Nova sesión de control e, de novo, preguntas sen responder sobre Marcial Dorado. Máis dun mes despois de que El País publicase as fotografías que amosan ao actual presidente da Xunta na súa etapa como secretario xeral do Sergas a bordo dun barco do narcotraficante Alberto Núñez Feijóo volveulle negar á oposición a información que lle solicita ao respecto. Desta volta quen preguntou foi a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, quen entre acusacións de "violencia" quedou, como no anterior pleno, sen as respostas que demandaba.
As preguntas de Díaz non só se centraban nos contratos da Administración autonómica coas empresas de Dorado, senón tameń sobre se Feijóo "sabía a que se dedicaba" Manuel Cruz, o falecido chofer de Romay Beccaría que, segundo admitiu o propio presidente, lle presentou a Dorado. "Quen era ese amigo íntimo chamado Manolo Cruz? A que se dedicaba, aparte de ser guerrilleiro de cristo rei e de servir a brigada político social en Ferrol e andar con pistolas?", inquiriu Díaz. "O seu amigo, ao que ben coñecía vostede, dedicábase ao narcotráfico", afirma, ante de preguntar se "é certo" que Feijóo, "cando morreu Manolo Cruz, chamou ao Sergas para dicir que non se lle fixese a autopsia".
"Vostede acaba de volver retratar o seu grupo", retrucou Feijóo, quen agora lle reprocha a AGE que "fale dun morto". Segundo o xefe do Executivo a vicevoceira de Alternativa tería que aproveitar a súa intervención deste mércores para "desculparse polo espectáculo lamentable que deu" hai dúas semanas. Pero como non o fxo, o líder da dereita recupera unha dinámica xa empregada na pasada lexislatura para anunciar que "eu si me vou desculpar pola situación que está vivindo Galicia", segundo el, a "consecuencia da súa coalición electoral", isto é, da AGE.
Díaz subliña que "a folliña de Word" que entregou a Xunta "non vale para nada"
Dado que a primeira resposta non aclarou a pregunta, Díaz volveuno intentar. "Comprobamos que padece de amnesia, levamos máis dun mes tentando que nos diga a verdade". "Vainos entregar os contratso presuntamente subscritos con esa trama empresarial?", reiterou, nun contexto no que "o que lle entregou a esta voceira é unha vergoña". Díaz refírese á "relación de pagamentos nunha folliña de Word" feita pública pola Xunta que "ninguén se atrevería a presentar nunha Administración. "Vostede, que é licenciado en dereito, sabe que isto non vale para nada". "Queremos funcionarios que certifiquen que vostede di a verdade" e, ao tempo, que fique claro que Manuel Cruz, "que se dedicaba ao narcotráfico, era un conseguidor para o PP para unha presunta trama de financiamento ilegal".
Feijóo pide "desculpas" pola "situación que vive Galicia a consecuencia" de AGE e di que na Xunta non hai expedientes anteriores a 2003
As esixencias de respostas e de dimisión levaron a Feijóo a cargar novamente contra AGE. "Permítame que non a felicite pola súa intervención", respondeu antes de considerar que Yolanda Díaz, avogada de profesión, "parece que de dereito administrativo non sabe moito" porque "as regras de fiscalización de contabilidade e gasto público" só "esixen manter os expedientes de gastos e os contratos arquivados durante 10 anos". "Outra mentira", exclamou Xosé Manuel Beiras dende o escano mentres Feijóo sinalaba que, no canto de entregar a devandita relación de pagamentos, poderían "contestar que non existen expedientes anteriores a 2003". Non existen, argumenta, pero "lle estou plantexando todos os pagos dende 1993, vinte anos antes". Pero "o que pasa", razoa, é que a AGE "non lle gusta escoitar que lexislatura que máis cartos se facturaron" ás empresa de Dorado "foi na do bipartito", onde AGE, teoriza, "tivo algo que ver".