O xuíz Taín revela que Feijóo falou co narco alén do ano 2000

A imaxe de Feijóo e Dorado, na capa de El País © El País

O affaire Dorado enléase un chisco máis. Apenas dous días despois de que o presidente da Xunta asegurase ante a prensa que os seus contactos con Marcial Dorado se produciran "a partir de 1994 ou 95" e "practicamente ata o ano 98", o xuíz Antonio Vázquez Taín, que enviou ao cárcere ao narcotraficante no ano 2003, irrompe na polémica para poñer implicitamente en cuestión a palabra de Alberto Núñez Feijóo. Nunha entrevista publicada este mércores polo diario El Mundo o maxistrado explica que "durante a investigación houbo observacións das conversas telefónicas [picazos] de Núñez Feijóo e Marcial Dorado" e "non se consideraron en ningún momento delitivas". O caso é que a investigación comezou no ano 2001 e que en 2003 Feijóo pasou a formar parte do Goberno galego.

Taín sinala que detectou conversas entre Feijóo e Dorado nunha investigación que comezou en 2001; o presidente dixo que cortara a relación en 1998

Mentres, nun acto público en Vigo, Feijóo tentaba dar por pechado o caso concluíndo que o xuíz "falou con claridade" para "concretar" que "o que eu estaba contando era certo" os grupos da oposición parlamentaria, a comezar polo PSdeG, consideraban que a polémica e as dúbidas non fan máis ca medrar. "Por tras desas fotos non hai nada", "o xuíz que encarcerou a Marcial Dorado falou e a infamia rematou", di o xefe do Goberno galego, obviando a cuestión das datas que é, precisamente, á que se aferran os socialistas para considerar que o caso non fixo máis que comezar.

En rolda de prensa no Parlamento o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, considerou que tras a súa "prudencia" inicial cómpre dar "un paso máis", toda vez que, di, o presidente "mentiu cando dixo que non coñecía a Marcial Dorado" cando se tomaron as fotos difundidas por El País e que "cortou as relacións cando se enterou" das actividades presuntamente delitivas ás que se dedicaba. As explicacións de Taín "poñen en entredito as verbas de Feijóo" e amosan ás claras, afirma, que non estamos a falar "só de fotos", como di o líder conservador, senón "dunha relación de entre oito e nove anos".

Vázquez: "Se mentiu, ten que presentar a súa dimisión

Entre 2001 e 2003, di Vázquez, Dorado era xa "un narco coñecido por todos" e Feijóo non era, nin de lonxe, "un mozo inexperto que non distinguía se estaba nos Picos de Europa ou en Andorra", senón un alto cargo do Goberno de Aznar" que, subliña, estaba colateralmente incurso nunha "investigación" xudicial. "Como o investigaron? Houbo dilixencias previas, un procedemento abreviado?", pregúntase o líder socialista, quen ademais coida que cabe cuestionarse tamén por que Feijóo "puxo en 2003 o seu cargo á disposición" de Manuel Fraga tras saber das fotos "se eran irrelevantes".

Neste contexto, Pachi Vázquez non só reclama explicacións do presidente, a quen lle recomenda que non compareza no Parlamento para volver "mentir". As "sospeitas multiplícanse por cen" nun escenario no que, di, se Feijóo "mentiu" ten que "presentar a súa dimisión", por moito que o PP "saque a cabalería" para defender o titular da Xunta. "Hai cousas que non se poden facer, nin hai quince días nin hai quince anos", conclúe.

Vázquez, este mércores en rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.