O pasado 3 de abril o PSdeG rexistrou unha pregunta e unha petición de documentación no Parlamento. Coa pregunta cuestionaba o Goberno pola "relación de contratos de subministro enerxético, de combustible e informáticos da Consellería de Sanidade e dos centros hospitalarios dependentes do Sergas entre os anos 1992 e 1998, especificando as empresas adxudicatarias e os diferentes centros de gasto". Na petición de documentación pedía "copia da totalidade" deses contratos para coñecer se empresas ligadas a Marcial Dorado se beneficiaran dalgúns deles.. No canto de satisfacer o reclamado polos socialistas por escrito a Xunta enviou ao Parlamento ao secretario xeral da Consellería, Antonio Fernández Campa, quen tivo que navegar entre a afirmación de Alberto Núñez Feijóo, segundo a cal a documentación anterior a 2003 foi destruída, e a súa propia: a documentación solicitada é tan ampla que resulta "inmanexable". Que a oposición a solicite é "como se nos piden que traiamos todas as camas do Sergas ao Parlamento". "O que non pode ser non pode ser e ademais é imposible", ilustra.
Pero, "hai ou non hai" contratos, insistiu dende a bancada socialista a deputada Carmen Acuña. O alto cargo volveu tentar navegar entre as múltiples versións oficiais deste conflito para rematar a sesión sen aclarar se o Sergas contratou subministros con empresas do narco nos anos en que este se relacionaba co presidente da Xunta". "O que nos piden é copia de todos os contratos realizados pola Consellería de Sanidade e os centros hospitalarios". "Non se menciona en absoluto nin a Marcial Dorado nin as empresas de Marcial Dorado" e por iso, argumenta, el non o especifica. A documentación, insiste, "ademais de inmanexable, non se conserva" na súa "maior parte". O único que pode explicar é que neses anos o Sergas realizou 16.108 operacións contables das que 11.000 corresponden a subministros enerxéticos, por importe de 67,3 millóns de euros.
O secretario xeral escúdase en que na petición da oposición "non se menciona en absoluto nin a Marcial Dorado" nin as súas empresas
"Nós non podíamos especificar as empresas do señor Dorado porque non as coñeciamos, vostede si, porque son moi listiños", retrucou a socialista Acuña, para quen "se hai documentos, mente o señor Feijóo" e "se non os hai, mente vostede". Ademais, subliña, "o costume parlamentario" dita que "cando hai moita documentación" se "facilita a visita" ao lugar no que se atopan os papeis "para que sexa a oposición a que decida cal é a que lle interesa". Do mesmo xeito, abonda, "o señor Feijóo, que está nervioso, afirmaba hoxe que os datos que reclama a oposición os tivemos á nosa disposición" cando "tivemos responsabilidade de Goberno na época do bipartito [2005-2009]". "Se daquela estaban os documentos e agora non están, cando se destruíron e por que? Teñen algo que ocultar?", inquire.
A estupefacción non reinou só no Grupo Socialista, tamén no resto da oposición. Para Eva Solla, da AGE, a comparecencia de Campa non é máis ca "un lavado de cara" que se suma á "chapuza" que recibiu o propio grupo de Alternativa, ao recibir do Executivo "unha táboa feita cun procesador de textso sobre supostos pagamentos" e "en ningún caso, os contratos" que pedira. "Non sei se nos toman por parvos, pero non chuchamos o dedo", enfatiza Solla, quen ista o Goberno a aclarar "como nos puideron dar datos dende 1994" se o propio presidente "dixo que non había datos de antes de 2003. "Que pasaría se non fósemos nós, se fose a Fiscalía" quen pedise os papeis, pregunta. "Tamén lle ían dicir que teñen moito volume?", pregunta.
Tamén o BNG, representado na comisión por Montse Prado, considerou "unha burla" o acontecido este xoves no Parlamento. Mentres, igual que o PSdeG, os nacionalistas tamén valoran a posibilidade de que este caso teña que rematar na Fiscalía, Prado dá por "suposto" que Campa acudiu ao lexislativo "nun intento de dicir que non teñen nada que ocultar". Pero "o que se lle piden son papeis". "Queren xustificar o inxustificable" centrándose "no procedemento administrativo" pero "estamos falando doutra cousa", da "indecencia política" que supón a relación con Dorado, di. Iso, conclúe, "non se soluciona con expedientes administrativos".