0 Gardados para despois

O PP censura a folga feminista do 8 de marzo por ser "ideolóxica" e "atacar o capitalismo"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Unha folga "ideolóxica" que persegue "atacar o capitalismo" e, en última instancia, "romper o noso modelo de sociedade occidental". Son algúns dos trazos cos que o PP deu en definir este mércores a xornada de folga convocada polos movementos feministas para o vindeiro 8 de marzo e apoiada polos sindicatos de clase con diferentes convocatorias, dende mobilizacións parciais -CIG, CC.OO. e UGT- ata un paro total de vinte e catro horas -CUT, SLG e CNT-. Nunha mesma xornada a convocatoria feminista do 8M foi desdeñada polas direccións galega e estatal dos conservadores, un monolitismo contra a mobilización que apenas tivo unha nota discordante, un declaración institucional a prol da folga que os populares din ter previsto apoiar na Deputación de Ourense e que anima o persoal da institución a secundala.

A primeira toma de posición pública ao respecto chegou, no caso galego, durante a sesión de control ao presidente da Xunta. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou a Alberto Núñez Feijóo se el mesmo e o seu Goberno apoian ou non a folga como xornada na que denunciar aspectos como a "carreira de obstáculos" que moitas mulleres seguen a padecer no mundo laboral, tamén no emprego público, a fenda salarial ou o acoso. "Non queremos ser o máis grande de Galicia, queremos que nos paguen o mesmo salario cando realizamos o mesmo traballo", exemplificou a líder do Bloque parafraseando a controvertida campaña da Xunta no último día contra a violencia de xénero.

Feijóo insta a ter en conta que "nunca houbo tantas políticas de conciliación laboral" como co seu goberno e advirte de que "as únicas cousas que están peor" están no BNG

A resposta do presidente, alén de evidenciar que é "ilegal, ante postos de traballo iguais", que homes e mulleres reciban "retribucións distintas", pasou por defender as políticas da Xunta do PP en materia de igualdade e rexeitar, como acusou Pontón, que no seo dos conservadores perviva un argumentario "neomachista". En Galicia existe unha fenda salarial do 14% atendendo aos datos máis recentes de Eurostat, admitiu Feijóo, se ben instou a fixarse que noutros puntos de Europa esta diferenza é superior e a ter en conta que "nunca houbo tantas políticas de conciliación laboral" en Galicia "como neste momento". Quen "despreza" a "fenda social e laboral das mulleres" é Pontón, acusou, e "as únicas cousas que están peor neste momento é o seu grupo, o BNG".

Ruptura do "modelo de sociedade occidental"

O PPdeG descualificou a convocatoria entre mencións a Cuba, Venezuela, Afganistán ou Corea

Feijóo culminou a súa intervención manifestando que "respecta" a convocatoria do 8M como o fai con calquera dereito "constitucional", "xa sexa unha folga, un paro, un acto cultural, unha protesta ou unha concentración". Así e todo, pouco despois no propio pleno o PPdeG aclararía aínda máis a súa postura sobre a folga. Fíxoo a través da súa vicevoceira, Paula Prado, como resposta a unha proposición formulada polo BNG para procurar que o Parlamento apoiase formalmente a folga. "Nós non a apoiamos -esgrimiu Prado- porque "o manifesto que dá orixe a esta folga mestura cuestións ideolóxicas que non son as máis axeitadas para defender o feminismo", tales como "quebrantar os privilexios dunha sociedade patriarcal" ou cuestionar o "capitalismo" e o "neoliberalismo salvaxe".

O argumentario distribuído pola dirección estatal dos populares desdeña a convocatoria por "elitista e insolidaria"

"Semella -acrecentou- que o obxectivo é defender o feminismo atacando o capitalismo", censurou, e "obviando a limitación de dereitos en moitos países como Cuba, Venezuela, Corea del Sur, Afganistán ou a República Popular China" nos que se "discrimina ás mulleres". Por todo isto e tendo en conta, ademais, que para o PP a folga do 8 de marzo procura tamén "enfrontar" homes e mulleres, a formación non a apoiará e dedicará a xornada a "facer propostas en positivo".

O discurso de Prado concorda co argumentario que, como desvelou a Cadena SER, o PP distribuíu entre os seus cargos para rexeitaren esta folga. Ese documento interno alude tamén a unha suposta aposta polo "enfrontamento entre mulleres e homes", descualifica a convocatoria por "elitista e insolidaria" e afirma que procura "romper o noso modelo de sociedade occidental" entre acusacións de "frivolidade" o argumentario insire tamén críticas ao PSOE e a gobernos autonómicos dos socialistas como a Junta de Andalucía, aspecto que no caso galego tanto Feijóo como Prado substituíron por críticas ao Executivo de coalición de PSdeG e BNG que gobernou a Xunta entre 2005 e 2009. A estas liñas argumentais internas sumáronse tamén este mércores outras voces como as da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, en cuxa opinión a folga das mulleres o vindeiro 8 de marzo debera ser "á xaponesa", traballando máis que nun día habitual para demostraren a súa valía, dixo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.