Detido en España o director xeral de Pemex que apadriñou os acordos co Goberno de Feijóo

Feijóo, con Emilio Lozoya en instalacións de Pemex en Ciudad de México en marzo de 2014 CC-BY-SA Xunta

A policía detivo este martes en Málaga a Emilio Lozoya, director de Pemex durante a etapa na que a petroleira mexicana e a Xunta de Núñez Feijóo acordaron unha "alianza estratéxica" que deu lugar a varios acordos que quedaron na construción de dous floteis, a fracasada compra de Barreras, unha morea de promesas incumpridas e unha denuncia da Fiscalía de México. 

A policía detivo en Marbella a Emilio Lozoya, director de Pemex que apadriñou os acordos coa Xunta e impulsou a compra de Barreras, agora investigada

Foi precisamente a Fiscalía General de la República (FGR) de México quen confirmou ás 16.30 da tarde deste martes a detención de Lozoya, prófugo da Xustiza desde hai tempo e tamén un dos principais sinalados pola trama de subornos da construtora brasileira Odebrecht. Inhabilitado xa para ocupar cargos públicos durante dez anos no seu país, o ex-director de Pemex foi tamén acusado polo Minsiterio Fiscal  por delitos como branqueo de capitais no marco da aprobación da compra, por parte da petroleira, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de diñeiro malia estaren practicamente crebadas. 

Feijóo e o conselleiro Conde, cos directivos de Pemex investigados -destacados en cor-, entre eles Lozoya CC-BY-NC-SA Praza Pública

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía Francisco Conde chegaron a reunirse e fotografarse en México en 2014 con Lozoya, que foi clave na compra do estaleiro Barreras por parte de Pemex, unha operación denunciada pola novo Goberno mexicano de López Obrador, que nunha rolda de prensa xunto aos novos xestores de Pemex puxo o foco naquel acordo coa Xunta e na participación da petroleira no estaleiro vigués, que foi denunciada ante a Fiscalía

Censuraron a administración "moi deficiente e con moitos problemas" en Barreras logo de que a empresa azteca "nunca se involucrase no negocio", así como o encargo dos floteis,  que "nunca se puideron ocupar" de todo e que non se venderon ao estar "moi por debaixo do prezo ao que se construíron". 

No pasado xaneiro, a nova dirección de Pemex criticou os negocios a petroleira coa Xunta tras denunciar ante a Fiscalía a compra de Barreras

Antes, no pasado verán, López Obrador advertira de que "rematou a corrupción en Pemex, xa non hai corrupción nos mandos superiores" e tamén puxo fin ao tempo de "tráfico de contratos e compras con sobreprezos". "O que custaba mil millóns de dólares agora págase por 700", exemplificou.

López Obrador referírase especificamente as antigas operacións de PMI, a filial internacional ligada aos negocios en Galicia. Filiais coma esa, especifica, "eran independentes", pero agora xa "teñen control da dirección" da empresa estatal. "Estamos mesmo revisando contratos de empresas que se teñen en España, con estaleiros españois, onde non había un trato xusto para Pemex". "Todo iso estase revisando e imos informar", advertiu López Obrador en aberta referencia a Barreras.

Poucos meses despois a empresa estatal denuncia ante a Fiscalía a compra do estaleiro vigués. A finais de xaneiro, na devandita rolda de prensa, o actual director xeral da petroleira cargaba contra os negocios coa Xunta. Antes, a Auditoría Superior da Federación, o equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa advertira de irregularidades na adquisición de Barreras e recomendar a Pemex que investigade os funcionarios que autorizaron investir na empresa viguesa ao non corresponderse a unha actividade que debera levar a cabo a petroleira e por omitirse información sobre a súa xustificación. 

O Tribunal de Contas de México recomendara a Pemex investigar os funcionarios que autorizaran a adquisición do estaleiro Barreras

A detención de Lozoya supón un duro golpe para o anterior Goberno azteca presidido por Peña Nieto, aliado de Feijóo naqueles acordos en Galicia, xa que o agora detido era un dos seus homes de confianza e figura do Partido Revolucionario Institucional (PRI). 

No caso Odebrecht, ters ex-directivos da construtora brasileira aseguraran que o ex-director de Pemex recibira máis de 10 milóns de dólares en subornos entre 2012 e 2016 para axudar na sinatura de contratos. 

Lozoya (segundo pola esquerda) e Panizzo (terceiro), asinando o acordo de transferencia tecnolóxica de Barreras a Pemex en xaneiro de 2014 © Pemex

Pero  hai máis casos, como o caso Fertinal, en referencia ao nome dunha das empresas adquiridas. Neste, o gabinete de López Obrador non só implica a Lozoya. Tamén outros directivos clave nos negocios en Galicia e que compartiron xuntanzas con Feijóo, co conselleiro Francisco Conde e con outras autoridades galegas nos anos dos devanditos anuncios. É o caso de Carlos Roa, xefe de asesores de Lozoya en Pemex e vicepresidente de Barreras ata 2016, que segundo o ex-propietario de Fertinal, foi quen negociou a venda da fábrica

México vincula dous ex-directivos de Pemex que sentaron no consello de Barreras nos casos Fertinal e Agro Nitrogenados, dúas factorías que a petroleira mercou con grandes sobrecustos, segundo as pescudas

Tamén José Manuel Carrera Panizzo, antigo director da filial internacional de Pemex, PMI. Panizzo fora un dos protagonistas das operacións dos floteis e a quen a Xunta presentara como un dos garantes de que Pemex ía construír en Galicia ata 14 remolcadores que nunca foron encargados. Foi tamén membro do consello de Barreras

A Carrera Panizzo e a Roa sinálanos as novas autoridades daquel país por outra compra sospeitosa en Pemex, a de Agro Nitrogenados, compañía de fertilizantes que segundo diversos medios mexicanos levaba máis dunha década paralizada e sen posibilidade de ser reactivada cando a petroleira a mercou con presuntos sobrecustos. O novo goberno do país e a propia Fiscalía tentan esclarecer se por tras de todos estes negocios sospeitosos está o ex-presidente Enrique Peña Nieto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.