A Xustiza de México vén de conceder a liberdade condicional ao ex-director de Pemex, Emilio Lozoya, logo de dous anos na cadea, para que continúe a preparar a súa defensa polos delitos de corrupción que lle imputan polos casos Odebrecht e da empresa de fertilizantes Agronitrogenados.
A Xustiza de México concede a liberade condicional a Lozoya, que apadriñou os negocios de Pemex en Galicia e con quen tratou Feijóo en persoa
Lozoya, detido en España en 2020 e impulsor da man da Xunta dos principais negocios de Pemex en Galicia, foi investigado e pasou a colaborar coa Fiscalía mexicana, o que estreitou aínda máis o cerco nun proceso de acusacións de corrupción e investigacións xudiciais que afectaron varios directivos máis que negociaran co Goberno galego o fracasado desembarco no país da petroleira estatal mexicana, como Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo. Agora, a súa liberación vén de provocar un escándalo en México, onde o seu presidente, Andrés Manuel López Obrador, cargou duramente contra un Poder Xudicial que considera que está "podre" e "dominado" pola "oligarquía corrupta".
O fracasado negocio da Xunta con Pemex foi só unha máis de todas as polémicas e irregularidades investigadas que aconteceron sendo director xeral de Pemex Emilio Lozoya, que enfronta máis de 40 anos de cadea por dúas causas, e a quen Feijóo intentou desligar sempre dos negocios da petroleira en Galicia malia que, segundo indicou o propio Goberno galego en 2013 e 2014, o daquela presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. O fiscal xeral de México sinalárao como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.
Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras
O acordo asinado hai 12 anos, que viña salvar o naval e dar un importante impulso ao sector en Galicia, acabou sendo máis relevante polos escándalos que o rodearon que polos seus efectos económicos. Aquel pacto entre Xunta e Pemex, que mesmo interrompeu o ritmo habitual da TVG para ser retransmitida en directo a sinatura, acabou nun fiasco e rodeado de sospeitas.
Prometéronse milleiros de empregos e, co paso do tempo, a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. A máis de vinte embarcacións ascendeu unha conta que quedou na controvertida adxudicación e construción de dous floteis e a adquisición de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado.
É esa operación no estaleiro vigués onde se centran boa parte das investigacións sobre Lozoya. As pescudas apuntan á compra de Barreras, operación á que a petroleira atribuíu a perda de 50 millóns de euros e pola que o ex-director da petroleira é investigado, ademais de por moitos presuntos casos de corrupción. O estaleiro vigués pasou en 2013 a quedar baixo control de Pemex por 5,1 millóns e acabou quebrado e logo vendido a Ritz Carlton.
Pemex presentou unha denuncia ante a Fiscalía mexicana por posible delito de administración fraudulenta por aquela compra, cando Lozoya era director de Pemex e o dereitista Peña Nieto o presidente mexicano. Foi daquela cando se acentou a deriva de Barreras, da que Pemex buscou saír así que houbo cambio de goberno e López Obrador chegou ao poder. O novo Executivo soltou lastre, sobre todo tras gañar un "litixio" á propiedade do estaleiro para recuperar máis de 13 millóns de euros e dar por "finiquitado" un proceso que "resultou ser un fracaso".
A porfía con Barreras foi o último episodio pero non o derradeiro aínda daquela publicitada "alianza estratéxica". Nunha das últimas referencias aos negocios en Galicia, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, lembrou o "fracaso" dunha operación "non produtiva" e onde non se levou a cabo "unha debida supervisión ao manexo e finanzas da empresa", malia posuír máis da metade das accións.
A Auditoría Superior de la Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa cuestionara nun dos seus informes este e outros negocios de Pemex en Galicia por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida.
Ademais, a ASF lembraba que Lozoya levou a cabou a operación malia que as auditorías pagadas pola propia Pemex desaconsellaban a compra de Barreras e advertiran de serios problemas ante os que non se tomaron "medidas para mitigar os riscos".
Agora, Lozoya é liberado do cárcere de Ciudad de México onde permanecía desde novembro de 2021, logo de que un tribunal de apelacións considerase que non existe risco de fuga. O presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador, lamentou que os xuíces deixen libres "os presuntos delincuentes de colo branco".
López Obrador, presidente mexicano, critica un Poder Xudicial "podre" por deixar libres "presuntos delincuentes do crime organizado" e ser "dominado" pola "oligarquía corrupta"
"Isto ten que ver cos xuíces, co Poder Xudicial, que deixan libres a todos. Delincuentes, presuntos, de colo branco, presuntos delincuentes de colo branco e presuntos delincuentes do crime organizado", denunciou o máximo mandatario.
"A verdade é que o Poder Xudicial está podre. Pode ser que haxa excepcións de xuíces, pero son excepción, non é a regra", dixo Obrador, que denunciou o "dominio" da "oligarquía corrupta" na xudicatura. "Tampouco é novo, nunca fixeron xustiza", insistiu logo de que a Fiscalía Xeral criticase a liberación de Lozoya por ser "un privilexio inxusto e desproporcionado" ao non ter gañado xuízo ningún.