0 Gardados para despois

12 gráficos que explican os motivos da folga feminista do 8 de marzo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O movemento feminista impulsa unha folga xeral de mulleres para o vindeiro 8 de marzo. Unha folga laboral, pero tamén estudantil, de consumo e de coidados ao que se foron sumando a maior parte das centrais sindicais, convocando paros de 24 horas (CUT, STEG, CGT, STEG, SLG...) ou parciais (CIG, CCOO, UGT). As razóns que subliña o movemento feminista para xustificar a convocatoria da folga son múltiples e van dende a fenda salarial, a maior precariedade laboral sufrida polas mulleres, a desigualdade á hora de facerse cargo de fillos/as e persoas dependentes ata aspectos relacionados coas distintas violencias que padecen, tanto no ámbito da parella coma no espazo público. Repasamos algunhas delas nestes 12 gráficos.

Máis paro feminino. As taxas de actividade (49,1%) e ocupación (41,1%) femininas son 9 e 8 puntos inferiores ás masculinas. A taxa de paro é máis elevada (16,4% fronte ao 15%). Dende o 2013,  mentres que a masculina descendeu en 7 puntos, a feminina só o fixo en 5.

Emprego a tempo parcial. Máis do 20% das asalariadas galegas traballan a tempo parcial, mentres a porcentaxe de emprego a tempo parcial é inferior ao 6% no caso dos homes. Unha parte importante deste emprego parcial non é desaxado, senón obrigado. 22.500 mulleres galegas afirman traballar a tempo parcial para o coidado de nenos/as e dependentes e outras obrigas familiares, mentres que só o fan por este motivo 1.100 homes

Fenda salarial. As mulleres cobran un 22,3% menos que os homes en Galicia (dato de 2016), como vén sendo denunciado polos sindicatos. A diferenza mantense estable dende hai unha década. Un 16% das asalariadas galegas reciben soldos por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional, fronte ao 4,3% dos homes. Unha fenda que en boa medida se debe á maior proporción de contratos a tempo parcial que sofren as mulleres.

Menor acceso aos postos de dirección. Tan só o 3,4% da poboación ocupada feminina traballa en postos de dirección ou xerencia, fronte ao 6,4% no caso dos homes. En Galicia son 27 mil varóns, por 12 mil mulleres, menos da metade, cunha diferenza que case non variou nos últimos anos.

Temporalidade. En 2017 só o 4,73% dos contratos asinados polas traballadoras galegas foron indefinidos. O resto foron temporais. Deles, o 33% tiveron unha duración inferior a unha semana e un 45% duraron menos dun mes. Neste indicador non hai apenas diferenzas con respecto aos homes, que sofren a temporalidade en igual medida.

Responsabilidades familiares e coidados, para elas. En 2017 1.078 mulleres acolléronse a algún tipo de excedencia nos seus traballos para pasar máis tempo cos seus fillos e fillas. En cambio, foron só 132 homes. De igual xeito, en 2017 só 293 parellas galegas compartiron o permiso por maternidade para o coidado de nenos e nenas acabadas de nacer, pouco máis do 2%. 

A inactividade das mulleres por ter outras responsabilidades familiares ou persoais e polo coidado de nenos/as ou de persoas adultas enfermas, discapacitadas ou maiores, dista moito da masculina por estas mesmas razóns. Por exemplo, mentres o 4,8% das mulleres que non traballan declaran non buscar un emprego para coidar dalgún familiar, apenas o 0,6% dos homes sinala que este é o motivo. Este indicador é dos poucos que nos últimos anos se vai igualando, aínda que a diferenza é aínda abismal.

Pensións máis baixas. A pensión contributiva media nos homes ascende as 1.041 euros, e a das mulleres a 647, unha diferenza do 38%. A fenda é maior da que se rexistraba antes da crise: no 2007 era do 35,8%.

Traballo fóra, traballo na casa. Nas últimas décadas as mulleres incorporáronse ao mercado de traballo (con máis ou menos precariedade e obstáculos), pero iso non significou que deixasen de traballar de forma non remunerada noutros ámbitos, sobre todo o fogar. En 2015 as mulleres con emptregos a xornada completa dedicaban 11,3 horas máis que os homes a labores non remunerados. Segundo a Enquisa de Emprego do Tempo do INE (ano 2010) as mulleres que viven en parella cun home dedícanlle ás tarefas domésticas máis de dúas horas diarias máis que eles. 

Violencias. A folga do 8 de marzo inclúe nas súas reivindicacións varios elementos fóra do ámbito laboral, económico, de tempos e coidados, como por exemplo os referidos ás violencias sufridas polas mulleres. Nos últimos 19 anos 62 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas, unha estatística que acadou o seu máximo en 2015, con 8 asasinatos. Porén, as mulleres sofren moitas outras violencias no ámbito da parella e, de feito, o número de denuncias por violencia de xénero disparouse nos últimos anos no noso país, rozando as 600 por mes, 20 por día. Neste momento a policía vixía 1.596 agresores machistas en Galicia.

Agresións sexuais. Case todas as semanas denúnciase en Galicia unha agresión sexual con penetración, acadando un máximo en 2015 (54), á espera de que se publiquen os datos totais correspondentes a 2017, cun forte aumento con respecto ao pasado ano. Un 36% das mulleres séntense "inseguras" camiñando soas pola noite na zona na que viven

Aborto. A folga tamén reivindica o dereito das mulleres a decidir sobre a súa sexualidade e o seu corpo, demandando a posibilidade de interromper os embarazos de maneira libre, segura e gratuíta, tamén para as mulleres entre 16 e 18 anos. E tamén para aquelas mulleres que se ven obrigadas a someterse a abortos terapéuticos, que seguen a ser transferidos a Madrid. As estatísticas do Ministerio de Sanidade revelan que case 9 de cada 10 abortos que se practican en España realízanse en centros privados

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.