"Son só unhas fotos e non van dar máis de si". A sala de reunións do PP no Parlamento de Galicia quedou pequena este luns para acoller os medios de comunicación que ían cubrir a comparecencia do presidente da Xunta. Vinte e catro horas despois de que o diario El País publicase as fotografías das vacacións de Alberto Núñez Feijóo en 1995 xunto ao narcotraficante Marcial Dorado o líder dos conservadores galegos saíu á palestra para, rodeado da dirección do seu grupo parlamentario, desmentir que el teña algo que ver "con actividades ilegais" e, máis aínda, que lle rolde pola cabeza deixar a Presidencia. "O que se tenta", afirma, é que "non diga o que penso".
En síntese, o xefe do Goberno galego presentouse ante os xornalistas como a vítima dunha conspiración que estivo latente durante lustros. "Ameazáronme en diferentes ocasións coa posibilidade da publicación" das imaxes, declarou en castelán en aras da "transparencia". Sen mencionar o líder dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, Feijóo lembra que "non é a primeira vez que un político fai insinuacións insidiosas sobre a miña relación" co narcotráfico pero "sempre actuei dentro da lei" e, polo tanto, non vai marchar e semella que nin sequera comparecer ante o Parlamento, toda vez que se declara "á disposición" do Grupo Popular, non do conxunto do lexislativo.
Feijóo asegura que "o que se tenta" é "que non diga o que penso"
O presidente galego asegura ser "coñecedor desas fotos" dende "2003 ou 2004" e "se pensase" que podían truncar a súa carreira política "non me presentaría a presidente do PP nin a presidente da Xunta". Pero, cal era a súa relación con Dorado? "Non ten nada que ver coas miñas responsabilidades como membro do Goberno" e "non hai nin unha amizade estreita nin ancha", nin sequera "unha relación directa". "Coñecino a través dun compañeiro da Xunta e doutras persoas da Illa de Arousa". O compañeiro en cuestión era Manuel Cruz, membro do PP de Ferrol e chofer de cargos da Xunta, considerado principal testaferro do narco. "Cando lle preguntei se era testaferro do señor Dorado negouno sempre", alega.
En canto ao propio Dorado, "cando o coñecín non sabía nada do seu pasado nin da súa actividade". Só soubo que se dedicaba ao contrabando "posteriormente, porque pregunto", dado que "desconfiei do seu tren de vida". "Cando preguntei díxoseme que estivera relacionado co contrabando pero en ningún caso fora condenado" -foino posteriormente-. Así, o único que Feijóo considera "difícil de xustificar" é o seu "grao de inxenuidade de hai 20 anos".
"Simplemente son unhas fotos antigas, non hai máis ca iso"
A desconfianza non impediu, así e todo, que o actual xefe de filas da dereita galega compartise viaxes con Dorado a varios destinos, dentro e fóra de Galicia -a Andorra e Portugal, segundo El País-. "Creo que non fun a Andorra, non o sei. Eu lembro que había neve, parece ser que eran os Picos de Europa", detalla Feijóo. En todo caso, "agora que se cumpriron as advertencias" de publicación das fotos isto non vai "lograr que cambie a miña actitude". "Non puideron amedrentarme", reitera, porque "simplemente son unhas fotos antigas, non hai máis ca iso, así se corroborou nas investigacións" que sobre Dorado realizaron os xuíces Taín, Garzón e Marlaska, asegura.
Neste contexto Feijóo rexeita ademais que Marcial Dorado ou as súas empresas se beneficiasen de contratos co Servizo Galego de Saúde ou co Insalud, que o actual presidente dirixiu durante eses anos. "Nunca adxudiquei nin asinei, nin concedín ningún contrato a ningunha empresa relativa a este señor".