O 31 de marzo de 2013 'El País' comezou a desvelar a relación de anos do contrabandista despois condenado por narcotráfico co popular, que nunca aclarou nin os contratos públicos co seu amigo nin a advertencia sobre as fotos que lle fixo un delegado do Goberno
O domingo 31 de marzo de 2013, hai agora dez anos, a portada de El País abría cunha foto de dous homes a bordo dun barco nas proximidades das illas Cíes. Cando se tirara esa e outras imaxes similares un deles era responsable do Sergas e o outro xa era coñecido como contrabandista de tabaco. Eran Alberto Núñez Feijóo, despois presidente da Xunta e agora líder do PP estatal, e Marcial Dorado, despois condenado por narcotráfico. E como relataban naquela e en posteriores reportaxes os seus asinantes -o daquela delegado de El País en Galicia, Xosé Hermida, e a veterana xornalista especializada en narcotráfico Elisa Lois- as imaxes non eran unha anécdota puntual. O seu non fora só unha foto, senón unha amizade de anos.
Dez anos máis tarde aquela amizade segue a ter puntos escuros que Feijóo nunca aclarou e que nos últimos días mesmo volveron poñerse de actualidade. Porque o propio Feijóo vén de acusar o PSOE dun “chivatazo” policial como o que el recibiu sobre as fotos con Dorado e porque o presidente Pedro Sánchez as citou indirectamente no Congreso ao contestar ao PP que cando el sobe a un barco “o primeiro” que fai é “comprobar quen é o patrón”.
Co caso Mediador de suposta corrupción que implica un ex-deputado canario do PSOE, un alto mando da Garda Civil e empresarios, o propio Feijóo pide explicacións ao Goberno de España porque considera que houbo un “chivatazo” da operación policial aos socialistas que lles permitiu actuar rapidamente contra o seu deputado. Porén, dez anos despois de revelarse a súa amizade con Dorado Feijóo aínda nunca aclarou que delegado do Goberno o avisou unha década antes de que se atopasen fotografías súas nun rexistro ao narcotraficante. Un silencio co que non lle importa manchar a imaxe de cando menos dúas persoas.
Ao negarse a dar o nome do delegado do Goberno que o avisou en 2004 da existencia das fotos Feijóo segue deitando sospeitas sobre os tres que houbo aquel ano
Porque a negativa de Feijóo a identificar o delegado do Goberno que o alertou do atopado nunha operación policial, o que agora el mesmo critica, implica a tres persoas. Segundo o declarado polo propio popular en 2018 nunha entrevista en La Sexta, a advertencia sobre a existencia das fotos fíxolla o delegado do Goberno en Galicia “como no 2004 ou por aí”, cando el era conselleiro de Fraga.
Pero naquel ano xusto houbo cambio de Goberno e de delegados. O 14 de marzo celebráronse as eleccións xerais que substituirían a Aznar por Zapatero, de xeito que o delegado do Goberno que había co PP, o popular Arsenio Fernández de Mesa -despois director xeral da Garda Civil- deixou o cargo o 1 de febreiro para poder presentarse como candidato a deputado. Substituíuno como delegado en funcións o ata daquela subdelegado José Manuel Pérez Díaz, que estaría no cargo ata que a mediados de abril foi nomeado polo novo Goberno o socialista Manuel Ameijeiras.
Tras acoutar o propio Feijóo o ano do seu “chivatazo” Praza.gal tentou poñerse en contacto cos tres delegados do Goberno. Conseguiuno con dous. Pérez Díaz negou ser el: “Non tiña coñecemento de que houbese esas fotos”, respondeu a este diario. Ameijeiras fixo o mesmo: “No desempeño do cargo tiven acceso a información de todo tipo e estou orgulloso de gardala para min mesmo”. Porén, resultou imposible obter unha resposta de Fernández de Mesa. Tras contestar a varias chamadas telefónicas que se lle fixeron, no momento en que o xornalista se identificou como tal o interlocutor alegou supostas interferencias e cortou a comunicación.
Ante a existencia de tres posibles persoas responsables do seu “chivatazo” a Feijóo, nunha rolda de prensa, este mesmo diario fíxolle ver que a súa negativa a identificar o autor supuña “salpicar” a dous inocentes. Feijóo negouse a contestar, tampouco ás repreguntas: “Intentei non contestarlle á primeira pregunta, non vou contestarlle á cuarta, simplemente me parecería entrar vostede e eu nunha conversa interesante pero máis propia dunha tertulia que dunha rolda de prensa”, dixo.
Malia que outro xornalista insistiu sobre o mesmo o daquela presidente pechou a cuestión: “Sería unha falta de respecto darlle a vostede unha resposta que non dei ao seu compañeiro”, concluíu. Feijóo mesmo chegou a dicir que cando o xornalista de Praza.gal que lle preguntaba tivese unha entrevista con el podería contestarllo, pero esa entrevista nunca foi concedida.
A Xunta nunca aclarou todos os contratos públicos con empresas de Dorado, variando de explicacións, desde que xa se destruíran por antigos, a que eran moitos ou que parte foran afectados por unha inundación
Segundo dixo Feijóo aquel día e outros moitos, sobre a súa amizade en xeral con Dorado “todas as explicacións parlamentarias e extraparlamentarias xa as dei”. Pero non é así. Porque aínda non se puideron aclarar tampouco os contratos públicos que as empresas de Dorado obtiveron naqueles anos de relación con Feijóo do Goberno galego no que o segundo era alto cargo.
A Xunta deu sucesivas explicacións contraditorias para non poder amosar parte dos contratos, desde que se destruíra esa parte do arquivo porque pasara moito tempo ata que unha inundación arrasara con eles pasando por que que era moi difícil recuperar tantos documentos.
A explicación ao respecto do propio Feijóo foi que el nin asinara nin decidira ningún dos contratos. Efectivamente, non é competencia do máximo responsable do Sergas asinar contratos, pero si dirixir as súas políticas e prioridades de contratación. Feijóo falou por si mesmo, pero evitou aclarar as actuacións dos seus subordinados no Sergas ou a relación doutros departamentos da Xunta coas empresas de Dorado.
Tampouco está aclarado canto durou a relación, xa que Feijóo asegurou que rematara a finais dos 90 pero Dorado dixo que en 2001 aínda comeron xuntos a iniciativa do popular
Tamén segue sen aclararse canto durou a relación de Feijóo e Dorado. O popular di que rematou a finais dos 90, coincidindo coa súa marcha a Madrid como alto cargo do Goberno de Aznar. Aínda coincidirían no enterro en 1999 de Manuel Cruz, o condutor da Xunta que os presentara e que segundo o Servizo de Vixilancia Aduaneira era home de palla de Dorado para xestionar varios negocios. Pero o propio Dorado asegurou nunha entrevista en 2020 que o seu último encontro foi en 2001, para unha comida a iniciativa de Feijóo.
Despois, en 2003 Feijóo volveu de Madrid como conselleiro de Fraga e uns meses máis tarde Dorado era detido por narcotráfico e un delegado do Goberno avisaba a Feijóo das súas fotos, as que El País acabou publicando en 2013, aos poucos días de obtelas e tras confirmar que non eran unhas simples fotos, senón unha parte pequena dunha amizade moito maior.