O fiscal xeral de México, Alejandro Gertz Manero, sinala a Emilio Lozoya como "un símbolo" da corrupción que operou no país latinoamericano durante o goberno de Enrique Peña Nieto. A Fiscalía, a través do seu máximo responsable, define o ex-director xeral de Pemex durante a época na que a Xunta consumou varios negocios coa petroleira como "a expresión de toda unha forma de conducirse dunha administración e dun executivo".
O fiscal xeral de México sinala a Lozoya como "símbolo" da corrupción do goberno de Peña Nieto: "A expresión de toda unha forma de conducirse dunha administración"
En declaracións a The Associated Press, Alejandro Gertz valora o feito de que a investigación sobre a trama de corrupción do caso Odebrecht, que salpica a Lozoya e outros ex-cargos públicos de México, non avanzase antes naquel país tras xurdir escándalos en varios Estados de toda Latinoamérica. "Evidentemente, porque había unha fórmula para encubrir toda esa situación", dixo.
Mentres, o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP esfórzase en desligar a Lozoya dos negocios de Pemex en Galicia que, non obstante, segundo indicou o propio Executivo galego en 2013 e 2014, Feijóo en persoa tratou directamente con el.

Foi a principios de decembro de 2013 cando Emilio Lozoya, detido en España a pasada semana, tomou posesión como novo director xeral de Pemex. Ás poucas semanas, a empresa advertía de que os encargos de dous floteis a Galicia aínda non eran seguros. A Xunta, pola súa banda, teimaba na existencia dos famosos contratos, pero matizaba que non podía amosalos porque "non os tiña".
A Fiscalía de México considera que Lozoya defraudou, como mínimo, 280 millóns de dólares a Pemex
En abril do mesmo ano, poucas semanas despois dunha viaxe de Feijóo a México, Praza.gal adiantaba que Pemex se dispuña a mercar o 51% das accións do estaleiro vigués Barreras, operación que era tornou en oficial o 3 de maio, cando Lozoya levaba seis meses na dirección xeral de Pemex, e foi asinada no correspondente contrato en novembro do mesmo ano en presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, do devanditoCarrera Panizzoe mais de Carlos Roa, xefe de asesores de Lozoya, que pasaría a ser vicepresidente de Barreras ata 2016. Roa tamén está actualmente investigado por presuntas irregularidades na compra de plantas de fertilizantes, no coñecido como caso Fertinal.
O propio fiscal xeral de México sinala o anterior goberno de Peña Nieto pola súa corrupción e considera que Lozoya defraudou, como mínimo, 280 millóns de dólares a Pemex. A prensa daquel país insiste en sinalar as relacións de Mariano Rajoy co ex-presidente mexicano como claves nos posteriores negocios de Pemex en Galicia. Núñez Feijóo acompañara o ex-xefe do Executivo español a México en 2012 nunha xira que foi criticada pola oposición galega pola súa opacidade. Un ano despois, un escándalo electoral sacudía o plan gobernamental do país azteca ao que o presidente da Xunta fiara os investimentos en Galicia.
Agora, Institucións Penitenciarias decidiu que Emilio Lozoya sexa trasladado dun cárcere de Málaga a outro de Madrid por cuestións administrativas. A data do traslado aínda non se pechou pero a decisión adoptouse por cuestións de proximidade á Audiencia Nacional, o órgano xudicial competente para decidir sobre a orde de extradición emitida polas autoridades mexicanas.
O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno decretou o pasado 13 de febreiro o ingreso en prisión provisional incondicional e comunicada para o ex-director xeral de Pemex por entender que existe risco de fuga.

Lozoya foi arrestado en Málaga por unha orde internacional de detención emitida polas autoridades mexicanas, que o buscaban por "un delito de operacións con recursos de procedencia ilícita", equivalente a branqueo de capitais en España e que comprende unha pena máxima prevista de 15 anos de prisión.
A compra de Barreras por parte de Pemex é investigada polo Goberno, a Fiscalía, o Tribunal de Contas e a propioa petroleira estatal
Ademais doutros casos, a Fiscalía mexicana tamén investiga a Lozoya pola compra de Barreras por parte de Pemex, que foi tamén investigada polo Tribunal de Contas de México, o Goberno daquel país e a propia petroleira.
A investigación impulsada por México é a secuencia lóxica, logo das denuncias feitas por López Obrador sobre os negocios da petroleira. Nunha rolda de prensa xunto aos novos xestores de Pemex puxo o foco no acordo coa Xunta e na participación da petroleira no estaleiro vigués, que foi denunciada ante a Fiscalía.