Non é doado ofrecer unha suma exacta das promesas de construción de barcos en Galicia que nos primeiros anos da década foron lanzadas dende a Xunta ao abeiro da "alianza estratéxica" con Petróleos Mexicanos (Pemex) dende que, na primavera de 2012, Alberto Núñez Feijóo regresou dunha viaxe a México con Mariano Rajoy avanzando unha "oportunidade histórica" para o sector naval. Durante cando menos un trienio choveron promesas que esta semana, ás portas da precampaña galega, rexurdiron cun aquel de pantasmas políticas por mor das acusacións de corrupción que as novas autoridades mexicanas lanzan contra a algúns dos ex-directivos da petroleira máis implicados nos contactos con Galicia: Emilio Lozoya, Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo.
Non é doado ofrecer unha suma exacta das promesas de construción de barcos de Pemex en Galicia; foron uns vinte e os resultados acabaron semellando máis pequenos do que foron en boa medida polas enormes expectativas que xerara a propia Xunta xunto a directivos agora investigados por México
Aínda a risco de deixar algún fóra, é posible afirmar que os prometidos barcos de Pemex, todo un xénero en si mesmo na política galega daqueles anos, chegaron a ser en torno a vinte dos que só dous foron efectivamente encargados en Galicia, os dous famosos floteis -barcos auxiliares das plataformas petrolíferas-, un construído nos estaleiros de Navantia na ría de Ferrol e o outro, no vigués Barreras despois de que Pemex mercase o 51% das súas accións. Esa compra, precisamente, foi se cadra o impacto máis relevante e duradeiro daqueles contactos, uns resultados que semellaron pequenos en boa medida polas enormes expectativas xeradas polo propio Goberno galego.
As primeiras cifras da "alianza estratéxica" chegaron en maio de 2012, cando o daquela director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, asinou con Feijóo no Pazo de Raxoi a que o presidente da Xunta definira como "unha das mellores noticias de economía e emprego dos últimos tempos". Pemex ía construír "7 remolcadores exclusivamente en estaleiros galegos" e outros tantos, "en colaboración con estaleiros mexicanos". En total, 14 buques aos que se engadía a "posibilidade de adquirir en flotel". En total, ata 15 barcos e un primeiro acordo que ía traer consigo "máis de 2,6 millóns de horas de traballo" e 2.500 empregos "entre directos e indirectos, na industria auxiliar", dixera Feijóo.
Nos meses seguintes a Xunta deu por "firme" o compromiso dos devanditos remolcadores e pouco despois, no verán do propio 2012, a burbulla das promesas seguiu medrando. O acordo con Pemex íase "ampliar" coa posible construción de "dous quimiqueiros" para os que a empresa americana ía solicitar ofertas a Navantia e outros estaleiros galegos, que optaban así a un "investimento importantísimo". Os barcos de Pemex xa eran 17.
Remolcadores, quimiqueiros e barcos abastecedores sumaban xa uns 24 barcos anunciados cando, en vésperas das eleccións de 2012, a Xunta solemnizou o encargo dos dous floteis
A carreira non cesaba e en agosto a aposta volveu subir mediante un anuncio do propio Feijóo. Pemex "ofrecía" aos "estaleiros galegos" que "participasen no concurso internacional para a construción de 7 buques abastecedores" xusto cando faltaban apenas "semanas" para a adxudicación dos catorce remolcadores.
A conta xa ascendía a 24 barcos cando, a finais de agosto, Feijóo anunciou o adianto electoral para o 21 de outubro. A menos dun mes daqueles comicios e coas cámaras da TVG en directo o presidente convocou de urxencia á prensa no Pazo de Raxoi para solemnizar o que semellaba ser o primeiro encargo formal de Pemex. Os dous floteis, un para Navantia e outro, para Barreras. "Estos contratos están avalados non só financeiramente, senón que están avalados pola convicción e polo realismo", explica o presidente.
En 2014, cando Pemex xa entrara no accionariado de Barreras, Feijóo e Conde finalizaran unha viaxe a México "certamente optimistas" dando por boas as promesas previas e anunciando "barcos adicionais na ría de Vigo"
Pasaron os comicios, o PP alargou a súa maioría absoluta e o que viña sendo un dos asesores máis próximos ao presidente en materia económica, Francisco Conde, converteuse en novo conselleiro de Industria en substitución de Guerra. Conde pasou mediaticamente ao centro da escena nas negociacións con Pemex e a comezos de 2013 lanzaba novas expectativas mexicanas. "Estaleiros galegos" podían optar tamén a contratos da renovación de 25 buques da "flota menor" de Pemex. Unha expectativa que dispararía os barcos de Pemex ata preto dos 50 de chegar a ser realidade.
Desa "flota menor" seguiu falando a Xunta na primavera de 2014, cando Feijóo e Conde viaxaron a México para reunírense con, entre outros, algúns dos directivos agora sinalados pola xustiza mexicana, como o na altura novo director xeral de Pemex, Emilio Lozoya. As ligazóns coa compañía americana sinalaba a Xunta, xa deixaran trouxeran a Galicia "dous floteis" e tamén "outros barcos adicionais na ría de Vigo, concretamente no estaleiro Barreras" mentres seguían os contactos para a "contratación da flota menor", a saber, "tanto remolcadores como barcazas e buque-tanque". "Marchamos certamente optimistas e confiados", resumía Feijóo antes de regresar a Galicia.
Pero nos anos seguintes a burbulla comezou a desinchar. En 2015 Navantia botaba o flotel construído en Ferrol, no que traballaran unhas 500 persoas fronte ás 3.000 que augurara Feijóo. En 2016 Pemex confirmaba que, alén do segundo flotel, o de Barreras, non ía haber novos encargos e pouco despois desbotaba tamén a instalación dunha base loxística no porto exterior da Coruña. Mentres, Feijóo daba en evidenciar no Parlamento que, en realidade, as promesas de Pemex que apadriñara a Xunta non dependían en absoluto do Goberno galego, senón de factores que ían dende os equilibrios de poder no Goberno de México ata os prezos do petróleo, intimamente ligados aos problemas financeiros da propia Pemex.
Os vinte barcos eran dous, relevantes nun momento de fonda crise do naval, pero cun peso moi inferior ás decenas de encargos prometidos. Esta semana Feijóo limitouse a amosar "respecto" polas investigacións abertas en México mentres "supón" que os floteis, un deles á busca de comprador, "estarán navegando"
Os -máis ou menos- vinte barcos eran, ao cabo, dous. Relevantes nun momento de fonda crise do sector naval, o mesmo que a entrada de Pemex no accionariado de Barreras, pero cun peso moi inferior ás decenas de encargos prometidos pola Xunta sen, atendendo aos resultados, máis garantías que a palabra dos directivos agora investigados en México por diferentes escándalos de presunta corrupción. Na flota menor participaron os estaleiros Freire e Armón, con contratos de deseño e compoñentes técnicos para os buques que foron construídos en México.
Preguntado ao respecto, Feijóo resaltaba esta semana o seu "respecto" polas pescudas en marcha e defendeu os acordos apadriñados por el por seren "clave" para "iniciar a recuperación da carga de traballo" no sector naval. Sobre os floteis -o construído en Vigo é parte da flota de Pemex e o de Ferrol busca comprador-, o presidente preferiu non profundar: "supoño que estarán navegando en augas do golfo mexicano; sexa no Caribe, Pacífico, no Atlántico ou en calquera outro sitio, non o sabemos", resolveu.