As mulleres galegas cobran case 5.300 euros menos ao ano cós homes

Mariscadoras galegas CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

O vindeiro 22 de febreiro conmemórase o Día Internacional pola Igualdade Salarial de Mulleres e Homes. E como cada ano, UGT-Galicia vén de presentar o seu informe "demoledor" sobre esta situación en Galicia e que, segundo advirte, demostra que aínda estamos lonxe da “igual retribución para traballos de igual valor ou equivalentes” entre xéneros. 

A fenda salarial entre homes e mulleres en Galicia é do 23,4%; unha muller tería que traballar 85 días máis ao ano para percibir o mesmo que o home

Segundo a Enquisa Anual de Salarios (de 2013 e publicada en xuño de 2015), a fenda salarial entre homes e mulleres en Galicia é do 23,4%. Xa que logo, unha muller tería que traballar 85 días máis ao ano para poder percibir o mesmo salario que o home. Dende que comezou a crise, no ano 2008, esta porcentaxe incrementouse en 2,3 puntos. 

Tal e como destacou a secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, de trasladar esta realidade a toda a vida laboral, a muller tería que traballar nove anos máis e haberá que agardar uns 70 anos para lograr a igualdade, segundo recoñece a Comisión Europea. Ademais, as estatísticas indican que" a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres en Galicia foi no 2013 de 5.264,34 euros, o que supón, en relación ao ano 2008, un incremento de 805 euros".

Unha muller cobra, de media, case 5.300 euros menos ao ano que un home

Ademais, e segundo o informe de UGT, esta fenda salarial supón, en euros, 2.505 millóns, "deixando á marxe o que suporía en euros o traballo non retribuído das mulleres no eido familiar". Tal e como destaca o INE, a porcentaxe de mulleres galegas que empregan tempo no coidado do fogar e da familia é do 94,1% e destinan unha media de 4 horas e 31 minutos, mentres que no caso dos homes redúcese a 2 horas e 40 minutos.

"Pódese concluír que as mulleres galegas dedican de media 84 días máis ao ano cós homes ao fogar e á familia, que non son retribuídos, que pasan a ser 169 se se lle suman os derivados da fenda salarial", destaca o sindicato. De ter en conta que o salario medio por hora traballada é de sete euros, as horas investidas non remuneradas das mulleres galegas nun ano serían 6.910 millóns de euros.

As mulleres de Galicia dedican 84 días máis ao ano cós homes ao fogar e á familia

A situación galega é aínda peor de comparala co resto das autonomías. As mulleres galegas perciben un 11,6% (2.256 euros menos ao ano) menos de salario anual que a media das mulleres do conxunto do Estado. De feito, o país é a cuarta comunidade autónoma onde o salario anual medio das mulleres é máis baixo. Alén diso, de ter en conta a ganancia por hora normal traballada, só en Cantabria a retribución é peor: 11,39 euros, fronte aos 13,21 euros de media no Estado. Este valor, no caso dos homes galegos é de 13,61 euros

 

Desigualdade en todos os sectores

No eido da UE, a fenda salarial por hora normal traballada é tres puntos superior en España á media comunitaria. De feito, España é o Estado da UE coa fenda salarial en contratos a tempo parcial máis alta de toda Europa, cun 33,7%. Cuestión que repercute dobremente nas mulleres, xa que o 24,3% do total de mulleres traballadoras teñen un contrato a tempo parcial, fronte ao 7,8% dos homes, e do total dos contratos a tempo parcial un 72,21% son desempeñados por mulleres.

Ademais, en todas as ramas de actividade, segundo datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria, os salarios dos mulleres son inferiores aos dos homes. No sector público, a fenda é do 12,6% fronte ao 29,8% da empresa privada. Ao tempo, e segundo o INE, canto maior sexa a temporalidade na contratación, menor é a fenda salarial. Así, a fenda no caso dos contratos indefinidos é do 24,8% e nos contratos de duración determinada non supera o 13,7%.

Segundo aclara UGT, un dos puntos clave para entender esta realidade de diferenza salarial está nos complementos salariais. En Galicia, do total do salario bruto, no caso das mulleres o 72,67% é salario base, fronte ao 67,88% no caso dos homes. O sindicato considera que actuando sobre estes podería reducirse en boa medida na desigualdade salarial entre homes e mulleres e máis tendo en conta que en moitas ocasións estes complementos non se basean en cuestións obxectivas cuantificables.

E que ocorre cando a muller non traballa, senón que é beneficiaria dunha prestación por desemprego? As mulleres beneficiarias de prestación por desemprego son menos e a contía desta prestación tamén é inferior á dos homes, nun 18,2%. O mesmo sucede coas pensións. 402.629 mulleres pensionistas galegas viven cun importe medio de 583,22 euros. No caso das pensións de xubilación, estas son un 38% inferiores ás dos homes. Mentres o importe medio no caso das mulleres é de 617,99 euros, no caso dos homes é de 997,18 euros.

As pensións de xubilación das mulleres son un 38% inferiores ás dos homes

Neste senso, outro dato moi significativo é que das persoas beneficiarias de pensións de xubilación non contributivas da Seguridade Social en Galicia un 78% son mulleres. Isto evidencia que son moitas as mulleres que ao final da súa vida laboral teñen que acceder ao último recurso posible, as pensións non contributivas, cun importe medio en Galicia no 2014 de 354,46 euros.

A crise económica está a amosar que os niveis insostibles de desemprego non se ven compensados por unha cobertura social axeitada e máis no caso das mulleres. De todo isto derívanse situacións de risco de exclusión social e vulnerabilidade moito máis acusadas que no caso dos homes. Aquí non se pode esquecer ás case 26.821 traballadoras do anterior réxime especial do fogar da Seguridade Social (agora integradas no réxime xeral como un sistema especial) que non teñen dereito a desemprego.

Entre a morea de datos negativos, UGT destaca tamén que as mulleres acumulan unha perda do 5,6% de poder adquisitivo no período 2009-2013, fronte ao 2,7% dos homes. Para o sindicato, toda esta precaria situación está influída tamén polas políticas de recortes levada a cabo polos gobernos do PP.

Mónica Rodríguez, de UGT-Galicia © UGT-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.