0 Gardados para despois

"As mulleres traballamos sempre, traballamos todas e traballamos dentro e fóra da casa"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Hai unha cousas que temos que ter claro: As mulleres coruñesas traballamos sempre, traballamos todas e traballamos sempre dentro e fóra da casa". Deste xeito comezou o roteiro Traficando con peixe e cigarros: mulleres, traballos e saberes da cidade, unha das actividades programadas este 8 de marzo na Coruña para conmemorar o Día da Muller, declarado festivo local. Un roteiro que contou cunha participación masiva, que superou as 150 persoas nas súas primeiras etapas.

"Hai que desmontar o mito de que as mulleres non temos historia. Sempre estivemos aí, sempre traballamos, o noso papel sempre foi fundamental"

O percorrido buscaba homenaxear a algúns dos moitos colectivos de mulleres que co seu traballo mudaron a realidade coruñesa ao longo da historia: cigarreiras, lavandeiras, mestras, parteiras, matronas, farmacéuticas, comerciantes, mulleres de servizo, redeiras ou pescantinas. "Hai que desmontar o mito de que as mulleres non temos historia. As mulleres non aparecemos nin a título individual nin como colectivo, pero sempre estivemos aí, sempre traballamos, o noso papel sempre foi fundamental", díxose. Como a propia Elvira Bao, María Barbeito e outras mestras, "mulleres que trafegaban co saber, mulleres que recollían os saberes e os poñían a disposición das demais persoas, mulleres que axudar a alfabetizar e a escolarizar aos galegos e galegas, mulleres que cambiaron o mundo e que entenderon que a sua profesión servía para facer o mundo mellor para todas e todos".

Ou as mulleres que conservaron e fixeron medrar a vida: farmacéuticas e boticarias, parteiras, matronas, enfermeiras..., persoas que estaban en contacto directo con outras mulleres, que coidaban da súa saúde e que dende sempre as aconsellaron sobre os mellores e máis seguros métodos anticonceptivos. Enfermeiras como Isabel Zendal, que participou na expedición que en 1803 levou a vacina da varíola a ultramar.

Ou as comerciantes e outras proveedoras de alimentos e mercadorías, donas dos seus negocios en moitas ocasións, como se destacou polas rúas da Gaiteira. Ou Irene González, pioneira na práctica do fútbol en Galicia e en todo o mundo, que nos anos 20 compartía equipo cos homes e que cos seu equipo (o Irene F.C.) facía exhibicións por toda a comunidade. "Un exemplo de decisión e de que non hai espazos vedados ás mulleres", salientouse.

"As lavandeiras eran mulleres libres, que pasaban todo o día fóra da casa, fora do control dos seus maridos e dos seus pais, fora do control dos homes"

Ou as lavandeiras no desaparecido río Monelos, que "se encargaban de bañar de auga a cidade para manter limpos a todos e todas". "Eran mulleres libres, que pasaban todo o día fóra da casa, fora do control dos seus maridos e dos seus pais, fora do control dos homes", destacouse no roteiro. Ao contrario, seguramente, que as mulleres de servizo, "unha das principais ocupacións obreiras nos séculos XVIII, XIX e comezos do XX. Un numeroso exército de traballadoras, pero isolado e separado, con dificultade de organización. Mulleres migrantes, procedentes sobre todo do rural, que chegaban moi noviñas ás casas e quedaban na mesma familia ás veces durante toda a súa vida". Unhas mulleres "que sufrían unha gran vulnerabilidade, moitas veces violadas e abusadas polos homes da súa contorna. Se o denunciaban, eran expulsadas, non tiñan posibilidade de traballar noutras casas. E, ás veces, a súa única opción pasaba a ser a prostitución", díxose.

As cigarreiras, que chegaron a ser máis de 4.000 nalgún momento na fábrica, son "responsables de facer unha A Coruña mais digna e máis solidaria"

Ou as redeiras e pescantinas, mulleres arroutadas e fortes, que moitas veces levaban o peixe en tren para vendelo en Lugo e noutros lugares, para regresar no mesmo día á Coruña e localidade veciñas. Ou, por suposto, as obreiras da Fábrica de Tabaco, onde chegaron a coincidir ao mesmo tempo unhas 4.000 cigarreiras (nun momento no que A Coruña tiña 25.000 habitantes). Mulleres "responsables de facer unha A Coruña mais digna e máis solidaria" que chegaban todos os días coas súas saias longas dende distintos puntos da comarca. Mulleres que mesmo protagonizaron decididas folgas e mesmo accións puramente ludistas, coma a destrución das novas máquinas que en 1857 ameazaban con eliminar moitos postos de traballo e empeorar as súas condicións laborais.

 

Inauguración das prazas Oito de Marzo e Elvira Bao Maceiras

Xusto antes do inicio do roteiro viñan de inaugurarse as prazas Oito de MarzoElvira Bao Maceiras, ambas as dúas na zona da Cubela, nun acto no que o alcalde Xulio Ferreiro e a concelleira de Igualdade Rocío Fraga e outros e outras integrantes do Goberno municipal estiveron acompañadas por Elvira Varela e Arturo Kress, filla e neto de Elvira Bao, militante das Irmandades da Fala da Coruña e da Agrupación Republicana Femenina que despois de 1936 foi enviada ao cárcere e foi separada definitivamente do ensino público. “Este Goberno non tivo dúbida que o 8 de marzo, debía ser unha festa con maiúsculas, para celebrar que esta cidade chegou a ter a importancia e a grandeza que posúe pola labor de moitas mulleres ao longo da súa historia”, dixo Ferreiro, que salientou que "hoxe é día de festa para recordar as mestras da cidade, como a propia Elvira Bao ou María Barbeito; e as lavandeiras, as pescantinas, as redeiras, as traballadoras do muro, as cigarreiras e as históricas sindicalistas. A todas as nosas veciñas”.

“A Coruña ten unha débeda pendente coas mulleres que axudaron a creala tal e como é”

“A Coruña ten unha débeda pendente coas mulleres que axudaron a creala tal e como é”, recoñeceu o rexedor, que sinalou que "Queremos homenaxear con este acto a todas as mulleres que, como Elvira Bao, loitaron. E loitan. A todas as mulleres que deron e dan corda ao reloxo que move a nosa sociedade”. Rocío Fraga leu, ademais, o manifesto institucional do 8 de marzo que, baixo o lema Mulleres que transforman realidades, destaca o impulso do Pacto Social por unha Cidade libre de Violencias Machistas e no que o Concello da Coruña se compromete "a practicar tolerancia cero ante calquera violación dos dereitos das mulleres como parte da historia incompleta dos dereitos humanos".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.