Marcial Dorado detalla a súa amizade con Núñez Feijóo: "non sei por que a nega, non hai nada que ocultar"

Marcial Dorado, nun intre da entrevista concedida a Jordi Évole © laSexta

"Coñezo a honradez de Feijóo. Se podo votarei por el". Marcial Dorado falou este domingo en televisión por primeira vez dende a súa condena por narcotráfico, branqueo de capitais e suborno a dous axentes da Garda Civil, pola que leva 13 anos no cárcere. Fixo en Lo de Évole, o programa de Jordi Évole en La Sexta, nunha moi agardada entrevista cuxa emisión fora adiada hai dous meses, coincidindo co inicio da pandemia de coronavirus,

Na entrevista, realizada por Jordi Évole no domicilio de Dorado durante un permiso penitenciario, incídese en varios momento nesa amizade, negada por Núñez Feijóo

Pero se Marcial Dorado é coñecido é, sobre todo, pola súa amizade co actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e por unhas fotos, publicadas por vez primeira en El País hai sete anos. Aquela reportaxe de Xosé Hermida e Elisa Lois, que comezaba dicindo que "Foron amigos durante uns anos, e un acabou á fronte do Goberno galego e o outro no cárcere por narcotráfico", relataba aquela amizade que nos anos 90 os levara a ir xuntos de vacacións (aos Picos de Europa, a Ibiza, a Cascais, onde varias parellas pasaron un fin de ano...)  ou a compartir paseos pola Ría de Arousa, como se recolleu naquelas imaxes, nun momento no que Feijóo era xa secretario xeral do Sergas. 

"Non andabamos ocultos co señor Feijóo. Era público, todos o sabían, eu coñecinlle dúas ou tres mozas", relatou Dorado

"Non andabamos ocultos co señor Feijóo. Era público, todos os sabían, eu coñecinlle dúas ou tres mozas", relatou Dorado, que confirma que foi Manuel Cruz que os presentou, un membro do PP de Ferrol e chofer de cargos da Xunta, considerado principal testaferro de Dorado.

Na entrevista, realizada por Jordi Évole no domicilio de Dorado durante un permiso penitenciario, incídese en varios momento nesa amizade, negada por Núñez Feijóo. "Non hai nin unha amizade estreita nin ancha, nin unha amizade directa", afirmou o presidente da Xunta en 2013, preguntado por esas fotos. "Non está a falar co corazón, fala co cerebro de político", afirma Marcial Dorado ao escoitar esas declaracións. "Doe, doe. Se dormes na miña casa de Baiona, se a miña muller che fai o almorzo... Iso non é estreita nin é ancha, nin é cónica nin é cadrada", di, recoñecendo que tamén lle doeu o momento en que Feijóo negou ante Jordi Évole en 2018 a relación de amizade.

"Non o entendo, non sei por que se lía tanto", di Dorado sobre Feijóo, "ao negar iso parece que está ocultando iso, cando non hai nada que ocultar: nese momento eu non fora condenado por narcotráfico", di. "Non tiña nada sobre o que desconfiar, pero que non escape, que sexa valente", engade.

Marcial Dorado, nun momento do programa © laSexta

Dorado destaca que foi el quen se distanciou de Feijóo: "Relacionábase moi alto e eu escapo desas cousas. Son eu o que marcha"

O contrabandista lembra os momentos pasados xunto a Núñez Feijóo. "É un bo xestor, un bo político, a partir de 2006. Que antes, cando eu o coñecín, non estaba nin afiliado ao PP", relata. "Non ten vicios, non bebe, non fuma, non é unha persoa á que lle tire a festa. Goza do mar, metido nunha chalupa", engade.

Dorado tamén explica o momento en que os dous deixan de ter relación e destaca que foi el quen se distanciou: "Relacionábase moi alto e eu escapo desas cousas. Son eu o que marcha". E afirma que "a última vez chámame el para comer, pola miña actividade como empresario. E quedamos", calcula que ao redor do ano 2001. Nese ano Núñez Feijóo convértese en presidente de Correos, despois de ter sido nos catro anos anteriores secretario xeral de Asistencia Sanitaria no Ministerio de Sanidade.

Asegura que se viron no ano 2001 e contradí o sempre defendido polo actual presidente da Xunta, que asegurou que o último contacto que tivera co contrabandista se producira moito antes

A afirmación de Dorado ao asegurar que se viron no ano 2001 contradí o sempre defendido polo actual presidente da Xunta, que dixo que o último contacto que tivera co contrabandista se producira moito antes, en 1999, cando soubo que Dourado estaba a ser investigado xudicialmente. A versión de Núñez Feijóo xa fora desmentida polo xuíz José Antonio Vázquez Taín, que afirmara nunha entrevista concedida a El Mundo que -tendo intervido o teléfono de Dorado- chegara a escoitar dúas conversas "intranscendentes" con Feijóo, ao redor dese ano 2001. En 2003 Núñez Feijóo é nomeado conselleiro por Manuel Fraga, apenas uns meses antes da detención de Marcial Dorado por narcotráfico. 

Na entrevista con Jordi Évole, Marcial Dorado láiase de ter sido moi prexudicado pola súa relación con Núñez Feijóo e pola existencia desas fotos, máis que o propio presidente da Xunta: "Eu tiven que ser condenado para danar a ese señor. Pero non danaron a ese señor, danáronme a min. Eu son o prexudicado, eu son o sacrificado". Dorado insinúa que as fotos só se fan públicas a partir do momento en que é condenado por narcotráfico, para así causar un efecto e un prexuízo maior. E quéixase do trato recibido por case todo o mundo, comezando polo presidente da Xunta: "Sigo sendo un cabaleiro, pode dicilo tranquilamente, señor Feijóo. E honrado. De acordo, contrabandista. Pero pregúntelle a un empregado das miñas empresas se son honrado ou non"

 

Visitas de políticos

Dorado detalla as "visitas" que recibiu de representantes enviados por líderes políticos, en relación coa relación de amizade que mantivo con Feijóo, e pertencentes tanto a PP coma a PSOE

Na entrevista, Marcial Dorado detalla tamén algunhas "visitas" que nos anos que leva no cárcere recibiu dalgúns representantes enviados por líderes políticos, todas en relación coa relación de amizade que mantivo con Núñez Feijóo, e pertencentes tanto a PP coma a PSOE, segundo afirma o condenado por narcotráfico. En concreto, fala de que foron enviadas por "un ministro ou unha ministra" do PP e afirma que esas visitas buscaban prexudicar a Rajoy e a Feijóo. De igual xeito, relata que antes, en 2005, foi visitado por "dúas persoas" que viñan en representación "dun ministro importante de Zapatero". "Sentaron aquí e dixéronme: se fas isto, quedas libre", afirma.

A información sobre a amizade de Feijóo e Dorado, na capa de El País en 2013 © El País

"Dóeme o de 'narcotraficante', porque eu sempre escapei diso"

Cómpre lembrar que Marcial Dorado xa fora detido no ano 1983 no marco da operación contra o contrabando de tabaco cuxo xuízo non chegou a celebrarse, e que en 1990 volveu ser arrestado, desta volta na Operación Nécora, pero de novo ficou libre. A pesar disto, Núñez Feijóo sempre afirmou non saber a que se dedicaba Dorado: "cando o coñecín non sabía nada do seu pasado nin da súa actividade". En 2003 foi de novo detido, e esta vez si foi condenado. 

Dorado quéixase de que nos medios de comunicación apareza referenciado como "narcotraficante". "Dóeme, porque eu sempre escapei diso", confesa

O entrevistado rexeita a súa relación co tráfico de drogas, afirmando que el unicamente de dedicou ao contrabando de tabaco e dicindo que "eu non fixen droga, nin se como é nin sei como cheira" e reitera "estou en contra da droga, nunca houbo droga". Sobre a súa condena por narcotráfico, aifrma que simplemente lle vendeu o barco a Roberto Leiro, encargado da descarga. Na sentenza aparecen conversas telefónicas entre Leiro e Dorado que vincularían este último co tráfico de cocaína. Dorado quéixase de que nos medios de comunicación apareza referenciado como "narcotraficante". "Dóeme, porque eu sempre escapei diso", confesa.

Di que votará "ao que non é o meu amigo"

Nega, igualmente que o branqueo de cartos polo que foi condenado estivese relacionado co narcotráfico, sinalando que as 16 contas suízas polas que foi detido e os 22 millóns de euros branqueados tiñan a súa orixe na súa actividade como empresario.

 

A entrevista remata con Jordi Évole preguntándolle se votará nas eleccións ao Parlamento Galego. "Se podo, si", afirma. E di que votará "ao que non é o meu amigo". "Porque coñezo a honradez de Feijóo. Se houbera outro coma el, votaría a outro, pero non hai", engade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.