Non é habitual que unha viaxe presidencial apenas se publicite. Cando Alberto Núñez Feijóo se despraza a outro país, como antes acontecía con Touriño e Fraga, o Goberno galego adoita ofrecer información previa sobre a maior parte dos actos que protagonizará, as xuntanzas que manterá e, en xeral, sobre os obxectivos da estancia. Pero esta dinámica vén de variar. O pasado luns Feijóo tiña como único acto na súa axenda a visita á rehabilitación dunha estrada en Abadín. A media tarde, dende San Caetano remitiuse aos medios unha escueta comunicación na que se informaba de que esa mesma noite o presidente viaxaría a México, coincidindo coa presenza" de Mariano Rajoy naquel país. E poucos detalles máis.
Feijóo viaxou a México hai apenas seis meses, daquela a Xunta si ofrecera cumprida información previa
Nomeadamente, no comunicado oficial apenas se explicaba que Feijóo manterá "diferentes contactos vinculados á promoción das empresas galegas no exterior" e "participará en diversos actos oficiais". A única concreción referíase a que sería recibido polo embaixador de España en México e, a continuación, gabábanse a "estratexia internacional" da Xunta e o "potencial" do país mexicano no ámbito económico e comercial. O martes nas formacións da oposición parlamentaria medraba a contrariedade pola ausencia de información en torno á imprevista viaxe, pero dende o Executivo mantíñase silencio. Só a última hora da tarde se emitiu unha brevísima previsión informativa: "O titular da Xunta (...) participará na recepción ofrecida polo presidente do Goberno de España á colectividade española en México. Na embaixada de España en México".
Esta situación resulta máis significativa tendo en conta que hai apenas seis meses que Feijóo estivo en México no marco dunha visita oficial que tamén o levou a Panamá. Daquela a Xunta si que ofrecera cumprida información previa sobre os actos a desenvolver, e vinte e catro horas antes xa puxo á disposición da opinión pública unha axenda que incluía, entre outros actos, a inauguración dun foro de empresarios galegos e panameños, unha xuntanza co presidente mexicano e tamén un encontro empresarial para captar investimentos para a daquela Novacaixagalicia en compañía do seu presidente, José María Castellano. Daquela tamén se deu conta doutro elemento que, a priori, resulta significativo neste tipo de estancias, como é a súa duración. Desta volta, o Executivo galego tampouco ofreceu o dato e o decreto a través do cal o conselleiro Alfonso Rueda se fai cargo do "despacho" dos asuntos da Presidencia limítase a explicar que a substitución se produce ata que o presidente regrese. Tampouco se aclarou se a reunión semanal do Consello da Xunta se celebrará o xoves, como é habitual, ou se atrasará.
Petición de explicacións e defensa dende o PP
Neste contexto, socialistas e nacionalistas reclaman, polo momento infrutuosamente, explicacións sobre a misteriosa viaxe. Dende o PSdeG o seu voceiro parlamentario, Abel Losada, anuncia que a súa formación reclamará formalmente unha comparecencia do presidente sobre a viaxe, a cal enmarca na "escuma mediática" e "política de xestos" da Xunta. No desprazamento a México Losada bota en falta ao presidente da Confederación de Empresarios, Antonio Fontenla, toda vez que a visita semella ter vocación empresarial e que a Administración galega lle achegou á patronal "18 millóns de euros" para abrir oficinas no exterior.
Na mesma liña, a voceira do BNG, Ana Pontón, lamentou "descoñecer a intencionalidade da viaxe". "O máis grave é que non informe ao país e non veña dar explicacións e solucionar os problemas dos galegos". Como Losada, a nacionalista censura que o actual Goberno rachase coa tradición, inaugurada durante o período do bipartito, de que o presidente acoda á Cámara despois de cada viaxe ao estranxeiro. Mentres, dende o PP tampouco se achegan excesivas explicacións. O seu voceiro no Hórreo, Pedro Puy, limítase a explicar que será "importante" para a "internacionalización" de empresas galegas, unha das "prioridades" da Xunta.