0 Gardados para despois

"Queremos que a folga do 8 de marzo sexa un punto de inflexión"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este 8 de marzo será diferente. Aos tradicionais actos que conmemoran o Día da Muller Traballadora, máis ou menos festivos ou reivindicativos, unirase nesta ocasión a convocatoria dunha folga xeral feminista, de ámbito internacional. En todo o Estado español -tamén en Galicia- ducias de colectivos levan meses organizándose para "paralizar os traballos", mesmo "aqueles que realizamos gratuitamente nos fogares e espazos privados", destácase na convocatoria galega, lanzada esta fin de semana. A mobilización ten catro grandes piares: folga laboral, de coidados, de consumo e estudantil, e unirase ás habituais manifestacións (aínda non convocadas) que terán lugar en distintos puntos do país. 

O movemento vén traballando de forma silandeira pero constante, unindo cada vez máis colectivos e forzas á folga do 8 de marzo. "Facemos un chamado a todas as mulleres a parar nos nosos postos de traballo, nos espazos de coidados e nos hábitos de consumo. Queremos que esta folga sexa visible e teña repercusión", sinálase na web creada polo movemento feminista galego para a ocasión. Xa o ano pasado houbera paros parciais, ao abeiro dunha convocatoria internacional, pero o obxectivo nesta ocasión é unha folga de 24 horas. Cómpre ten en conta, ademais, que o 8 de marzo será festivo en cinco concellos galegos, que celebran así o Día da Muller Traballadora, acompañando a xornada con actividades de visibilización. Coirós, Culleredo, Curtis e Paderne únense á Coruña, que este ano repite a festividade inaugurada o pasado ano.

Na web da convocatoria galega anímase a espallar a folga en todos os espazos: "promove asembleas na túa vila, cidade, barrio, asociación… e convida a outras mulleres para difundir a Folga Feminista e organizar formas creativas de adhesión á Folga de Mulleres". Así mesmo, na convocatoria da folga faise un chamamento "a todos os homes aliados e solidarios coa causa da igualdade a que participen apoiando a folga nun segundo plano, exercendo as tarefas do fogar, coidados e outros traballos que normalmente desenvolven as mulleres da súa contorna" e, igualmente, "acompañando, sen protagonismos, tamén as accións que se desenvolvan nese día ou á cola nas manifestacións". Falamos con Paula Ríos (Plataforma Feminista Galega).

"Á vista das mobilizacións masivas do feminismo nos últimos tempos, valorouse que era importante que désemos un toque de atención"

Como está sendo a organización da folga do 8 de marzo? Levades moito tempo traballando?

A rede de traballo feminista leva meses organizando o paro. A nivel estatal, en Madrid e outros territorios xa se estaba traballando na folga dende o ano pasado, sobre todo a raíz do paro parcial que se levara a cabo a nivel internacional en 2017. Á vista das mobilizacións masivas do feminismo nos últimos tempos valorouse que era importante que désemos un toque de atención. A nivel galego levamos semanas facendo asembleas abertas, en cidades como A Coruña, Vigo e Compostela, para preparar a folga. Ademais, estamos traballando para organizar de novo a manifestación unitaria do 8 de marzo, como xa se fixo nos últimos anos. Nestas asembleas debátense que accións se poden desenvolver ao redor da folga e que podemos facer para visibilizar as reivindicacións e mobilizar as mulleres.

"A mobilización non vai rematar este 8 de marzo, senón que se ten que abrir un proceso que debe levar a mudanzas concretas"

O proceso vai continuar? A folga é unha acción puntual ou forma parte dun conxunto máis amplo de  iniciativas?

Queremos que este 8 de marzo sexa un punto de inflexión, unha chamada de atención e unha chamada á acción de todas as mulleres e de toda a sociedade. A mobilización non vai rematar este 8 de marzo, senón que se ten que abrir un proceso que debe levar a mudanzas concretas, para que se recollan as reivindicacións que o feminismo ten para que as mulleres teñamos vidas dignas.

Insistides moito na organización participada da folga, en que as mulleres (e os homes tamén) espallen a convocatoria nos seus centros de traballo, familias, barrios...

Si, a idea é construírmos esta folga de maneira horizontal. A folga é de todas e todas temos cabida para organizala. Porque a mudanza ten que ser do conxunto da sociedade. As mulleres organizadas no feminismo temos propostas para un cambio social que levamos anos poñendo sobre a mesa e sacando ás rúas. Unha sociedade que aboca as mulleres á pobreza non nos vale, queremos unha sociedade diferente.

"O que queremos que se visibilice ese día é que se as mulleres desaparecemos daqueles ámbitos nos que estamos presentes (que son todos), a sociedade perde a súa metade"

Tamén destacades moito a idea de visibilización. A folga busca facer evidentes os traballos -pagados ou non- que as mulleres desenvolven en todos os ámbitos?

O que queremos que se visibilice ese día é que se as mulleres desaparecemos daqueles ámbitos nos que estamos presentes (que son todos), a sociedade perde a súa metade. Imaxina que vas ao mercado e non hai peixeiras, non hai caixeiras cobrando, non hai mulleres mercando. Imaxina que vas ao instituto e non están as mestras ou as alumnas. Se as mulleres desaparecemos, o mundo para.

Esa visibilización estará moi presente na folga de coidados, que recaen principalmente nas mulleres. Non se valora suficientemente este ámbito?

A economía, tal e como está conformada polo neoliberalismo, invisibiliza un amplo conxunto de traballos que, ademais, carga sobre as mulleres. Así mesmo, os recortes en educación, sanidade, dependencia... fixeron que esas tarefas fosen unha carga aínda maior, que recaeu sobre todo sobre as mulleres. Ese traballo de coidados, que non se valora no PIB, se tivese un valor económico tería un peso superior a aquilo que si se contabiliza. Non se poden seguir sobrevalorando actividades que destrúen o medio ambiente mentres se infravalora a crianza ou o coidado de persoas dependentes. O Estado ten que asumir aquí a súa parte de responsabilidade e a outra metade da poboación, os homes, tamén teñen que asumir que os coidados son tamén responsabilidade deles; non é que teñan que 'axudar a', senón que teñen que corresponsabilizarse.

"A economía, tal e como está conformada polo neoliberalismo, invisibiliza un amplo conxunto de traballos que, ademais, carga sobre as mulleres. Así mesmo, os recortes en educación, sanidade, dependencia... fixeron que esas tarefas fosen unha carga aínda maior"

Outro dos piares é a folga laboral, un ámbito no que as mulleres sofren problemas específicos...

Si, a desigualdade salarial e os teitos de vidro que impiden que cheguemos a postos de responsabilidade e de decisión.

Para a convocatoria dunha folga no ámbito laboral é necesaria a colaboración de sindicatos. Como están sendo as conversas con eles?

O movemento feminista non pode legalmente convocar unha folga laboral e aí entran os sindicatos. O que lles pedimos é que estean á altura e que demostren o seu compromiso co feminismo. Houbo conversas con moitas centrais, tanto a nivel do Estado como en Galicia, e hai posicionamentos diferentes. CCOO e UGT anunciaron xa que van convocar paros parciais, establecendo unha franxa de mañá e unha franxa de tarde. A CIG vai facer tamén unha convocatoria de paros parciais, na liña do que xa se fixo o ano pasado. CGT vai facer unha convocatoria de folga xeral de mulleres e a CUT comunicounos que está a disposición do que diga o movemento feminista. Intersindical, a nivel estatal (en Galicia representada polo STEG), comunicou que estaba ao que demandase o movemento feminista, polo que supoñemos que convocarán tamén un paro xeral. E, igualmente, no que respecta á folga estudantil algún dos sindicatos está traballando xa nunha convocatoria de 24 horas en todos os niveis do ensino. En Galicia xa no ano 2000 fixérase unha folga parcial de mulleres, apoiada por todos os sindicatos, e tivera bastante éxito. Tiñamos unha táboa reivindicativa de mínimos que traballáramos entre todas.

Nos vosos documentos destacades as dificultades de moitas mulleres -sobre todo as contratadas de forma precaria ou as que traballan sen contrato- para facer folga, e apuntades que hai moitas maneiras de apoiar o paro, mesmo neses casos...

O obxectivo non é que unha muller que estea en precario, con contrato ou sen el, se convirta nunha heroína e perda o seu emprego. Hai tamén propostas para visibilizar o apoio á folga para aquelas persoas que non poidan facer un paro, mesmo nos días previos. Non queremos mártires e entendemos que a situación de moitas mulleres no ámbito laboral é a que é: a máis precaria dentro dunha realidade precaria para o conxunto da poboación.

"Non queremos mártires e entendemos que a situación de moitas mulleres no ámbito laboral é a que é: a máis precaria dentro dunha realidade precaria para o conxunto da poboación"

Que papel poden xogar os homes nesta folga feminista?

É preciso que os homes, a outra metade da sociedade, formen parte desta mudanza social. Pedímoslles que estean nun segundo plano, pero que neses días sexan eles os que realicen as tarefas de coidados, unhas tarefas que están infravaloradas socialmente, pero que son as únicas que garanten a vida e a reprodución da vida.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Unha folga con 4 piares e moitas razóns

As razóns para a folga van dende as estritamente produtivas ás que xiran ao redor das múltiples violencias que sofren as mulleres

Na web 8marzogz detállanse as múltiples razóns que xustifican a convocatoria desta folga xeral, acompañadas de consellos e comentarios para levar a cabo o paro nos distintos ámbitos: laboral, estudantil, de coidados e de consumo. As razóns para a folga van dende as estritamente produtivas ("paramos porque non temos igualdade no emprego", "paramos porque o noso traballo de coidados no fogar e fóra del non se valora nin visibilizan"), ás que xiran ao redor das múltiples violencias que sofren as mulleres ("paramos porque non queremos que haxa nin unha menos", "paramos porque os nosos corpos se seguen mercantilizando"). A folga, sobre todo, busca visibilizar o peso da muller na sociedade, moitas veces ocultado: "Paramos para que nos escoitedes", "paramos porque estamos encabuxadas", "paramos para visibilizar que sen nós o mundo para".

"Promove asembleas na túa vila, cidade, barrio, asociación… e convida a outras mulleres para difundir a Folga Feminista e organizar formas creativas de adhesión á Folga de Mulleres"

"É unha folga que vai máis máis aló do que se identifica como paro laboral porque a participación das mulleres é nuclear en todas as esferas da vida, e a folga ten que alcanzar tamén outros traballos e espazos: o dos coidados, o consumo, a vida estudantil e asociativa", destácase. "Formamos parte dun proceso de transformación radical da sociedade, da cultura, da economía, das relacións. Queremos ocupar o espazo público, reapropiarnos da decisión sobre o noso corpo e a nosa vida, reafrmar a forza política das mulleres, lesbianas e trans e preservar o planeta no que vivimos", engádese.

Na web da convocatoria galega anímase a espallar a folga en todos os espazos: "promove asembleas na túa vila, cidade, barrio, asociación… e convida a outras mulleres para difundir a Folga Feminista e organizar formas creativas de adhesión á Folga de Mulleres". Anímase así mesmo a visibilizar o apoio á folga, colocando os carteis alusivos á convocatoria en oficinas e entidades de todo tipo, mudando a imaxe de perfil nas redes sociais ou instalando unha mensaxe automática de “fóra da oficina” no email e explicando o porqué. E, ademais, explícase de que xeito se pode levar a cabo a protesta en cada ámbito e as motivacións que xustifican esa mobilización específica.

Coa folga de coidados quérese facer patente "que o sistema económico colapsaría sen o noso traballo cotián de coidados"

Así, por exemplo, sinálase que coa folga de coidados quérese facer patente "que o sistema económico colapsaría sen o noso traballo cotián de coidados. Un traballo que está invisibilizado e desvalorizado cando o sistema se sostén pola apropiación que fai dos coidados que realizamos as mulleres, sen ter en conta as nosas necesidades e proxectos vitais". E suxiren "non encargarte de levar aos nenos e nenas ao colexio, non encargarte de preparar a comida para outras persoas, non responsabilizarte de limpar, nin de coidar aos netos e netas" e, ademais, "falar coas persoas da túa contorna, amizades, familia, sobre como distribuír o traballo de coidados e doméstico, a partir da semana do 8, de forma equitativa".

En canto á folga de consumo, chámase a atención especialmente sobre aqueles produtos polos que as mulleres deben pagar máis que os homes (coitelas, crema depilatoria...), sobre o 21% de IVE aplicado aínda sobre produtos de primeira necesidade para a saúde feminina e, en xeral, faise un chamamento a "construír estratexias de consumo alternativo, que respecten os nosos dereitos e as nosas vidas".