Alberto Núñez Feijóo dirixiu o Servizo Galego de Saúde entre 1991 e 1996 da man do seu padriño político, José Manuel Romay Beccaría, que o levou consigo ao Goberno de José María Aznar tras a primeira vitoria electoral do PP nas xerais. Nesa primeira lexislatura estivo á fronte do desaparecido Instituto Nacional de Salud (Insalud) e na segunda, presidiu Correos ata que a dirección estatal do partido o enviou de volta a Galicia para remudar o defenestrado Xosé Cuíña na Xunta de Fraga.
Estes foron os cargos políticos que o ex-presidente da Xunta e agora líder e candidato do PP ás xerais do 23X ocupaba nos anos en que mantivo unha estreita relación de amizade con Marcial Dorado, tal e como desvelaron os xornalistas Xosé Hermida e Elisa Lois no xornal El País en 2013, hai agora dez anos. Foi daquela cando ese diario deu conta das ligazóns de Feijóo e Dorado e amosou como probas máis evidentes fotografías achadas unha década antes na casa do narco durante un rexistro policial.
As imaxes amosan a Feijóo compartindo viaxes e actividades de lecer con Dorado en lugares como a ría de Vigo, os Picos de Europa, Ibiza ou Canarias e están datadas en 1995 e 1996. Isto é, cando o agora líder popular xa era alto cargo da Xunta -e despois, do Goberno de España e cando Dorado xa fora detido por contrabando de tabaco e branqueo en 1992.
Marcial Dorado tamén fora acusado de narcotráfico na operación Nécora (1990), aínda que quedou exonerado dela. A Xustiza non acreditou os seus vencellos co tráfico de estupefacientes ata 2003, ao fío da operación na que apareceron as fotografías e durante a cal, segundo revelou o xuíz José Antonio Vázquez Taín, interceptaran conversas telefónicas con Feijóo. O ex-presidente asegurou en 2013, tras as revelacións de El País, que non tivera relación con Dorado alén de 1998.
Todas estas circunstancias están a volver ao primeiro plano da actualidade na recta final da campaña electoral, marcadas polas esixencias de explicación a Feijóo a respecto da súa amizade co narco por parte de diversas forzas da esquerda, que tamén poñen o foco en que o candidato do PP vén faltando á verdade reiteradamente nos últimos días. Con todo este pano de fondo, Feijóo repetiu este mércores en declaracións a laSexta o que xa afirmara na mesma canle en 2018 e antes, en diversas declaracións en Galicia: non sabía que Dorado era narco.
"Agora é máis doado saber cousas, porque hai internet, hai Google", di Feijóo, que volve presentarse como "vítima" de "ameazas" a respecto da súa relación con Dorado por parte de rivais políticos
"Evidentemente, non", respondeu Feijóo este mércores á pregunta de se, nos tempos en que era máximo responsable do Sergas e amigo de Dorado, sabía das súas actividades. "Naquel momento non tiña ningunha acusación por isto" e ademais, "agora é máis doado saber cousas, porque hai internet, hai Google", agregou malia ás diversas referencias ás detencións e implicacións de Dorado na prensa da época.
"Ata que eu o coñecín, non tiña ningunha causa en relación co narco", dixo, nun contexto no que volveu declararse vítima de "ameazas" por parte de rivais políticos -neste caso, "o PSOE"- a respecto deste caso dende a campaña galega de 2009. Pero, "todas as explicacións do que ocorreu deinas no Parlamento galego", asegura aínda que os grupos da oposición tiveron múltiplas preguntas ao respecto sen responder.