Pemex gañoulle un "litixio" á propiedade de Barreras para recuperar máis de 13 millóns de euros e dar por "finiquitado" un proceso que "resultou ser un fracaso". O desembarco da petroleira estatal mexicana no estaleiro vigués rematou na Fiscalía daquel país, con investigacións abertas en diferentes organismos e a ameaza das revelacións de Emilio Lozoya, ex-máximo dirixente da empresa pública no momento da compra do estaleiro e detido e encarcerado acusado de múltiples operacións irregulares á fronte da compañía.
Pemex recupera máis de 13 millóns do seu investimento en Barreras logo cun "litixio" co estaleiro e un negocio que "resultou ser un fracaso"
A recuperación por parte de Pemex do investimento en Barreras logo da porfía co estaleiro é o último episodio, pero semella que non o derradeiro, daquela publicitada "alianza estratéxica" entre a petroleira e a Xunta que está a piques de cumprir unha década. Farao deixando un ronsel de promesas incumpridas, investigacións xudiciais, sospeitas, sombras e moitas dúbidas aínda por resolver.
"Se utilizó a Pemex para enriquecer a empresas privadas", titulaba non hai moito o xornal mexicano La Jornada a toda plana logo dunha rolda de prensa onde o actual director xeral da petroleira, Octavio Romero Oropeza, volveu poñer o foco nos escuros negocios da empresa en Galicia e coa Xunta, unha situación que mesmo levou a ultimar unha reforma legal que evite tal opacidade.
Desta vez, unha diapositiva específica sobre o caso de Barreras acompañaba a intervención de Romero Oropeza, advertindo do "fracaso" do investimento nunha operación "non produtiva" e onde Pemex "non levou a cabo unha debida supervisión ao manexo e finanzas da empresa", malia posuír o 51% das accións.
"Un funcionario fixo unha xira en España, dixéronlle que había un estaleiro en problemas, pechado, quebrado, e tomouse a decisión de que Pemex investise; mercou o 51% das accións para botalo a andar". Así foi como Romero Oropeza relatou a decisión para que a petroleira pasase a ser o principal accionista en Barreras en 2013, tal e como adiantara Praza.gal.
Pero, aclarou Oropeza, "Pemex non recibiu un só centavo". "Estes señores que administraban os estaleiros de Vigo crearon máis problemas á empresa e practicamente a quebraron; pretendían pagarnos as accións que nós compráramos nun dólar e que perdéramos a cantidade que puxéramos como apoio aos traballos, unha cantidade superior ás que non custaran as accións".
O litixio con Barreras é o último episodio da fracasada "alianza entre Pemex e Xunta, investigada pola xustiza e chea de sombras e promesas incumpridas
Sen facer referencia directa a Cruise Yacht, actual propietaria de Barreras, advertiu desa oferta dun dólar polos títulos de Pemex pero sen posibilidade de recuperar os máis de 8 millóns de euros para avalar a construción do cruceiro Evrima.
"Dixémoslles que non, iniciamos un litixio con eles que concluíu hai algúns meses: recuperamos o valor das accións que compráramos e o diñeiro que tiñamos como apio dos traballos; Pemex non perdeu ningún centavo e o asunto está finiquitado", resumiu Oropeza. 13,5 millóns de euros cobrados do estaleiro.
Non era a primeira vez que o actual director xeral de Pemex criticaba con dureza o proceso levado a cabo en Barreras, unha operación incluída naquel acordo "estratéxico" coa Xunta, que prometera milleiros de empregos e a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no porto exterior da Coruña. Todo quedou en dous floteis --un construído en Navantia e outro en Barreras-- e a adquisición do estaleiro vigués, que acabou quebrado.
Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras
As pescudas sobre esa compra continúan en México en varios organismos gobernamentais e xudiciais e a extradición de Emilio Lozoya, detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia, e a súa colaboración coa xustiza estreitan o cerco. A Fiscalía mexicana investiga se os acordos asinados por Pemex en Galicia deberon ser levados a cabo ou se houbo algún aspecto irregular neles, ao igual que a Secretaría de la Función Pública (SFP) e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que tamén elaborarán o seu ditame sobre a fracasada colaboración entre o Goberno galego e a empresa pública mexicana.
A Auditoría Superior de la Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, cuestionara xa nun dos seus informes o negocio en Galicia por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía a Pemex e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida.
Romero Oropeza, xa hai ano e pico, lembraba que os floteis "nunca se puideron ocupar á súa máxima capacidade" e que Pemex non os podía vender, malia os intentos, "porque estaban moi por debaixo do prezo ao que os construíu". Custaran perto de 150 millóns de euros. Desde a compra do estaleiro ata agosto de 2016, en Barreras "case non houbo actividade". "Case que viviron do negocio dos floteis", espetara.
Todas aquelas irregularidades agora investigadas aconteceron sendo director xeral de Pemex Emilio Lozoya, a quen Alberto Núñez Feijóo, intentou desligar sempre dos negocios da petroleira en Galicia malia que, segundo indicou o propio Goberno galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. O fiscal xeral de México sinalárao como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.
Queda por saber o seguinte capítulo, un máis desde que aquel 24 de maio de 2012 o Telexornal da TVG interrompera o seu ritmo habitual para conectar co salón nobre do Pazo de Raxoi e retransmitir a sinatura do acordo entre Xunta e Pemex. Da ostentación daquela, ao silencio de agora sobre uns negocios dos que si hai referencia, cada pouco, nos medios mexicanos. Pero nunca para falar de futuro, senón das sombras que se erguen sobre as alianzas do pasado.