"El astillero y el hotel flotante que hundirían más a Emilio Lozoya". "Buscan imputar a Lozoya por pérdidas de 50 millones de Pemex en astillero Barreras"... A prensa mexicana esperta este xoves repleta de informacións sobre a detención do ex-director xeral da petroleira estatal, varias delas con alusións aos negocios que impulsou da man da Xunta en Galicia. O caso Odebrecht, polo que foi apreixado en Málaga, non é o único que afecta o ex-dirixente, que está sendo investigado pola Fiscalía mexicana por dous casos máis, un deles a compra do estaleiro Barreras avalada polo Goberno de Núñez Feijóo.
O Goberno de México advirte que Lozoya está a ser investigado pola compra de Barreras
Así o recoñeceu este este mércores o director da Unidad de Inteligencia Financiera (UIF), órgano equivalente á UDEF en México, Santiago Nieto, que lembrou que aínda hai investigacións por concluír contra Lozoya, entre elas a adquisición de Barreras por parte de Pemex.
"Hai aínda dous casos que non foron xudicializados e estamos investigando o caso dun estaleiro en España onde hai perdas por 50 millóns de euros", dixo aos medios ao valorar a detención de Lozoya en Málaga, o que considera "moi importante para ir avanzando na política de tolerancia cero coa corrupción e a impunidade" impulsada polo presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador. O outro caso ten que ver co desvío por parte do ex-funcionario de 83 millóns de pesos mexicanos.
A investigación impulsada por México da compra de Barreras por parte de Pemex é a secuencia lóxica, logo das denuncias feitas por López Obrador sobre os negocios da petroleira. Nunha rolda de prensa xunto aos novos xestores de Pemex puxo o foco no acordo coa Xunta e na participación da petroleira no estaleiro vigués, que foi denunciada ante a Fiscalía.
O novo director de Pemex, Octavio Romero Oropeza, censurou a administración "moi deficiente e con moitos problemas" en Barreras logo de que a empresa azteca "nunca se involucrase no negocio", así como o encargo dos floteis, que "nunca se puideron ocupar" de todo e que non se venderon ao estar "moi por debaixo do prezo ao que se construíron".
"Hai aínda dous casos que non foron xudicializados e estamos investigando o caso dun estaleiro en España con perdas por 50 millóns"
Antes, a Auditoría Superior da Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa advertira de irregularidades na adquisición de Barreras e recomendara a Pemex que investigase os funcionarios que autorizaron investir no estaleiro ao non corresponderse esta operación cunha "actividade substantiva" que debera levar a cabo a petroleira e por omitirse información sobre a súa xustificación.
A Fiscalía mexicana investiga agora a Emilio Lozoya sobre aquela operación na que a ASF deitou moreas de dúbidas e da que advertiu da súa total opacidade. Avalada pola Xunta como parte daquela "alianza estratéxica" que tan só trouxo a construción de dous floteis, o negocio rematou con Barreras na quebra e os intentos --denunciados por Pemex-- de que a petroleira cedese a súa participación por un euro.
Aquel acordo de compra asinado en 2013, e adiantado por Praza.gal, incluía a construción dun atuneiro, dun buque de apoio submariño e de tres buques tanque, ademais da transferencia tecnolóxica ao naval de México. Tan só se construíu un flotel, con meses de atraso e que agora Pemex non é quen de vender tras ser construído a un prezo moito maior ao que marcaba o mercado.
O Tribunal de Contas mexicano advertiu das irregularidades e pediu investigar os funcionarios que autorizaron a compra do estaleiro vigués
Lozoya é agora sinalado por corrupción. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Economía Francisco Conde chegaron a reunirse e fotografarse en México en 2014 co ex-directivo de Pemex para avaliar o acordo subscrito.
"A nosa alianza estratéxica con Pemex é unha alianza que queremos que dure moito tempo e agardemos que así sexa", dixéralle Feijóo a Lozoya hai agora seis anos na capital mexicana. O daquela director da petroleira, segundo contaba a Xunta, advertía da posibilidade de que estaleiros galegos construísen remolcadores, a flota menor da empresa ou un buque tanque. Nada dixo ocorreu. Con todo, o xefe do Executivo galego dera as grazas ao agora detido "por ter satisfeito e por ter honrado a palabra dada por Pemex a Galicia".