A Xunta alega agora que perdeu nunha inundación contratos con tres empresas de Dorado

Feijóo, xunto a Marcial Dorado, nunha das fotografías de El País © El País

O 15 de maio foran destruídos, o 16 de maio eran moitos e o 29 de maio xa non foran destruídos. Agora volveron ser destruídos, pero só parcialmente. O Goberno galego vén de darlle unha nova volta de porca ao enredo dos contratos coas empresas do narcotraficante Marcial Dorado que os tres grupos da oposición viñeron reclamando infrutuosamente dende o pasado mes de abril.

A Xunta dille a AGE que os documentos "tiveron que ser destruídos" porque estaban "afectados gravemente" pola auga

Tras meses de peticións a pasada semana a Xunta deu en amosar parte da documentación requirida, pero obviando a relativa ao Sergas nos anos en que o dirixía Alberto Núñez Feijóo, os mesmos nos que están datadas as polémicas fotos publicadas por El País. Pero esa non é a única ausencia na información achegada. Parte dos documentos, reclamados por AGE, foron vítimas dunha inundación.

Feijóo, este martes nunha visita a Lugo © Ana Varela

Esta é, cando menos, a explicación que lle ofrece ao grupo parlamentario de Alternativa a delegación territorial da Consellería de Traballo en Vigo. Nun documento ao que tivo acceso Praza Pública o departamento que dirixe Beatriz Mato explica que os expedientes das antigas consellerías de Familia, Muller e Xuventude e de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude "correspondentes aos anos 1990 a 2001", se almacenaron no centro de FP do barrio vigués de Coia "debido á falta de espazo físico nas dependencias" das delegacións provinciais destes departamentos. E alí foi onde chegou o asolagamento para expedientes que reflectían as relacións económicas da Xunta coas empresas Xatevín, Efectos Navales Arousa, Mitulo e Inmobiliaria Marli.

Díaz ve claro que a Xunta "coñece" a existencia dos contratos e esixe saber "quen foi o responsable "da eliminación

Estes documentos "non puideron ser atopados no arquivo antes mencionado". A causa, alega o Goberno, foi o "deterioro sufrido" neste centro educativo, "especialmente no soto, que se utilizaba como arquivo", polas "sucesivas inundacións sufridas, revestindo especial gravidade as que tiveron lugar nos anos 1998 e 2012". Sempre segundo o devandito documento "estas inundacións afectaron gravemente a moitos dos expedientes alí arquivados, ata o punto de que tiveron que ser destruídos". No entanto, a resposta advirte de que xa se "realizaron obras" para "acabar co deterioro sinalado".

A incorporación do factor acuoso ao abano de explicacións oficiais sobre o non achegamento dos contratos de Dorado encheu de estupor a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz. En declaracións a este diario Díaz salienta que na resposta gobernamental fica claro que "coñecen" os expedientes solicitados pero, "casualmente, din que as inundacións foron tremendas e procederon a destruílo". A xuízo da parlamentaria fica claro, polo tanto, que houbo destrución de documentos, contradicindo así o afirmado polo presidente, e compre saber "quen foi o responsable" desta eliminación.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.