A contrución de dous buques hotel por parte de estaleiros galegos non é segura. Niso insiste a Praza un conselleiro de Pemex, que aclara que en caso de que a oferta galega non gañase o concurso da petroleira mexicana, terá que ser tamén o consello de administración da compañía estatal a que autorice á filial a contruír os barcos para intentar vendelos no mercado internacional.
O atraso na licitación dos dous floteis, a revelación de que os contratos son cunha filial norteamericana e a confirmación de que os contratos "confidenciais" obedecen a unha "estratexia" para asegurarse a contratación nun concurso que non dá chegado incrementan as dúbidas sobre os contratos de Pemex, que seguen sen ser claros.
Se a oferta galega non gaña o concurso, será o consello de Pemex o que decida se se poden construír os floteis igualmente
O cambio de goberno en México e a derivada renovación da petroleira veñen de provocar o atraso de cando menos tres meses na adxudicación de dous buques hoteis aos que aspiran Navantia e Barreras en colaboración cunha filial estadounidense de Pemex, PMI NASA. A petroleira aclarou en varias ocasións que a lei a obriga a realizar un concurso aberto e libre, polo que os estaleiros galegos terán que competir cunha ducia de compañías, así como a contar coa aprobación do consello de administración ao superar o investimento os 200 millóns de euros.
A filial de Pemex está convencida de que a oferta conxunta cos estaleiros galegos sería a máis rendible para a petroleira e que reuniría as mellores condicións económicas e tecnolóxicas, o que aseguraría o encargo para Galicia e o que explicaría tamén as xustificacións que PMI Internacional dá ao Goberno mexicano para manter a confidencialidade do acordo.
A cuestión é que ocorrerá no caso de que a oferta conxunta de PMI NASA e os estaleiros galegos non gañe o concurso. Nese caso, e segundo aclarou a Xunta e algún voceiro de Pemex en varias ocasións, sería a propia filial a que tería capacidade por si mesma para construír os barcos e logo ofrecelos no mercado internacional.
"PMI tería que acudir ao consello de administración de Pemex aínda que fose para ofrecer os buques no mercado internacional"
No entanto, a última palabra para que se constrúan os barcos corresponde ao consello de administración de Pemex e non á propia filial, que non podería facer o encargo sen antes contar coa aprobación da matriz. "Ao superar os 200 millóns de dólares de investimento, a propia PMI tería que acudir ao consello aínda que fose para ofrecer os buques no mercado internacional", asegura a Praza un dos conselleiros da compañía azteca.
"PMI non pode investir 200 millóns de dólares sen pasar polo consello, independentemente do traballo do que se trate; as regras internas de Pemex indican claramente que calquera investimento que supere esta cantidade ten que ter o visto e prace do consello de administración", insiste este representante da petroleira, que engade que PMI non pode asumir por si soa un encargo que se dá por seguro no Goberno galego.
Mentres, BNG e PSdeG piden explicacións polo atraso e esixen tanto á Xunta como a Navantia que faga públicos uns contratos dos que tamén dubidan xa os traballadores. Malia que tanto Barreras como o estaleiro estatal mantiveron xa contactos con Pemex para comezar os traballos, o cambio de goberno en México semella paralizar un proceso sobre o que decidirá o consello de administración da petroleira estatal e que está a mudar os seus membros. Deles dependerá a construción ou non dos floteis en Galicia.