Sete desculpas para non amosar os papeis de Marcial Dorado

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País

O pasado 5 de abril, menos dunha semana despois de que El País publicase as fotografias de Alberto Núñez Feijóo con Marcial Dorado, datadas no tempo no que o actual presidente era secretario xeral do Servizo Galego de Saúde, o PSdeG reclamou saber se as empresas do narco tiñan ou tiveran "intereses" vinculados a contratos coa Xunta. A través do seu actual voceiro parlamentario, José Luis Méndez Romeu, reclamaban formalmente "información e copia da totalidade de contratos de subministro enerxético, de combustible e informáticos" realizados pola Consellería de Sanidade e os seus hospitais entre 1992 e 1998. Con formulacións semellante e máis ou menos amplas, tanto os socialistas como AGE e o BNG veñen reclamando dende ese momento coñecer a totalidade das achegas públicas ás compañías do narco co correspondente soporte documental. Sete meses despois hai, cando menos, sete desculpas oficiais para non achegar eses papeis, mesmo pasando por riba dos prazos establecidos no Regulamento da Cámara.

1. Tamén o bipartito lle achegou cartos

Vinte e catro horas despois de protagonizar unha controvertida comparecencia parlamentaria ateigada de ataques á oposición Feijóo admitía por primeira vez a existencia de relacións económicas, en sentido amplo, entre a Xunta e as empresas de Dorado, aínda que poñendo o foco "no período 2005-2009", isto é, no mandato da coalición de PSdeG e BNG. Mentres a oposición en pleno pedía os documentos o presidente aseguraba que foi o bipartito o que lle deu "maiores axudas e subvencións ás empresas do señor Dorado" e que ademais o fixo "por solidariedade". Feijóo referíase deste xeito ás axudas de emerxencia habilitadas pola Xunta tras as inundacións de 2006 e cuxa concesión dependía, unicamente, dos danos sufridos en instalacións empresariais, domésticas ou industriais. Aínda que non outorgalas cumprindo os requisitos sería ilegal o titular da Xunta cargaba contra a "hipocrisía política" dos demais partidos e deixaba caer unha pinga de información sobre o seu propio Goberno: no seu primeiro mandato as empresas de Dorado cobraron 5.000 euros por "efectos navais e outras cuestións nalgunhas instalacións". Pero nin rastro de papeis. Eses serían "remitidos ao Parlamento" en canto finalizase a consulta dos "sistema informáticos" da Administración autonómica.

2. A oposición "non deixa" amosalos

Case un mes despois da publicación das fotografías, a finais de abril, os tres grupos da oposición aproveitaron a sesión de control para preguntar pola existencia dos contratos. "Non merece respecto nin resposta", "ten un presente penoso", "persiste no ridículo" foron algunhas das contestacións do presidente, que situou a PSdeG, AGE e BNG no "bochorno", na "miseria" ou na "baixeza moral". Foi neste pleno no que Feijóo teorizou, ademais, sobre a existencia dunha suposta vontade do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, por "competir con Beiras" e "emocionarse tanto" coma el para "ver se o imita". Foi neste punto no que o voceiro de AGE se ergueu do seu asento e bateu no taboleiro do escano presidencial. Acto seguido, Yolanda Díaz preguntou explicitamente polos contratos e Feijóo negouse a falar da cuestión: "Señora, como vostede non merece ningunha resposta, remitirei os datos á Cámara, á xustiza e a Galicia", sinalou.

"Non merece resposta, remitirei os datos á Cámara, á xustiza e a Galicia"

Apenas vinte e catro horas máis tarde Feijóo celebraba a súa habitual rolda de prensa tras a reunión semanal do Consello e alí admitiu que a pregunta de Alternativa versara "sobre os contratos da Xunta nos últimos vinte anos co señor Dorado ou empresas do señor Dorado". A pregunta era "exactamente esa" pero "un deputado veu ao meu escano e fixo puñetazos enriba do escano dun presidente", polo que "non puiden proseguir coa sesión de control para poder contestar", argumentou, obviando así que Beiras o increpou mentres contestaba a pregunta do BNG e non a de AGE. Así e todo, o presidente asegurou daquela sentir certa "urxencia" por "acreditar, céntimo a céntimo, claes foron os contratos, as axudas, as subvencións" ás empresas de Dorado "durante os vinte anos da Xunta". A información, asegurou, ía ser remitida ao Parlamento "de forma inmediata".

En plena treboada política polo caso a Xunta decidía remitirlle ao Parlamento a media tarde do venres, 26 de abril, dúas horas antes do inicio dun crucial Comité Nacional do PSdeG, o que un día antes o presidente definira como información "céntimo a céntimo". O remitido non foron as copias dos contratos, senón unha relación de pagamentos redactada ao xeito dun comunicado de prensa e non atribuída a ningún departamento concreto do Goberno galego. Cunha notable carga política -o Executivo salientaba, por exemplo, que "as lexislaturas nas que menos diñeiro recibiron" as empresas do narco "foron as tres nas que Alberto Núñez Feijóo formou parte do Consello da Xunta"-, o documento sinalaba, por exemplo, que en 1995, ano no que foron tomadas as polémicas fotografías, unha das empresas, Mitulo, recibiu case 30.000 euros para a "construción dun barco auxiliar" para a Consellería de Pesca. En total, o entramado empresarial de Dorado recibiu uns 157.000 euros dos gobernos de Fraga e tivo tres axudas do bipartito, as das inundacións e dúas máis de apenas 5.000 euros para "fomento da propiedade industrial". Pola banda do Goberno de Feijóo, contábanse seis contratacións da Consellería do Mar que, en total, apenas superaban os mesmos 5.000 euros. De novo, a oposición seguía a agardar polos contratos.

3. Foron destruídos

O presidente afirmou que nos arquivos "non hai nada" anterior ao ano 2003

Como era de agardar, a relación de pagamentos amosada pola Xunta non foi considerada suficiente pola oposición e, a mediados de maio, a sesión de control ao presidente volveu a estar protagonizada polo 'caso Dorado'. "A folliña de Word non vale para nada", resumiu Yolanda Díaz, "vainos entregar os contratos presuntamente subscritos con esa trama empresarial?", insistiu. Pola banda presidencial volveuse lanzar desdén: "parece que de dereito administrativo non sabe moito", retrucou, porque "as regras de fiscalización de contabilidade e gasto público" só "esixen manter os expedientes de gastos e os contratos arquivados durante dez anos". Nos arquivos da Xunta, polo tanto, "non hai nada" anterior a 2003, o que non impediu, non obstante "plantexar todos os pagamentos dende 1993, vinte anos antes" no comunicado da polémica. Os contratos, polo tanto, foron destruídos e "o que pasa" é que a Alternativa "non lle gusta escoitar que a lexislatura na que máis cartos se facturaron foi na do bipartito", na que AGE "tivo algo que ver", sentenciou, obviando que, segundo o propio Goberno, o gabinete de PSdeG e BNG non contratou nada coas empresas de Dorado.

4. Son demasiados

Non pasara nin un día dende que Feijóo afirmara que os reclamadísimos contratos xa non existían. Pola mañá, dende o atril do Consello da Xunta, o líder da dereita amagara con denunciar a Xosé Manuel Beiras polas súas declaracións sobre as fotos con Dorado -entre outras afirmacións, por chamarlle "narcopresidente"-. Pola tarde celebrábase no Parlamento a comparecencia do secretario xeral da Consellería de Sanidade, Antonio Fernández Campa, enviado polo Goberno para transformar en resposta oral a solicitude de documentación da oposición. A Campa correspondeulle navegar entre as afirmacións lanzadas polo presidente vinte e catro horas antes e o seu propio argumentario, centrado na idea de que a documentación solicitada é tan ampla que resulta "inmanexable", imposible de trasladar á Cámara. "É como se nos piden que traiamos todas as camas do Sergas ao Parlamento", "o que non pode ser, non pode ser e ademais é imposible", ilustrou.

"Pero, hai ou non hai contratos?", reclamou saber a socialista Carmen Acuña. O alto cargo de Sanidade esquivou ou tentou esquivar as dificultades explicando que "o que nos piden é copia de todos os contratos realizados pola Consellería de Sanidade e os centros hospitalarios", sen "mencionar en absoluto nin a Marcial Dorado nin ás empresas de Marcial Dorado", unha documentación que "ademais de inmanexable, non se conserva" na súa "maior parte". As caras de estupefacción reinaban na voceira do PSdeG e nas do resto da oposición. "Queren xustificar o inxustificable", concluíron dende o BNG. "Isto non é máis ca un lavado de cara", agregou AGE.

5. Non foron destruídos

"Nós destruímolos? Asegúrolle que non"

Dúas semanas despois de que Feijóo afirmase categoricamente que nos arquivos da Xunta "non hai nada" anterior a 2003, a sesión de control volveu xirar en torno ás polémicas fotos e aos contratos reiteradamente pedidos. "Agora vén dicir non sei que dos arquivos", desprezou Feijóo ao daquela líder do PSdeG, Pachi Vázquez, para despois asegurar que "no ano nove" o propio PP "atopou" toda a documentación da Xunta. "Nós destruímolos? Asegúrolle que non", afirmou, nun sentido completamente oposto ao de quince días antes. "Se non se destruíron, por que non os trae aquí e os ensina?", repreguntou Vázquez  xusto antes de que o nacionalista Francisco Jorquera lembrase que, ao falar de documentos eliminados, "ou mente ou está admitindo a comisión dunha ilegalidade", toda vez que a Lei de Patrimonio Documental impide a destrución de documentos. Para Feijóo as preguntas da oposición non eran máis ca un intento de prolongar o "espectáculo" a conta das fotos da polémica. A información seguiu sen aparecer.

6. Son "inxurias"

Pasou o verán e, á volta das vacacións, os contratos de Dorado seguían sen aparecer. Foi isto o que levou o PSdeG a defender unha moción para, a efectos prácticos, instar o Goberno a cumprir o Regulamento do Parlamento e "dar traslado da documentación pendente" nos prazos legais, iniciativa encamiñada no mesmo sentido que outras de AGE e BNG. Se a documentación "existe, queremos que se nos proporcione" e "en caso de que non exista, queremos saber con que criterios se destruíu", resumiu o socialista Abel Losada, para quen a única explicación da ocultacion é un intento de "blindar o señor Feijóo do único delito posible, o tráfico de influencias", toda vez que "todo o demais" vencellado ás fotos "é política" e nada máis. Neste debate o PP lanzou á area á súa voceira orgánica, Paula Prado, quen sentenciou dende a tribuna que, "á vista dos datos" internos da Cámara, "o Goberno cumpre coa normativa" no que atinxe aos prazos de entrega da documentación -datos que ata este verán eran públicos-. Segundo Prado a oposición insiste en ver os contratos para tentar "alongar" o escándalo das fotos, que "non son delito". Pero "o que si é delito é a inxuria, polo tanto, miren vostedes as súas manifestacións e teñan coidado antes de facer acusacións", ameazou.

7. Colapsarían a Xunta

Feijóo argumenta que buscalos colapsaría a Administración e sairía demasiado caro

Dous meses e varios debates parlamentarios despois, o pasado xoves Feijóo foi cuestionado por enésima vez ao remate do Consello da Xunta sobre os papeis de Marcial Dorado, unha figura xa case mítica da política galega á altura dos supostos contratos con Pemex. Despois de que o PSdeG advertise de que valora levar a Xunta ante o Tribunal Constitucional para obter eses e outros documentos polos que agarda, o presidente argumentou que atender todas as peticións de documentación de PSdeG, AGE e BNG -máis do 60% están pendentes- implicaría "colapsar a Administración" e, ademais, sería demasiado caro. "Se se coñecese o custo poría colorado a algún deputado da oposicion", afirma. Así as cousas, no caso de que os documentos "existan" e buscalos "non colapse o servizo público" cumplirase o que marca o Regulamento. E os contratos hospitalarios si provocarían un "colapso". Non é que fosen destruídos, como el mesmo afirmou, senón "porque pedir as contratacións de vinte anos do Sergas é un disparate". 

Contratos e axudas nos anos en que foron tomadas as fotos © Xunta
Feijóo, durante unha sesión de control © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.