A detención do ex-director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, devolveu a pasada semana ao primeiro plano da actualidade os anos en que os acordos e encargos da petroleira mexicana foron presentados polo Goberno galego encabezado por Alberto Núñez Feijóo como unha histórica oportunidade de negocio para o naval galego. A saída de Pemex do accionariado do estaleiro vigués Barreras, que fai equilibrios para evitar a quebra, foi ata agora o último capítulo no que apenas dous dos vinte barcos prometidos chegaron a ser construídos.
Durante anos, os acordos coa petroleira mexicana foron presentados por Feijóo como unha histórica oportunidade para o naval galego
Mentres, o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP esfórzase en desligar a Lozoya duns negocios que, non obstante, segundo indicou o propio Executivo galego en 2013 e 2014, Feijóo en persoa tratou directamente con el. Nunha entrevista publicada este luns por La Voz de Galicia, Feijóo asegura sen mencionar Barreras que se limitou a "agradecer" a Lozoya que "mantivese o acordo co seu antecesor" a respecto dos floteis.
Percorremos, nesta cronoloxía interactiva, os principais fitos dunha aventura naval agora salpicada, en múltiples vertentes, polas investigacións de presunta corrupción que manteñen abertas as novas autoridades mexicanas.