Marcial Dorado reitera: amizade con Feijóo mentres dirixía o Sergas que seguiu cando era alto cargo de Aznar

Portada de 'El País' que en 2013 revelou a amizade de Feijóo con Marcial Dorado nos anos 90 © El Páis

Nunha entrevista con 'El Confidencial' Dorado di ter unha nova proba que vai presentar ante os tribunais para tentar que sexa revogada a súa condena por narcotráfico e repite que recibiu ofertas de cargos populares e socialistas para ofrecer detalles da súa relación co ex-presidente

Marcial Dorado xa cumpriu a condena por narcotráfico Tribunal Supremo lle impuxo en 2011 por vender unha embarcación para unha descarga de cocaína. Sostén que recibiu unha carta de Roberto Leiro, o narcotraficante considerado centro daquela operación, na que achega nova información que o exculpa e demostra, asegura, que os seus negocios ilícitos nunca foron alén do contrabando de tabaco.

Con este pé de actualidade, a carta de Leiro que -anuncia-, está a servir para que o seu avogado ultime un recurso para tentar desligar de vez o seu nome do narcotráfico, Marcial Dorado vén de conceder una entrevista ao xornal El Confidencial na que, como xa fixera en 2020 con laSexta, especifica datas da súa amizade co ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. Lamenta, como daquela, que non insistise máis en que el non é un narco, e insiste tamén en que emisarios do PSOE, pero tamén de cargos populares, lle ofreceron vantaxes e mesmo cartos en diferentes momentos a cambio de información comprometedora para o actual líder do PP.

Marcial Dorado, entrevistado por laSexta en 2020 © laSexta

Como xa fora explicado por El País en 2013 tras publicar o xornal as fotos que evidencian a amizade entre ambos -e tamén sinalado no Parlamento de Galicia-, Dorado explica que coñeceu a Feijóo a principios dos 90 "a través de Manuel Cruz", chofer de altos cargos da Xunta da época e, segundo ese diario, tamén testaferro. "Eu coñecino sendo algo de Agricultura" e "despois, cando Romay [Beccaría] pasa de agricultura a conselleiro de Sanidade é cando Romay o leva aí é cando Romay o leva a Madrid, é aí onde empeza".

Foron presentados por un chofer da Xunta sinalado como testaferro e prolongouse "ata 2002, máis ou menos", cando o agora líder do PP presidía Correos ás ordes de Álvarez-Cascos ata que foi enviado como conselleiro de Fraga en plena crise do Prestige

Esas referencias de Dorado refírense aos poucos meses no que foi secretario xeral da Consellería de Agricultura para, xusto despois, ir á Consellería de Sanidade da man de Romay, quen o puxo a dirixir o acabado de nacer Servizo Galego de Saúde. En 1996, cando o PP de José María Aznar gaña as eleccións xerais, Romay é nomeado ministro de Sanidade e reproduce o esquema situando a Feijóo como máximo responsable do Insalud

Na segunda lexislatura de goberno aznarista dirixiría Correos ás ordes de Francisco Álvarez-Cascos. Exerceu o cargo ata que, en xaneiro de 2003, a cúpula estatal do PP o envía como conselleiro de Política Territorial ao goberno de Fraga en plena crise do Prestige para remudar a Xosé Cuíña. Segundo Dorado, a intención era "limpar" o PPdeG.

Feijóo, no Parlamento na súa etapa como 'número dous' de Romay (segundo pola dereita) en Sanidade © Parlamento de Galicia

"En 2002, máis ou menos", responde Dorado, foi cando finalizou a relación con Feijóo e daquela, insiste, el aínda non tiña "ningunha condena" aínda que xa fora detido na operación Nécora e foran abondosas as noticias na prensa sobre as súas ligazóns con contrabando. Foi, daquela, unha década na que viaxaron, relata, aos Picos de Europa, "pasando a fin de ano" en Estoril -"eu podíamo permitir e iamos alí", detalla- ou "dúas viaxes a Ibiza" no seu barco. 

Atribúe a divulgación das fotos que evidencian a amizade a provocar prexuído para Feijóo "xusto cando sexan as eleccións", aínda que en realidade foron publicadas meses despois de que lograse revalidar a presidencia da Xunta

"Nunca houbo nada máis; é que din parvadas de que estivo en Andorra, viron a neve e pensaron que era Andorra", critica. O propio Feijóo contribuíra ao equívoco ao responder en 2013 que "cría" que non fora a Andorra tras confirmarllo a El País: "Lembro que había neve, parece ser que eran os picos de Europa", dixera.

Canda esta descrición da amizade, Dorado mantén que existen intereses confluentes entre cargos do PP e do PSOE en diferentes momentos para divulgar a relación e as devanditas fotografías tras ser condenado. Suxire na entrevista que "interesaba que fose narcotraficante" para publicalas "xusto cando sexan as eleccións" para así prexudicar o ex-presidente. En realidade a publicación das imaxes por El País, o 31 de marzo de 2013, publicouse despois de que Feijóo revalidase a presidencia da Xunta en 2012 e cando faltaban máis dun ano para a seguinte cita electoral, as europeas de 2014.

Declaracións de Feijóo en rolda de prensa o 1 de abril de 2013, tras revelar 'El País' a súa amizade con Marcial Dorado, sobre as viaxes xuntos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.