Só 293 pais galegos compartiron o permiso de maternidade en 2017

En 2017 o permiso de paternidade ampliouse de 13 a 28 días. Pero o peso principal da crianza segue recaendo nas mulleres CC-BY-SA Xoán Seoane

O 1 de xaneiro de 2017 púxose en marcha por fin o permiso de paternidade de catro semanas. Tratábase dunha medida aprobada xa en 2009 cuxa aplicación fora adiada por varios gobernos xustificándose na necesidade de conter o gasto público. O permiso, moi inferior ao que funciona en países como Suecia (480 días), Austria (365 días), Noruega (112 días) ou Finlandia (54), sitúase iso si na liña do existente no resto dos países de Europa. A medida mellora os 13 días (máis dous, polo Estatuto dos Traballadores) que se ofrecían previamente e enmárcase no obxectivo de conciliar a vida laboral coa crianza dos bebés acabados de nacer e tamén no camiño de favorecer unha participación dos pais máis implicada e igualitaria, á espera de chegar nalgún momento aos permisos iguais e intransferibles.

Ao longo de 2017 foron 12.972 os homes galegos que se acolleron ao permiso laboral de paternidade (non obrigatorio), unha cifra que mellora notablemente o dato de 2016 (11.819) e que confirma unha tendencia á alza nos últimos anos

Ao longo de 2017 foron 12.972 os homes galegos que se acolleron ao permiso laboral de paternidade (non obrigatorio), unha cifra que mellora notablemente o dato de 2016 (11.819) e que confirma unha tendencia á alza nos últimos anos, a pesar de que o número de nacementos en Galicia é cada vez menor. De feito, os indicadores dos permisos de maternidade (13.885 o pasado ano) e paternidade tenden a converxer, cunha diferenza inferior a mil en 2017 (na que entran tamén as mulleres que teñen fillos e fillas en solitario). En 2014 a diferenza entre ambos os dous permisos foi superior aos tres mil.

Existe tamén a posibilidade de que pais e nais compartan o permiso de maternidade concedido á muller, situado neste momento nas 16 semanas (112 días). Unha prestación que de novo se sitúa lonxe dos datos de Suecia (480), Croacia (410), Reino Unido (365), Noruega (315) ou Italia (210). Porén, son moi escasos aínda os exemplos deste permiso compartido, é dicir, de homes que deciden ampliar o seu permiso de paternidade para coidar do seu fillo ou filla. En 2017 foron só 293 os galegos que o fixeron, pouco máis do 2%. A proporción é, iso si, lixeiramente superior á do conxunto do Estado (1,8%).

O número de parellas galegas que compartiron o permiso de maternidade mesmo descendeu dende o ano 2016 (foran 360, o 2,5%)

O número de parellas galegas que compartiron o permiso de maternidade mesmo descendeu dende o ano 2016 (foran 360, o 2,5%), unha redución posiblemente explicable polo incremento do propio permiso de paternidade intransferible de 13 a 28 días. Na última década o número de permisos de maternidade compartidos en Galicia viñera experimentando un sostido aínda que tépedo crecemento, dende o 1,63% do ano 2007.

1.078 mulleres acolléronse a algún tipo de excedencia nos seus traballos para pasar máis tempo cos seus fillos e fillas. En cambio, foron só 132 homes

As estatísticas das excedencias laborais para o coidado de nenos e nenas confirman esta realidade de crianza non igualitaria. En 2017 foron 1.078 mulleres as que en Galicia se acolleron a algún tipo de excedencia nos seus traballos para pasar máis tempo cos seus fillos e fillas. En cambio, foron só 132 homes, pouco máis do 10% do total. O número de excedencias solicitadas incrementouse moito nos últimos tres anos, tanto nos homes coma nas mulleres: das 559 de 2014 pasouse a 1.210 o pasado ano.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.