Está pechada politicamente a polémica aberta polas fotografías publicadas por El País do actual presidente da Xunta nos seus tempos de número dous da sanidade pública galega no barco do narcotraficante Marcial Dorado? A oposición parlamentaria coida que non, e non só porque as instantáneas que recollen o encontro de Alberto Núñez Feijóo co narco nunha das épocas máis duras da droga en Galicia vaian perdurar "para sempre", en verbas do socialista Abel Losada. Á oposición en xeral non a convencen as explicacións ofrecidas dende o Goberno galego a respecto das relacións económicas da Administración autonómica coas empresas de Dorado, concretada nunha resposta parlamentaria ao grupo de AGE enviada simultaneamente aos medios de comunicación. Esa resposta ofrece unha relación de contratos e axudas coa Administración xeral, pero faltan os organismos autónomos dependentes da Xunta. E aí hai máis relacións, cando menos, tres máis.
O PSdeG reclama información "sobre as operacións económicas" coas empresas de Dorado, "non só pagamentos"
A pregunta respondida a AGE non é a única que se formulou ao respecto na Cámara autonómica, ben ao contrario. Hai case un mes -nomeadamente, vinte e seis días-, o PSdeG solicitou información "sobre as operacións económicas" coas compañías do narco "non só pagamentos", tamén "concesións" ou outro tipo de contratos con "ese tecido empresarial", explica Losada. "As nosas preguntas non foron respondidas e nas respostas proporcionadas a AGE, sorprendentemente, faltan os organismos autónomos", entre eles dous cos que Alberto Núñez Feijóo tivo relación directa: o Servizo Galego de Saúde e Portos de Galicia, que dependeu xerarquicamente del na súa etapa como conselleiro de Obras Públicas no Goberno de Manuel Fraga. É con Portos, precisamente, con quen Dorado tivo concesións.
Concretamente, unha ollada aos informes de xestión deste ente público, actualmente encadrado no organigrama da Consellería do Mar, permite comprobar cando menos tres concesións, dúas coa empresa Xatevín, S.L. e unha máis con Efectos Navales Arousa, as tres concedidas en tempos de Fraga. Cronoloxicamente a primeira data de 1990, cando Xatevín recibe a concesión para instalar unha "estación de servizo para subministración de carburantes" na Illa de Arousa. En 1991, na propia Illa, Efectos Navales Arousa, S.L., obtén a concesión para instalar unha "nave para subministración de efectos navais de reparación de motores mariños". Xa en 1997, unha resolución de Portos outórgalle a Xatevín a concesión para instalar "dous tranques subterráneos para subministración de combustible ás embarcacións" no peirao do Xufre, tamén na Illa de Arousa. Esta concesión tiña un longo prazo, "ata o 24 de abril do ano 2010".
A concesión de tanques para subministrar combustible no porto da Illa de Arousa caducou en abril de 2010
Os socialistas danlle especial relevancia a que estas concesións fosen con Portos, "onde tamén estivo o señor Pablo Crespo", o ex secretario de organización do PPdeG considerado un dos cerebros da trama Gürtel que formou parte do consello de administración deste ente xa con Feijóo como conselleiro. O presidente, di Losada, "mantívoo aínda que non o coñecía de nada". Esa, ironiza, é a "faciana de ONG" do xefe do Goberno galego. Neste contexto, o PSdeG "espera" que a Xunta lle proporcione a información relativa ao Sergas que lle foi solicitada, dado que o propio Feijóo "dixo que ía responder".
Mentres, dende o Grupo Popular o seu voceiro, Pedro Puy, réstalle importancia á posibilidade de que aparezan novas relacións entre a Xunta e estas empresas. "Estamos asistindo a unha situación un pouco absurda", xulga, porque "cando o Goberno contesta, o que pasa na oposición é que se queixa de que non se lle contesta", pero "o que ocorre é que non lles gusta a resposta". "A resposta que deu o Goberno inclúe o conxunto de contratos coa Administración pública e, no caso de que haxa unha petición adicional, a Xunta a dará", garante. En calquera caso Puy insiste en que "ningunha das axudas" recibidas polas empresas de Dorado "foi ilegal", porque "non saltou ningún procedemento administrativo" e "quen o fixo non tiña coñecemento ou constancia de que fosen empresas vencelladas cun narcotraficante".