A principios de 2016 a Sala Segunda do Tribunal Supremo ratificou a condena a seis anos e un día de prisión para Marcial Dorado por "un delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico cometido por unha organización da que ostentaba a xefatura". Entre as propiedades que, segundo aquela sentenza, o condenado por narcotraficante adquirira "con diñeiro procedente das actividades ilícitas" figuraba a coñecida como Casa Jaureguízar, un señorial chalé na céntrica rúa vilagarciá do Doutor Tourón. A mansión fora formalmente mercada a comezos de século pola sociedade Masol Aktiengesellschaft, con sede en Liechtenstein, da quen Dorado admitira durante o xuízo ser apoderado. A compra, recoñecera tamén, realizáraa con diñeiro procedente de Suíza. "Pero todo xustificado", agregara.
Segundo a sentenza que condenou a Dorado por branquear cartos procedentes do narcotráfico, o chalé foi un dos bens mercados "con diñeiro de actividades ilícitas" a través dunha sociedade con sede en Liechtenstein
Alén da condena, resultante do xuízo celebrado entre os ecos da publicación en El País das fotografías que acreditaban a amizade de Dorado con Alberto Núñez Feijóo nos anos 90, cando o actual presidente da Xunta dirixía o Sergas, a devandita sentenza ratificara tamén a incautación de numerosos bens da rede de Dorado. Entre eles, o céntro chalé de Vilagarcía, que pasou a integrarase no Fondo de Bens Decomisados aos narcos, dependente do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, coa poxa como destino final. Mentres os trámites da subhasta avanzaban con notable lentitude o chalé continuou a degradarse e, lonxe do esplendor e ostentación doutros tempos, foi ocupada en varias ocasións. O seu deterioro e situación insalubre deu lugar a numerosos apercibimentos e mesmo multas nunca atendidas á empresa de Dorado por parte do Concello de Vilagarcía, que agora está a piques de se facer co inmoble para integralo no patrimonio público e ofrecer nel, unha vez rehabilitado, "usos sociais para persoas maiores".
O inmoble ía ser poxado por 170.000 euros como prezo de saída, importe polo que o adquirirá o Concello
A Casa Jaureguízar érguese nunha parcela de case 700 metros cadrados e consta de 130 metros de superficie edificada entre o andar baixo e a primeira altura. A sociedade de Dorado mercouna por case 900.000 euros, segundo consta na investigación ao narco, e estaba a piques de ser poxada dende o Plan Sobre Drogas cun prezo de saída de 170.047 euros. Nomeadamente, ía ser ofertada na poxa prevista para o día 20 deste mes nun céntrico hotel madrileño xunto a outros inmobles procedentes do narcotráfico. Ao saber pola prensa da inminente venda, o goberno local de Vilagarcía valorou concorrer á poxa, se ben finalmente poderá quedar co inmoble mercándoo de forma directa polo prezo de saída.
As imaxes do chalé incluídas na documentación da poxa acreditan o deterioro do edificio tras anos de abandono / PND
O alcalde vilagarcían, Alberto Varela (PSdeG), puxo a proposta de compra sobre a mesa do PND a pasada semana en Madrid e o departamento estatal aceptouna, segundo confirma o Concello. "Froito deste acordo o Plan retira a casa do lote de propiedades incautadas por delitos relacionados co narcotráfico" e "véndella directamente ao Concello" polos devanditos 170.047 euros. O goberno local decidiu a compra "por dúas razóns fundamentais -explican-: seguir incrementando o patrimonio local e garantir a conservación de elementos arquitectónicos relevantes ou representativos da cidade, como é a do chalé de Jaureguízar", e "paliar a carencia de locais públicos destinados a usos sociais".
A delegada do Plan Sobre Drogas aceptou retirar o chalé da poxa e venderllo ao Concello, que lle dará "uso social relacionado coa terceira idade" unha vez rehabilitado
"O Concello -di o alcalde- non podía desaproveitar unha oportunidade tan boa", menos aínda tras constatar que pode mercar o edificio sen concorrer á poxa, evidando así o risco de encarecemento. Segundo Varela, a delegada do PND, Azucena Martí, tivo "absoluta receptividade" para vender o edificio e outorgar "facilidades de pagamento" ao Concello sobre a base dos orzamentos municipais de 2019. Non desbota que a adquisición poida apoiarse tamén en fondos da Deputación de Pontevedra, toda vez que o modelo de Plan Único dá aos concellos "liberdade para elixir os proxectos" financiados con transferencias provinciais, agrega Varela.
Unha vez acadado o acordo político, "antes de pechar a compra" persoal técnico do Concello inspeccionará o inmoble para "avaliar o seu estado, determinar as actuacións de rehabilitación que hai que executar e valorar o seu custo". En calquera caso, outorgarlle "uso social relacionado coa terceira idade", tanto de asistencia como de lecer, é xa unha decisión tomada, conclúe.