0 Gardados para despois

A fenda de xénero nas pensións aumenta ano a ano en Galicia

Redacción | @prazapublica

A fenda de xenero nas pensións non só non diminúe, senón que nos últimos anos non deixou de aumentar en Galicia. En 2016 o importe medio cobrado polos homes pensionistas foi de 1.019 euros mensuais, fronte aos 741 das mulleres, unha diferenza de 278. En 2011 a marxe era de 238 euros (905 e 667 euros). A media global situouse en 2016 nos 880 euros, para un total de 658.806 pensionistas residentes en Galicia.

As maiores diferenzas nos importes percibidos por homes e mulleres pensionistas danse na franxa de idade de 55 e 64 anos (homes: 1145 euros, fronte aos 796 das mulleres) e na dos 65 aos 74 (1.169 e 812), mentres que por riba dos 75 anos a fenda redúcese, polas menores contías recibidas por eles.

Os datos do Ministerio de Emprego amosan que nas novas pensións de xubilación se mantén unha situación de conxelación dende hai dous anos. No conxunto de España, mesmo se aprecia un lixeiro descenso dende o ano 2015, mentres que en Galicia os datos apenas variaron nos últimos 24 meses.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Importe medio das pensións por concello

Analizando os datos por concello, obsérvanse grandes diferenzas entre zonas urbanas e rurais, entre as localidades con poboación máis nova e as máis envellecidas (cunha maior proporción de pensionistas de maior idade, que perciben importes menores) e tamén entre aqueles concellos cunha maior presenza do sector industrial e aqueles que non contan apenas con industria.

As Pontes de García Rodríguez (1.298 euros) é o concello cunha pensión media máis elevada, seguido de Fene (1.213), Cervo (1.131, Ferrol (1.124), Mugardos (1.087) e Ares (1.075), localidades todas moi vencelladas ao sector industrial (nomeadamente aos estaleiros da Ría de Ferrol). A continuación aparecen xa A Coruña (1.073) e Vigo (1.065). No outro extremo, Baltar, Ramirás, O Irixo, Padrenda, Quintela de Leirado e Avión son as localidades con pensións máis baixas, roldando os 600 euros mensuais en todos os casos.