"Naquel momento era contrabandista... Refírome: cando eu o coñecín, fora contrabandista". Con esta frase, durante unha entrevista na cadena COPE, o líder do PP e candidato á presidencia do Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo, admitiu que Marcial Dorado era contrabandista cando iniciou a súa amizade nos anos 90.
A estreita relación que o presidente do PP mantivo co logo condenado por narcotráfico e daquela contrabandista durante a etapa na que dirixiu o Sergas (entre 1991 e 1996) ocupou boa parte dos últimos días de campaña. Preguntado en varias ocasións sobre se durante a súa relación sabía que Dorado se dedicaba ao narcotráfico, Feijóo negouno sempre con contundencia.
"Naquel momento era contrabandista... Refírome: cando eu o coñecín, fora contrabandista", dixo Feijóo ao ser preguntado pola súa relación con Marcial Dorado
Este venres, durante a entrevista, lembrou que na campaña das autonómicas de 2009 en Galicia, o seu partido foi advertido por un cargo do PSOE de que poderían sacar unhas fotos del cun narcotraficante. "Naquel momento era contrabandista... Refírome: cando eu o coñecín, fora contrabandista, nunca narcotraficante", intentou aclarar Feijóo, que insistiu logo en que "coñecía" a Dorado "cando nada tiña que ver con este asunto".
"Os galegos coñecen moi ben a diferenza entre coñecer unha persoa e ter unha relación mercantil ou de complicidade. Os galegos son os que me xulgaron e xulgáronme dunha forma bastante clara", dixo despois.
Feijóo mantivo unha estreita relación de amizade con Marcial Dorado, tal e como desvelaron os xornalistas Xosé Hermida e Elisa Lois no xornal El País en 2013, hai agora dez anos. Foi daquela cando ese diario deu conta das ligazóns de Feijóo e Dorado e amosou como probas máis evidentes fotografías achadas unha década antes na casa do narco durante un rexistro policial.
As imaxes amosan a Feijóo compartindo viaxes e actividades de lecer con Dorado en lugares como a ría de Vigo, os Picos de Europa, Ibiza ou Canarias e están datadas en 1995 e 1996. Isto é, cando o agora líder popular xa era alto cargo da Xunta -e despois, do Goberno de España e cando Dorado xa fora detido por contrabando de tabaco e branqueo en 1992.
Feijóo advirte da diferenza entre "coñecer" unha persoa e "ter unha relación mercantil ou de complicidade"
Marcial Dorado tamén fora acusado de narcotráfico na operación Nécora (1990), aínda que quedou exonerado dela. A Xustiza non acreditou os seus vencellos co tráfico de estupefacientes ata 2003, ao fío da operación na que apareceron as fotografías e durante a cal, segundo revelou o xuíz José Antonio Vázquez Taín, interceptaran conversas telefónicas con Feijóo. O ex-presidente asegurou en 2013, tras as revelacións de El País, que non tivera relación con Dorado alén de 1998.
Todas estas circunstancias están a volver ao primeiro plano da actualidade na recta final da campaña electoral, marcadas polas esixencias de explicación a Feijóo a respecto da súa amizade co narco por parte de diversas forzas da esquerda, que tamén poñen o foco en que o candidato do PP vén faltando á verdade reiteradamente nos últimos días. Con todo este pano de fondo, Feijóo repetiu o pasado mércores en declaracións a laSexta o que xa afirmara na mesma canle en 2018 e antes, en diversas declaracións en Galicia: non sabía que Dorado era narco.
Este venres, na cadena COPE, admitiu que Marcial Dorado "era contrabandista" cando el o coñeceu. O pasado mércores, en laSexta, respondera que "evidentemente, non", cando foi preguntado se nos tempos en que era máximo responsable do Sergas e amigo de Dorado, sabía das súas actividades co narcotráfico. "Naquel momento non tiña ningunha acusación por isto" e ademais, "agora é máis doado saber cousas, porque hai internet, hai Google", agregou malia ás diversas referencias ás detencións e implicacións de Dorado na prensa da época.
"Sabe perfectamente que non tiven xamais nada que ver en relación á actividade final deste señor tan mencionado por un grupo de comunicación en España", rematou Feijóo na COPE a entrevista, na que cargou contra o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, por "usar" o que considera "lixo". Mesmo o acusou -tamén a Yolanda Díaz- de ter fotos "con ditadores, persoas acusadas de narcotráfico ou persoas que tiñan prohibida a entrada á UE".