Dorado xa fora detido en varias ocasións por tráfico de tabaco. Máis tarde, en 2003 foi apreixado pola súa implicación no tráfico de cocaína e condenado a 14 anos de cárcere.
Máis de dez anos máis tarde, aquela amizade segue a ter puntos escuros que Feijóo nunca aclarou e que agora volven á actualidade. Nunca quixo explicar, por exemplo, que delegado do goberno o alertou das fotos atopadas nunha operación policial, xa que el mesmo explicara que fora "como no 2004 ou por aí" cando llo comunicara. Arsenio Fernández de Mesa, Josá Manuel Pérez Díaz e Manuel Ameijeiras ocuparon ese cargo durante ese ano.
Naqueles días de hai unha década, e noutros moitos, Feijóo insistiu en que sobre a súa amizade en xeral con Dorado era “todas as explicacións parlamentarias e extraparlamentarias”. Pero non é así. Porque aínda non se puideron aclarar tampouco os contratos públicos que as empresas de Dorado obtiveron naqueles anos de relación con Feijóo do Goberno galego no que o segundo era alto cargo. A Xunta deu sucesivas explicacións contraditorias para non poder amosar parte dos contratos, desde que se destruíra esa parte do arquivo porque pasara moito tempo ata que unha inundación arrasara con eles pasando por que que era moi difícil recuperar tantos documentos.
A explicación ao respecto do propio Feijóo foi que el nin asinara nin decidira ningún dos contratos. Efectivamente, non é competencia do máximo responsable do Sergas asinar contratos, pero si dirixir as súas políticas e prioridades de contratación. Feijóo falou por si mesmo, pero evitou aclarar as actuacións dos seus subordinados no Sergas ou a relación doutros departamentos da Xunta coas empresas de Dorado.
Tamén segue sen aclararse canto durou a relación de Feijóo e Dorado. O popular di que rematou a finais dos 90, coincidindo coa súa marcha a Madrid como alto cargo do Goberno de Aznar. Aínda coincidirían no enterro en 1999 de Manuel Cruz, o condutor da Xunta que os presentara e que segundo o Servizo de Vixilancia Aduaneira era home de palla de Dorado para xestionar varios negocios. Pero o propio Dorado asegurou nunha entrevista en 2020 que o seu último encontro foi en 2001, para unha comida a iniciativa de Feijóo. O xuíz Vázquez Taín revelou logo nunhas declaracións que houbera conversas entre ambos entre 2001 e 2003, aínda que advertiu que non se consideraron delituosas en caso ningún.
Cando Feijóo era amigo de Dorado, xa fora detido por tráfico de tabaco; logo seríao por narcotráfico e agora cumpre condena por branqueo e vinculación con organización criminal
Despois, en 2003 Feijóo volveu de Madrid como conselleiro de Fraga e uns meses máis tarde Dorado era detido por narcotráfico e un delegado do Goberno avisaba a Feijóo das súas fotos, as que El País acabou publicando en 2013, aos poucos días de obtelas e tras confirmar que non eran unhas simples fotos, senón unha parte pequena dunha amizade moito maior.
Marcial Dorado ten enriba unha condena de 2009 pola súa vinculación a unha organización de narcotraficantes e outra de 2015 por branqueo. Cumpre o que lle resta de pena en terceiro grao, en réxime aberto, unha semiliberdade que lle foi concedida en 2020 e que durará ata 2025, cando cumpra a condena.
"Cando subo a un barco, o primeiro que fago é comprobar quen é o patrón", dixo o pasado mes de marzo o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, no Congreso dos Deputados, en resposta ás acusacións do PP polo caso Mediador.