O PP intensifica a ofensiva contra a folga feminista do 8M: "É o máis machista que se pode facer"

Chamamento ao paro feminista o 8 de marzo de 2017 CC-BY-SA Gz Contrainfo

Tellado: "Unha folga de mulleres é o máis machista que se pode facer; que sentido ten que as mulleres paren?"

O PP deu en definir nas última semana que a súa postura fronte á folga de mulleres convocada para o vindeiro 8 de marzo polo movemento feminista a nivel internacional será a da confrontación. Despois duns primeiros compases nos que diferentes cargos conservadores oscilaron entre a postura crítica, o desmarque discreto ou o mero "respecto" pola convocatoria, o lanzamento esta semana do argumentario interno no que se descualificaba a mobilización por ser "elitista" e romper o "modelo de sociedade occidental" deixou clara a liña oficial. Esa aposta polo rexeitamento aberto chegou tamén a Galicia, onde os conservadores censuraron a folga por "ideolóxica" durante o pleno do Parlamento e este sábado deron en concluír que, realmente, a folga feminista é "machista".

O secretario xeral do PPdeG e vicevoceiro parlamentario do partido, Miguel Tellado, elixiu como escenario para acrecentar as críticas á folga un encontro con membros das Novas Xeracións do partido, organización á que considera "revolucionario" pertencer. Tras explicar que militar no PP é sinónimo de facelo nos "valores da liberdade" e da "moderación" e afastados do "populismo", Tellado detallou por que considera que "unha folga de mulleres" é "o máis machista que se pode facer".

"Que sentido ten que as mulleres paren?", cuestionou retoricamente o número dous de Alberto Núñez Feijóo no partido que sustenta o Goberno. "É isto unha guerra de sexos?", acrecentou. "Non, non; estamos todos no mesmo barco, temos que traballar todos na mesma dirección". Por este motivo, conclúe, "cando se convoca só ás mulleres desviamos o tiro" na loita pola igualdade no eido laboral.

Tellado consideraba "machista" a convocatoria feminista mentres, en Zaragoza, o PP celebraba unha xornada sobre "familia, conciliación e corresponsabilidade", na que Mariano Rajoy recuperou promesas como o remate das xornadas laborais ás seis da tarde "con carácter xeral", ademais de asegurar que o seu partido "salvou" o Estado de Benestar durante a crise e instar a protexer a familia como "institución" que é toda unha "universidade de valores". Ás portas deste acto de partido o vicesecretario de Política Social dos populares, Javier Maroto, agregou unha nova interpretación da folga feminista no nome do PP. En realidade, afirma, é unha convocatoria de Podemos.

Dende a dirección central do PP Javier Maroto conclúe que quen está por tras da convocatoria é, en realidade, Pablo Iglesias

Como recolle eldiario.es, Maroto sinalou que o PP "non pode apoiar" as mobilizacións da folga feminista porque é "unha manifestación convocada por Pablo Iglesias, é a manifestación de Podemos e iso sábeo todo o mundo". "Cremos que a igualdade de oportunidade non se acada coa manifestación que quere Pablo Iglesias, que o que lle gusta é o ruído", sinala Maroto, quen resalta que o que fai o PP a prol da igualdade é aplicar "políticas efectivas" mentres, ademais, "moitas voces están dicindo" que "as mulleres que non traballan, porque están no paro, non poden facer a folga que propón Pablo Iglesias" e son esas mulleres "que non poden traballar" as que "máis fenda salarial sofren", porque "non teñen ningunha posibilidade de ingresos".

Tellado, este sábado nun acto con membros das Novas Xeracións do PPdeG Dominio Público Novas Xeracións Pontevedra

Chamamentos galegos a sumarse á mobilización

O feminismo galego reitera o chamamento a participar na folga do 8M e na manifestación do día 4 en Vigo

Mentres o PP reforza a súa oposición á folga do 8M os movementos feministas galegos ultiman esa mobilización e tamén a manifestación unitaria convocada para o día 4 en Vigo. Neste sentido, a Plataforma Feminista Galega subliña que a folga xeral "busca a unidade de todas as mulleres á hora de plantarnos contra todas as desigualdades; contra as violencias machistas, contra a fenda salarial e a discriminación e a explotación laboral, á vez que loitamos pola xustiza social, polo dereito á autonomía sobre os nosos corpos e as nosas vidas" ou para "dar visiblidade e que se recoñeza o traballo doméstico e de coidados".

A convocatoria feminista si recibiu o apoio nos últimos días das tres forzas da oposición galega

Tamén a Marcha Mundial das Mulleres resalta o chamamento á folga tanto no ámbit o laboral como no dos coidados, "visibilizando todos os traballos que asumimos as mulleres e sen os cales a sociedade non podería funcionar". "As mulleres organizámonos na folga agrupándonos a todas, en todas partes; a forza do noso movemento está nos lazos que creamos entre nós" para "mudalo todo", subliñan.

A convocatoria feminista si recibiu o apoio nos últimos días das tres forzas da oposición galega. En Marea e BNG anunciaron nos últimos días que as mulleres de ambas formacións secundarán a folga, entre outras iniciativas. O PSdeG, pola súa banda, salientaba este sábado nunha xornada do partido sobre políticas de igualdade que os paros do 8M servirán para "visibilizar a importancia das mulleres" e o seu traballo, e algunhas representantes socialistas, como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xa avanzaron que irán á folga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.