Así recolleu Feijóo sinaturas contra o Estatut catalán

Feijóo, nun acto electoral na Coruña cando estaba na oposición CC-BY-SA PPdeG

En febreiro de 2006 Francisco Vázquez vivía os seus derradeiros días como alcalde da Coruña antes de ser enviado por José Luis Rodríguez Zapatero a Roma como embaixador ante a Santa Sede. Os socialistas afastaban así da política galega e española unha das súas voces máis discordantes, que durante os meses anteriores cargara con dureza contra a súa propia formación pola súa postura ante a reforma do Estatuto de Autonomía de Catalunya. "España no tiene quien la defienda", clamaba Vázquez ante un texto que lle producía "urticaria". A súa posición aliñábao por enésima vez co PP, que naqueles días comezaba en Galicia a súa recolleita de sinaturas contra o Estatut designar dúas semanas antes como líder a Alberto Núñez Feijóo.

Este luns, máis de nove anos despois daqueles acontecementos, o exalcalde coruñés colmou de eloxios o presidente da Xunta nun almorzo informativo no que ambos reeditaron algúns dos argumentos daquela recollida de sinaturas, a mesma que agora o propio candidato do PP catalán, Xavier Garcia Albiol, recoñece como un erro. Durante aquela campaña contra o Estatut o actual presidente non aforrou alertas sobre a suposta chegada dun Estado asimétrico, unha España "das nacións, máis insolidaria" que substituiría a "das autonomías".

Feijóo alertaba da chegada dun Estado "das nacións" nas que "un galego terá menos servizos públicos ca un catalán"

Ao pé dunha daquelas mesas, concretamente na de Santiago, Feijóo explicáralles aos xornalistas que agardaban recoller unhas 100.000 rúbricas só en Galicia. Moitas delas, afirmaba, procedían de "xente do Partido Socialista, deputados incluso, e os seus familiares". Tamén dalgún "nacionalista", abondaba. Porque a intención da recolleita era que non existisen "comunidades de primeira e de segunda" e que "un galego deba ter os mesmos dereitos que calquera cidadán español", e non "menos dereitos e menos servizos públicos ca un catalán".

O PPdeG enmarcou a campaña no proceso de reforma do Estatuto galego, da que se desmarcaría menos dun ano despois

"Hai un erro que se está a piques de cometer", avanzaba o daquela líder da oposición, o de "iniciar unha senda de asimetrías e desigualdades". El, "como galego", participaba na campaña porque "sempre que haxa un ataque aos intereses xerais de Galicia, estarei aí para dicir, tranquilamente e sen tremendismo, que non é adecuad que unha comunidade teña preponderación sobre outras".

Naquel momento o líder do PPdeG enmarcaba esta acción do seu partido, que culminaría cunha entrega das sinaturas -catro millóns, segundo Rajoy- no Congreso, no debate que na altura estaba aberto a respecto da redacción dun novo Estatuto para Galicia. O PP, sinalaba Feijóo, "podería parar a reforma do Estatuto" ao ser imprescindible o seu voto para aprobalo, pero a súa "seriedade" imedíalle facelo. "O PP vai facer un exercicio de responsabilidade, porque vemos que PSOE e BNG son incapaces de porse de acordo", afirmaba. Menos dun ano despois, en xaneiro de 2007, o desmarque de Feijóo facía descarrilar definitivamente unha reforma que o PP prometeu retomar ao volver á Xunta, algo que nunca chegou a acontecer.

Feijóo, con Rajoy nun acto electoral en Santiago en 2008 CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.