O Goberno mexicano advirte de que "segue a investigar" a compra de Barreras por parte de Pemex dentro dunha operación contra a corrupción moito máis ampla
As investigacións estréitanse sobre a compra de Barreras por parte de Pemex e sobre Emilio Lozoya, ex-director xeral da petroleira detido en España e impulsor, da man da Xunta, dos principais negocios da empresa en Galicia. O Goberno mexicano, a través da Unidad de Inteligencia Financiera (UIF), advirte de que "segue a investigar" o caso do estaleiro galego dentro dunha operación moito máis ampla que inclúe pescudas que sinalan o ex-directivo polo suposto cobro en subornos dun mínimo de 16 millóns de dólares de diferentes compañías.
Así o asegura Santiago Nieto, xefe da UIF, nunha entrevista en El País. "Seguimos investigando o do estaleiro en Galicia. Está pendente tamén o de Fertinal, que non o rematamos. Presentáronse catro denuncias por fraude fiscal, peculato, suborno e lavado de diñeiro de Emilio Lozoya e a súa contorna, incluíndo evidentemente a súa esposa".
A UIF, creada en 2004 polo Executivo mexicano para colaborar na prevención e o combate dos delitos de lavado de diñeiro e de financiamento do terrorismo, é só un dos organismos que investiga a polémica compra de Barreras por parte de Pemex, unha das principais operacións que a petroleira estatal dirixida por Lozoya impulsou en Galicia xunto á Xunta.
A Fiscalía mexicana, Pemex e o Goberno azteca investigan a compra do estaleiro vigués por parte da petroleira a raíz da detención de Emilio Lozoya en España
A propia Pemex, a Fiscalía General de la República e a Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México intensifican tamén as pescudas a raíz da detención de Lozoya sobre aquela operación sinalada xa pola Auditoría Superior de la Federación (ASF), equivalente ao Tribunal de Contas en España, polas perdas económicas que supuxo, por non ser parte do negocio da empresa pública e pola opacidade e escurantismo dos contratos asinados en Galicia.
Pero a investigación sobre Lozoya vai moito máis alá. Santiago Nieto eleva agora a 16 millóns de dólares de supostos subornos na trama Odebrecht que implica varias empresas. "Todas acaban facendo transferencias a Panamá, Illas Virxes ou Mónaco", di o responsable da UIF en El País, para engadir a continuación que a súa Unidade "segue a investigar" o caso de Barreras.
"A investigación a Peña Nieto chegará, non somos tapadeira de ninguén", di o Goberno mexicano respecto do presidente que impulsou os acordos coa Xunta
O seguinte paso do Goberno mexicano será levar ese caso á Fiscalía, que xa mantén aberta unha investigación sobre esa adquisición do 51% de Barreras por parte de Pemex. Segundo fontes coñecedoras do proceso en México, as probas e testemuños que están a apañar diferentes investigadores sobre advirten de que todo empezou cando en 2012 o ex-presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, solicitou ao daquela xefe do Executivo mexicano, Felipe Calderón, que achegase diñeiro ao estaleiro vigués, un compromiso adquirido nos últimos meses do seu mandato e concretado logo con Peña Nieto. Ambos ex-presidentes están no punto de mira, segundo a prensa mexicana.
Agora, a UIF é máis clara. "A investigación a Peña Nieto chegará, non somos tapadeira de ninguén", di Santiago Nieto, sinalando ao ex-presidente que fortaleceu aquela "alianza estratéxica" entre a Xunta e Pemex e con quen Feijóo se reuniu varias veces no marco daquela colaboración.
Foi en abril de 2012, e sen case publicidade, cando Núñez Feijóo se uniu á viaxe presidencial que Rajoy levaba a cabo en México entre peticións de explicacións da oposición. Un ano máis tarde, e despois de que se anunciase aquela "alianza estratéxica" entre o Goberno galego e a petroleira, Feijóo regresou a México para reunirse con Peña Nieto, un desprazamento que repetiría máis tarde para verse tamén co agora detido Emilio Lozoya, daquela director xeral da petroleira.
Máis investigados
Segundo conta a prensa mexicana, na investigación sobre a compra de Barreras aparecen vinculados un mínimo de cinco ex-funcionarios de primeiro nivel. Segundo advertiron medios como Eje Central, a Fiscalía e a UIF traballan nunha liña de investigación que "involucra directamente" os ex-presidentes mexicanos Felipe Calderón e Enrique Peña Nieto nunhas pescudas sobre a compra de Barreras.
Fontes consultadas por Praza.gal advirten de que a investigación recaerá do mesmo xeito sobre José Manuel Carrera Panizzo, representante de Pemex no acto de sinatura do acordo coa Xunta en 2012, na altura delegado de Pemex Internacional, un dos principais protagonistas na maioría de pactos entre a petroleira e o Goberno galego e agora investigado tamén polas actuais autoridades mexicanas por presuntos sobrecustos na compra dunha compañía de fertilizantes, Agro Nitrogenados.
Tamén se investigan, segundo as mesmas fontes, as actuacións de Pedro Joaquín Coldwell, que fora secretario de Enerxía de México na mesma época e que desbloqueou, en conversas co daquela ministro de Industria, José Manuel Soria, a licitación dos dous buques floteis que Pemex acabou construíndo en Galicia.