Os adiamentos de Feijóo xa fan incumprible a reforma estatutaria que prometera

Feijóo, Touriño e Quintana, na xuntanza na que fracasou a reforma do Estatuto © Ana Varela

Cinco anos e quince días. É o tempo que a reforma do Estatuto de Autonomía leva nunha caste de conxelador político. Acontece dende que, o 17 de xaneiro de 2007, o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, convocara na residencia oficial de Monte Pío o seu vicepresidente e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e ao entón líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, para "desbloquear" a reforma da norma fundamental galega. Despois de varios meses de traballo parlamentario os últimos obstáculos para culminar o proceso eran a definición de Galicia no preámbulo e o rango legal da lingua galega. Ambas negociacións remataron cun sonoro fracaso. Segundo os socios do bipartito, pola "sumisión a Génova" do actual xefe do Goberno galego. Segundo Feijóo, pola sumisión de Touriño aos seus socios nacionalistas.

Xusto despois daquela xuntanza, enmarcada nun contexto de oposición frontal do PP estatal ao novo Estatut de Catalunya, Feijóo aseguraba que o seu compromiso pasaba por retomar o novo Estatuto en canto fose posible. Nesa liña, concorreu ás eleccións autonómicas de 2009 cun programa no que, literalmente, se prometía unha "completa" proposta de reforma. Esa promesa estivo tamén presente no seu discurso de investidura: "presentaremos desde o Goberno unha completa iniciativa de reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia", afirmaba o conservador. Tres anos despois, a máis que probable celebración das eleccións no outono converten a proposta en temporalmente irrealizable.

Primeiro prazo:  "na primeira metade da lexislatura"

Xa como presidente, no verán de 2009 Feijóo aseguraba manter a súa intención reformadora, aínda que esta xa comezaba a arrefriar. "Tentaría" pór sobre a mesa unha proposta para un novo Estatuto e, ademais, faríao cun texto que fose "unha fotografía da maioría social" do país. Non obstante, o presidente avisaba de que dotar a Galicia dunha nova norma institucional básica non era unha "prioridade".

Feijóo amagou con deixar o BNG fóra da reforma

Mentres isto acontecía na cúpula do Goberno, PSdeG e BNG, xa con novos líderes, insistían en que a reforma galega debía avanzar para non xogar en "segunda división" no contexto do Estado. Nesta liña, o socialista Pachi Vázquez aproveitaba as xornadas previas ao Día Nacional de Galicia do propio 2009 para reclamar un novo texto. "Cada día que pasa Galicia sen un un novo Estatuto é un día perdido", afirmaba Vázquez, lembrándolle ademais ao presidente que a norma debería saír do Parlamento e non do Goberno. O PP, subliñaba, "non ten os votos" para aprobar a reforma.

Precisamente ao factor da aritmética parlamentaria foi ao que se aferrou tamén o presidente neses primeiros compases da lexislatura, tentando ademais ensanchar a fenda aberta entre PSdeG e BNG tras a perda do poder. Os nacionalistas, dicía, deberían ter en conta "as maiorías cara a unha reforma constitucional". Noutras palabras, o conservador non descartaba un pacto a dous, sen o Bloque.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.