A reeditada fase de expansión da figura de Alberto Núñez Feijóo polos medios de comunicación editados en Madrid e -en menor medida- Barcelona tivo este domingo unha cita clave coa súa aparición no programa Salvados, de laSexta. Nun dos momentos máis incertos para os intereses electorais do PP en España a medio prazo o presidente da Xunta accedeu a ser entrevistado polo xornalista Jordi Évole. As novidades que deixou no programa, gravado nos Peares, foron escasas en clave galega, pero a súa intervención nunha das canles e un dos espazos televisivos máis cotizados na política estatal si serviu como carta de presentación do líder do PPdeG para unha parte da audiencia española escasamente afeita á súa figura, ante a que amosou que xa non se desbota como remuda de Rajoy mentres tenta pulir ou deixar atrás episodios incómodos da súa traxectoria, especialmente a súa comprometida relación de anos co narco Marcial Dorado.
Como en todas as múltiplas entrevistas que concedeu a medios de ámbito estatal dende o pasado xaneiro, tamén en Salvados Feijóo quixo deixar claro que non artellará unha manobra interna para desbancar a Rajoy. Cuestión distinta, veu dicir, é se o actual presidente do Goberno de España decide non recuncar como cartel electoral do PP. A respecto dese hipotético escenario o presidente foi cuestionado polas eventuais posibilidades como sucesoras de Soraya Sáenz de Santamaría ou María Dolores de Cospedal e a ambas atribuíulles cualidades como "formación, información e oficio" para a vicepresidenta e, a maiores, experiencia de goberno nunha comunidade autónoma para a ministra. "Que un presidente de Goberno fose presidente dunha comunidade autónoma é positivo para España", sinalou antes de admitir que "sería unha contradición", dito isto, desbotarse a si mesmo como candidato en ausencia de Rajoy.
¿Sabéis de quién hablan en #Fariña? ¿Sabéis con quién hablamos este domingo en Salvados? https://t.co/1fEiSC5hyn pic.twitter.com/qxQMPwvec1
— Salvados (@salvadostv) 28 febreiro 2018
Co debate sucesorio como pano de fondo Feijóo tivo que enfrontarse na entrevista ao episodio que torpedeou as súas aspiracións en 2013, a publicación en El País das fotografías que revelaron a súa relación con Marcial Dorado a mediados dos anos 90, cando o actual presidente dirixía o Servizo Galego de Saúde. Tras recibir de Évole un exemplar do libro Fariña, de Nacho Carretero -só lera os fragmentos que inclúen referencias a el mesmo, admitiu-, Feijóo reiterou que no momento en que foron tomadas esas imaxes "difíciles de explicar" el ignoraba que Dorado era narco ou que a súa actividade como contrabandista xa o levara a ser detido, tal e como reflectira abondosamente a prensa da época.
"Ás veces pode non entenderse, pero lamentablemente esa é a verdade", afirmou tras lembrar que coñecía a existencia das fotografías dende 2004, cando tras "un rexistro" da Axencia Tributaria na casa de Dorado llo contou o "delegado do Goberno da época" -o delegado do Goberno central en Galicia era o popular Arsenio Fernández de Mesa ata abril dese ano, cando foi remudado polo socialista Manuel Ameijeiras-.
"Terrorismo incendiario", corrupción e Catalunya
¿Puede un político olvidarse de lo que él mismo ha dicho en menos de 1 minuto?
— Jordi Évole (@jordievole) 03 marzo 2018
El increíble caso de Núñez Feijóo.
Domingo #SalvadosFeijóo pic.twitter.com/UNQ9zAf7hg
Alén de alegar ignorancia na relación con Dorado e asegurar que lle "custaría moito" crer que o PP "se financiase" con cartos do narcotráfico, na liña do afirmado por narcos como Laureano Oubiña, o principal asunto ligado estritamente a Galicia sobre o que presidente tivo que responder durante o programa foi a vaga de incendios do pasado 2017, que insistiu en atribuír ao suposto "terrorismo incendiario" tras evitar xustificar o gasto de 77.000 euros que, como revelou Praza.gal, a Xunta destinou a divulgar esa teoría como publicidade en diarios impresos. Feijóo volveu atribuír a tese das supostas tramas á Fiscalía -que a volveu desbotar- e, ao ser preguntado ao respecto, deu en admitir como "metedura de pata" a súa icónica fotografía simulando apagar un incendio cunha mangueira de xardín en 2006. "Aprendín dos meus erros"daquel ano, afirmou tras reprochar que o Goberno de PSdeG e BNG "dicía que por tras dos incendios estaban os alcaldes do PP" -unha directriz interna do partido na provincia da Coruña ordenara "dilatar" a constitución de brigadas municipais contra o lume-.
O presidente da Xunta evitou xustificar o gasto de 77.000 euros en divulgar na prensa a tese do terrorismo incendiario e desdeñou a folga feminista do 8M
Esa admisión de erros non a estendeu Feijóo a outros dos actos protagonizados por el mesmo naquel primeiro ano como líder do PPdeG, os das recollidas de sinaturas contra o Estatut de Catalunya. Neste sentido, tamén sobre Catalunya, o presidente tentou navegar entre unha matizada petición de "desculpas" polas cargas policiais do 1-O e unha non menos matizada ratificación do "símil" no que, durante unha intervención na Cadena SER, dera en comparar eventuais negociacións co soberanismo catalán coas "pistolas" de ETA. En apenas un minuto Feijóo ratifica esa frase e corríxese a si mesmo.
No transcurso da conversa, na que dixo concordar con que o PP é unha "dereita moderna" onde el "entrou" cando "xa non estaban" personaxes incómodos como Pablo Crespo, número dous da trama Gürtel -permaneceu no Consello de Portos de Galicia os dous anos que Feijóo, como conselleiro de Política Territorial, tivo competencias sobre ese ente público-, o titular da Xunta desdeñou tamén novamente a convocatoria da folga feminista do 8M, que o PPdeG descualificou por ser "o máis machista que se pode facer". Cabe preguntarse, cre, "por que" é convocada este ano se "levamos corenta anos de Constitución Española" e suxire que pode tratarse dunha "utilización" das mulleres "para que os partidos políticos fagan determinadas formulacións políticas".