0 Gardados para despois

As violacións son o delito que máis aumenta en Galicia, con case un 40% no que vai de ano

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


As dinámicas políticas e mediáticas adoitan provocar, periodicamente, que o foco público se sitúe sobre determinados delitos. Nos últimos meses, por exemplo, a respecto da ocupación de vivendas ou dos roubos en domicilios particulares dalgunhas das grandes cidades do país. No entanto, os datos oficiais da Policía, recompilados pola Delegación do Goberno de España en Galicia, acreditan que aínda que furtos ou roubos seguen a ser os delitos máis habituais, a súa cifra segue á baixa. Mentres, as agresións sexuais e, en concreto, as violacións, son os delitos que máis aumentan. Na contorna do 40% no que vai de ano.

As violacións medran o duplo que o tráfico de drogas

Segundo o balance de criminalidade feito público esta semana entre xaneiro e setembro de 2017 os corpos de seguridade tiveron coñecemento de 36 violacións, un 38,5% máis que no mesmo período do ano anterior. Tamén medraron o resto de "delitos contra a liberdade e a indemnidade sexual", de 301 a 237, o que implica un avance próximo ao 10%. O crecemento das violacións en termos porcentuais é máis do duplo que o do tráfico de drogas, delitos que aumentaron de xaneiro a setembro algo máis dun 16%.

O balance de criminalidade segue situando Galicia como un dos territorios máis seguros do Estado

Sempre segundo estes datos oficiais, que seguen a situar Galicia como un dos territorios máis seguros do Estado -unha taxa de criminalidade de 27,1 por 1.000 habitantes fronte á media estatal, de 43,3-, o resto de delitos recollidos nesta base estatística diminúen o seu número, a comezar polas substracións de vehículos -un retroceso superior ao 20%- e a seguir polos roubos en establecementos -case un 15% menos- e en domicilios -un descenso superior ao 9%-.

Os delitos máis habituais no país seguen a ser os furtos, aínda que tamén diminúen de máis de 16.300 a uns 15.400. Os roubos con forza en domicilios pasan de 2.800 a 2.500, na franxa inferior ao milleiro de sucesos, atópanse tipos delitivos como os roubos con violencia e intimidación ou as lesións e rifas tumultuarias. Os homicidios dolosos e asasinatos foron 10, os mesmos que no mesmo período do ano anterior e os secuestros, 3, tamén a mesma cifra que en 2016.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta admite a "posibilidade" de retirar a súa publicidade dos medios con anuncios de prostitución, pero evita aprobalo

A retirada do financiamento público aos medios de comunicación que difundan anuncios de prostitución é un debate recorrente na política galega. Xa o era cando, en marzo de 2012, o Parlamento aprobou por unanimidade unha iniciativa do PSdeG na que se instaba a Xunta a "promover a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución en Internet e nos medios de comunicación". E continuábao ao ser cando, en 2016, o PP rexeitou unha iniciativa na que AGE instaba a dotar de contido o acordo "suspendendo" de xeito inmediato calquera achega económica a "medios galegos ou comercializados en Galicia" con este tipo de anuncios. En vésperas do Día contra a Violencia Machista o Goberno galego vén de volver admitir que esta é unha "posibilidade", pero sen concretar se prevé aplicala nalgún momento.

Despois de que nin as sucesivas ordes de axudas para os medios de comunicación nin os múltiples repartos publicitarios da Xunta tivesen en conta este criterio, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, foi cuestionada ao respecto este venres durante unha entrevista na Radio Galega. Ao ser preguntada sobre se o Goberno ten entre os seus plans non inserir publicidade nas cabeceiras que difundan a comercialización da prostitución, a alto cargo admitiu que "este é un debate que temos" e "que está no Parlamento". E a retirada da publicidade oficial deses medios "é unha posibilidade", admite.

Igualdade evita pronunciarse sobre a retirada de fondos da Xunta a estes medios, aínda que o Parlamento aprobou en 2012 "promover a eliminación dos anuncios de contactos nos medios de comunicación"

A responsable de Igualdade do Goberno galego coida que "cando un mira esas páxinas, a un éntranlle calafríos", se ben evita concretar, como noutras ocasións, se apoiará esa retirada. "De todas maneiras -subliña- nós temos unha comisión de publicidade non sexista" que traballa para evitar os contidos machistas nos anuncios en xeral. "Eu creo -agrega- que ten que haber unha recomendación para todos os medios sobre os contidos", así como para determinados "programas de televisión que fan un dano terrible" polo seu machismo, afirma.

López Abella limitouse a fixar como "posibilidade" esa retirada de fondos públicos nun contexto no que volveu defender a campaña da Xunta para o 25 de novembro fronte ás críticas da oposición e de colectivos feministas. Ao seu xuízo, as críticas de "cousificación" ou "paternalismo" lanzadas dende estas formacións foron realizadas con "ollos partidarios", porque "en ningún momento tentamos comparar as mulleres con que fosen parte do patrimonio", senón "poñer en valor a muller" e situala "nun plano superior". Para iso, resalta, "utilizouse unha licenza publicitaria, magnificar a muller a respecto de construcións coñecidas por todos e todas".