Modificar a lexislación para evitar o escurantismo, a opacidade e a falta de información de negocios como os realizados entre Pemex e a Xunta no pasado. É a proposta que veñen de facer un grupo de deputados mexicanos na Cámara do país nun novo episodio que aumenta as sombras sobre as adquisicións que a petroleira estatal levou a cabo en Galicia da man do Goberno de Núñez Feijóo e de Emilio Lozoya, ex-director xeral da empresa, detido en España e extraditado a México acusado de numerosos delitos durante a súa etapa á fronte da compañía.
Un grupo de deputados impulsa a reforma da Lei de Petróleos Mexicanos para que a Auditoría Superior poida fiscalizar as empresas filiais de Pemex
A iniciativa impulsada na Comisión de Enerxía da Cámara de Deputados de México prevé a reforma da Lei de Petróleos Mexicanos para que a Auditoría Superior da Federación (ASF, equivalente ao Tribunal de Contas en España) poida fiscalizar as filiais de Pemex e evitar así o escurantismo e as sospeitas de operacións como as realizadas por algunhas destas firmas en Galicia.
De feito, a proposta conxunta presentada polos representantes do PRI, Movimiento Ciudadano, PVEM e PRD fai alusión a un caso concreto que acabou por ser o paradigma da desinformación e perda económica que agora se quere evitar: o encargo dos dous floteis construídos nos estaleiros galegos de Navantia e Barreras.
A iniciativa xorde pola "restrición de información" no encargo e compra dos floteis por parte de filiais de Pemex en Galicia
Aquela operación, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida, implicou a PMI Norteamérica SA --parte do grupo PMI, filial de Pemex--, que chegou a un acordo coa Xunta e os estaleiros galegos para participar no proceso de licitación levado a cabo por Pemex Exploración y Producción (PEP), outra filial da petroleira e adxudicataria final dos floteis.
Na propia proposta de reforma lexislativa, os deputados aclaran que a "suxerencia realízase en virtude da restrición da información xerada como parte das operacións das empresas filiais de Pemex, que impediu que durante a execución da auditoría se comprabara que as unidades habitacionais flotantes [floteis] Reforma Pemex e Cerro de la Pez, entregadas polos estaleiros a PMI Norteamérica, cumprisen coas características dos bens previstas nas licitacións públicas que emitiu PEP".
Refírese ao resultado da auditoría das contas públicas levada a cabo pola ASF en 2017 e que reclamaba xa daquela esta reforma do artigo 58 da Lei de Petróleos Mexicanos que agora se aborda, advertindo de que a utilización por parte de Pemex de firmas offshore no estranxeiro e sen regulación directa desde México provocou que, no caso dos floteis, tampouco se puidese "constatar que a empresa que presentou a mellor oferta para adquirir Cerro de la Pez" estivese en operación e "ofrecese os servizos de capacitación, reparación, mantemento, loxística, certificacións de calidade, seguros e supervisión na área administrativa".
A iniciativa presentada na Comisión de Enerxía da Cámara mexicana pide ampliar a competencia da ASF para que se fiscalicen as empresas filiais nas que Pemex participe, directa ou indirectamente, en máis do 50% do seu capital social, con independencia de que se constitúan conforme á lexislación mexicana ou estranxeira. Con esta referencia, a proposta alude tamén á polémica adquisición do 51% do estaleiro vigués Barreras.
A proposta pide que o Tribunal de Contas mexicano poida fiscalizar empresas nas que Pemex participe en máis do 50% do seu capital social, como en Barreras
Que saia adiante a proposta de reforma non semella difícil tendo en conta que parte da oposición cara a un Goberno azteca, o de Manuel López Obrador, que puxo o foco nos negocios de Pemex en Galicia nada máis chegar ao poder. Aos poucos meses, os dirixentes da petroleira nomeados polo novo Executivo xa advertiran de que a empresa mercou pero non asumiu ningunha responsabilidade nas decisións de Barreras ata que, anos despois, entrou en quebra. E sinalaran que os floteis construídos en Galicia "nunca foron utilizados na súa máxima capacidade" e que non puideron ser vendidos ao ser construídos cun prezo moito máis alto do que marcaba o mercado.
Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras
No fondo, a sospeita lanzada, máis ou menos velada, de que a compra do estaleiro nunca tivo a intención anunciada. E os datos, cada vez máis evidentes, de que aquel Goberno azteca xamais tivo interese en controlar o que ocorría en Galicia ou se cumpría con todas as promesas que a Xunta lle atribuía.
No futuro inmediato, o resultado das pescudas sobre os negocios en Galicia de Pemex. México ultima as investigacións en varios organismos gobernamentais e xudiciais sobre a a adquisición de Barreras que acabou, hai uns meses, coa saída da petroleira azteca do estaleiro vigués sete anos despois da súa compra e tras caer na quebra. A extradición de Emilio Lozoya e a súa colaboración coa xustiza estreitan cada vez máis o cerco.
Xa antes, Pemex ordenou unha investigación interna que acabou cunha denuncia ante a Fiscalía. Entre os sinalados, o xa detido Lozoya, pero tamén Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos coa Xunta, que incluíron a promesa de vinte barcos, plataformas loxísticas e futuras colaboracións que quedaron nos dous floteis e nunha espiral de investigacións por corrupción.
A Fiscalía investiga a compra de Barreras, na que Pemex perdeu 50 millóns de dólares, e que foi duramente criticada polo actual Goberno mexicano
A operación en Barreras, advertiu o actual Goberno mexicano, supuxo unha perda duns 50 millóns de dólares para a petroleira. A Fiscalía mexicana investiga agora aqueles acordos en Galicia para dirimir se deberon ser levados a cabo por Pemex ou se houbo algún aspecto irregular neles. Apaña datos doutras pescudas levadas a cabo pola propia Pemex, a Secretaría de la Función Pública (SFP) ou a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que en breve presentará os resultados de meses de traballo co foco sobre os negocios da empresa estatal da man da Xunta.
A propia ASF, da que agora se pretende que poida fiscalizar as filiais de Pemex, xa cuestionara nun dos seus informes o negocio en Barreras por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía á petroleira e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis.
Na súa última auditoría, que abrangue o ano 2018, insiste nas irregularidades, e o auditor, David Colmenares, cualfica como "graves" os indicios de abusos e corrupción en Pemex durante a época na que Emilio Lozoya foi o seu máximo responsable.
A ASF advirte de que Barreras "non realizou actividades que xeren valor económico a Pemex nin tampouco rendibilidade petroleira do Estado Mexicano" e que PMI, filial que mercara o estaleiro, "unicamente se dedicou a ser o seu accionista". Sen control ningún, como advertiran os novos xestores de Pemex.
A auditoría repara en que as actividades de Barreras en 2018 "non se vincularon coa cadea de valor de Pemex" ao "enfocarse ao desenvolvemento de catro proxectos" que non tiñan nada que ver co labor habitual da petroleira: a construción dun cruceiro de luxo, dun ferri e dous buques de pasaxeiros. E engade, ademais, que o estaleiro non comunicou á petroleira, "no seu carácter de accionista maioritario indirecto, o mapeo dos seus procesos substantivos e a xestión dos riscos".